No tempo que transcorreu desde que
foi escrito o que lle precede[1],
fixo-se imprescindível unha nova edizón alemá do Manifesto, e ten interese
lembrar aqui os acontecimentos con el relacionados.
Unha segunda edizón rusa, feita
por Vera Zasúlich, apareceu en Xenebra en 1882; eu e mais Marx rediximos o
prefácio. Por desgraza perdin o manuscrito orixinal, en alemám[2],
e devo traduzir do ruso, o que non beneficia para nada o texto. Este di: “A
primeira edizón do Manifesto do Partido Comunista, traduzido por Bakúnine,
fixo-se a princípios da década dos 60 na tipografia do Kolokol. Naquel tempo
unha edizón rusa desta obra podia-lle parecer a Ocidente apenas unha
curiosidade literária. Hoxe semellante ideia seria imposível.
Que o movimento proletário ocupava entón (en Dezembro de 1847) unha área muito reduzida é o que o capítulo final do Manifesto revela con toda clareza: a posizón dos comunistas perante os diferentes partidos de oposizón nos diversos países. A Rúsia e os Estados Unidos, precisamente, non fóron mencionados. Era o tempo no que a Rúsia constituia a última grande reserva a toda reaczón europeia e no que a emigrazón cara os Estados Unidos absorvia o exceso de forzas do proletariado da Europa. Estes dous países abastecian a Europa de matérias primas e eran, ao mesmo tempo, mercados para a venda da sua produzón industrial. Eran, pois, ambos os dous dun modo ou doutro, pilares da orde vixente na Europa.
Como mudou todo! A emigrazón
europeia, precisamente, fixo posível o colosal desenvolvimento da agricultura
na América do Norte, cuxa competéncia abala os próprios alicerces da grande e
da pequena propriedade territorial na Europa. Foi tambén esa emigrazón,
ademais, quen deu aos Estados Unidos a posibilidade de empreender a explorazón
dos seus imensos recursos industriais con tal enerxia e en tais proporzóns que,
en pouco tempo, há-de rematar co monopólio industrial do Ocidente europeu e,
especialmente, co da Inglaterra. Estas duas circunstáncias repercuten, por
outra banda, de un modo revolucionário, sobre a própia América do Norte. A
pequena e média propriedade agrária dos labregos, pedra angular de todo o
rexime político norte-americano, sucumben continuamente diante da competéncia
das xigantescas fazendas, enquanto nas rexións industriais se desenvolve, por
primeira vez, un numeroso proletariado a carón dunha fabulosa concentrazón de
capitais.
E na Rúsia? Ao produzir-se a
revoluzón de 1848-1849 non só os monarcas da Europa, como tambén a burguesia
europeia, vian na intervenzón rusa o único meio de salvazón contra o
proletariado que comezava a despertar. O czar foi aclamado como xefe da reaczón
europeia. Pois agora el é, en Gátchina, prisioneiro de guerra da revoluzón, e a
Rúsia está na vanguarda do movimento revolucionário da Europa.
O Manifesto Comunista propón-se
como tarefa proclamar a desaparizón próxima e inevitável da moderna propriedade
burguesa. Mas na Rúsia, a carón do florescimento febril da burla capitalista e
da propriedade territorial burguesa en vias de formazón, mais da metade da
terra é propriedade comun dos labregos. Cabe pois a questón: poderia a
comunidade rural rusa (forma por certo xá muito desnaturada da primitiva
propriedade comun da terra) pasar directamente à forma superior da propriedade
colectiva, à forma comunista ou, polo contrário, deverá primeiramente pasar
polo mesmo proceso de disoluzón que constitui o desenvolvimento histórico do
Ocidente?
A única resposta que hoxe se pode
dar a esta questón é a seguinte: se a revoluzón rusa dá o sinal para unha
revoluzón proletária no Ocidente, de modo que ambas as duas se complementen, a
actual propriedade da terra na Rúsia poderá servir de ponto de partida para
unha evoluzón comunista”.
Unha nova traduzón polaca apareceu
por aquela en Xenebra: “Manifiest Kommunistyczny”.
Apareceu mais tarde unha nova
traduzón dinamarquesa na “Socialdemokratisk Bibliothek, Kjöbenhavn 1885”. Non é
completa, algunhas partes esenciais, ao parecer por dificuldades da traduzón
suprimíron-se, polo xeral nalgunhas pasaxes notan-se sinais de neglixéncia,
ainda é mais lamentável visto que o resto da traduzón poderia ser excelente, se
se tiver un pouco mais de cuidado por parte do tradutor.
En 1885 apareceu unha nova
traduzón francesa no “Le Socialiste” de Paris; que é até o de agora a mellor.
Desta fixo-se unha traduzón para o
español, que se publicou no mesmo ano, primeiro en “El Socialista” de Madrid e
depois nun folleto: “Manifiesto del Partido Comunista” por Carlos Marx e
Federico Engels. Madrid. Administrazón de “El Socialista”, Hernán Cortés, 8.
Direi-vos que en 1887
ofreceu-se-lle a un editor de Constantinopla o manuscrito dunha traduzón
arménia, mas faltou-lle valor para imprimir un traballo no que aparecera o nome
de Marx, pensando que seria mellor que o tradutor aparece-se como autor, mas o
tradutor negou-se.
Depois de reimprimir-se diferentes
vezes na Inglaterra certas traduzóns norte-americanas mais ou menos inexactas,
apareceu por fin, en 1888, unha traduzón auténtica. Esta é devida ao meu amigo
Samuel Moore, e foi revisada polos dous antes da sua impresón. Leva por título: “Manifiest of the Communist Party, by
Karl Marx and Frederic Engels: authorized English Translation, edited and
annotated by Frederic Engels. 1888. London, William Reeves, 185 Fleet st. E. C.”.
Reproduzin na presente edizón algunhas notas escritas por min para esta
traduzón inglesa.
O Manifesto ten a sua própria
história. Recebido con entusiasmo, quando apareceu, pola vanguarda entón pouco
numerosa do socialismo científico (como provan as traduzóns mencionadas no
primeiro prefácio) foi posto depois nun segundo plano pola reaczón que seguiu
aos derrotados traballadores parisienses en Xuño de 1848, e proscrito “de
direito” a consequéncia da condena dos Comunistas en Colónia, en Novembro de
1852[3].
Co desaparecimento do cenário público do movimento operário que datava da
Revoluzón de Fevereiro, o Manifesto desapareceu tambén da cena política.
Quando a clase traballadora
europeia adquiriu forzas para un novo asalto contra o poder das clases
dominantes, nasceu a Asociazón Internacional dos Traballadores. Tiña como
finalidade englobar nun grande e único exército todas as forzas combativas da
clase traballadora de Europa e América. Portanto non podia partir dos
princípios estabelecidos no Manifesto. Devia ter un programa que non fechase às
portas as Trade Unions inglesas, aos proudhonianos franceses, belgas, italianos
e españóis, nen aos lassalleanos alemáns. Este programa, preámbulo dos
Estatutos da Internacional[4],
foi redixido por Marx con tal mestria que foi recoñecida mesmo por Bakúnine e
os anarquistas. Marx confiava a vitória definitiva das proposizóns inseridas no
Manifesto unicamente ao desenvolvimento intelectual da clase traballadora, o
qual devia resultar da aczón e discusón. Os acontecimentos e vicisitudes da
luita contra o capital, as derrotas —mais que as vitórias— non podian deixar de
mostrar aos combatentes a insuficiéncia de todas as panaceias nas que tiñan
acreditado, capacitá-los a unha comprensón profunda das condizóns verdadeiras
da emancipazón. A clase obreira depois de 1874, depois da disoluzón da
Internacional, era ben distinta que a de 1864, no momento da sua fundazón. O
proudhonismo dos países latinos e o lassalleanismo propriamente dito na Alemaña
extinguian-se, e mesmo as Trade Unions inglesas, entón ultraconservadoras,
aproximavan-se pouco a pouco ao momento en que en 1887, o presidente do seu
congreso en Swansea, podia dizer en nome delas: “O Socialismo continental xá
non nos asusta”. Mas, xá nesa época, o socialismo continental confundia-se
quase coa teoria formulada no Manifesto. E asi, en certa medida, a história do
Manifesto, reflecte até certo ponto a história do movimento obreiro moderno
desde 1848. Hoxe é, sen dúvida, a obra mais espallada, mais internacional de
toda a literatura socialista, o programa comun de millóns de traballadores de
todos os países, desde a Sibéria à Califórnia.
Quando foi escrito non pudemos chamar-lle Manifesto Socialista. No 1847 chamávan-se socialistas, por un lado os adeptos dos diferentes sistemas utópicos: os Owenistas na Inglaterra e os Fourieristas na Franza, reduzidos xá a seitas e en proceso de extinzón paulatina; doutro lado todos os charlatáns sociais que prometian suprimir as lacras sociais sen danar o capital nen o lucro. Nos dous casos, xente que se atopava fora do movimento obreiro e que buscavan apoio nas clases “instruídas”. A parte da clase obreira que chegara ao convencimento da insuficiéncia das simples revoluzóns políticas e reclamava a necesidade dunha transformazón fundamental de toda sociedade, chamava-se daquela comunista. Era un comunismo rudimentar, puramente instintivo, mais soubo receber o mais importante, e mostrou-se suficientemente forte na clase obreira para produzir o comunismo utópico: na Franza o Ícaro de Cabet e o de Weitiling na Alemaña… Asi, o socialismo, en 1847, era un movimento da clase média e o comunismo un movimento da clase obreira. O socialismo era, quando menos no Continente, cousa respeitável; o comunismo todo o contrário. Como nós mantíñamos desde un primeiro que “a emancipazón da clase obreira debe ser obra da própria clase obreira” para nós non podia haver dúvida nengunha sobre qual das duas denominazóns procedia adoptar. Mais ainda, depois nunca xamais se nos ocorreu renunciar a ela.
Proletários de todos os países,
unide-vos! Somente algunhas vozes nos respondéron, quando lanzamos
estas palavras ao mundo, há 42 anos, na véspera da primeira Revoluzón
parisiense, na qual o proletariado entrou coas suas próprias reivindicazóns.
Entretanto, o 28 de Setembro de 1864, os proletários da maior parte dos países
de Europa ocidental reuniran-se na Asociazón Internacional de Traballadores de
gloriosa lembranza. Ben é certo que a própria Internacional viveu tan só nove
anos. Mas non há prova maior que o dia de hoxe para revelar que o lazo eterno,
criado por ela, dos proletários de todos os países, existe ainda e é mais
poderoso do que nunca. Neste momento o proletariado de Europa e da América pasa
revista às suas forzas, mobilizadas por primeira vez nun só exército, baixo
unha mesma bandeira e por un mesmo fin imediato: a fixazón legal da xornada
normal de oito horas, proclamada xá en 1886 polo Congreso da Internacional,
reunido en Xenebra, e, de novo, polo Congreso Obreiro de Paris en 1889. O
espectáculo do dia de hoxe mostrará aos capitalistas e aos proprietários
agrários de todos os países que os proletários de todos os países están unidos.
Ah, se Marx estivese ao meu carón
para ver ese espectáculo cos seus próprios ollos!
F. Engels
Londres, 1º de Maio de 1890
Que unha nova edizón do Manifesto
Comunista sexa necesária, convida a diferentes considerazóns.
Ante todo convén sinalar que,
durante os últimos tempos, o Manifesto pasou a ser, en certo modo, un índice do
desenvolvimento da grande indústria en Europa. A medida que nun país se
desenvolve a grande indústria, ve-se medrar entre os operários dese país o
desexo de compreender a sua situazón, como tal clase obreira con respeito à
clase dos posuidores; ve-se progresar entre eles o movimento socialista e
aumentar a demanda de exemplares do Manifesto. Asi, pois, o número destes
exemplares difundidos nun idioma permite non só determinar, con bastante
exactitude, a situazón do movimento obreiro, mas o grau de desenvolvimento da
grande indústria en cada país.
Por iso a nova edizón polaca do
Manifesto indica o decisivo progreso da grande indústria en Polónia. Non há
dúvida que tal desenvolvimento tivo lugar realmente nos dez anos que pasaron
desde a última edizón. A Polónia Rusa, a do Congreso[5],
pasou a ser unha grande rexión industrial do Imperio Ruso. Mentres a grande
indústria rusa se atopava dispersa, unha parte estava na costa do Golfo de
Finlándia, outra nas províncias do centro (Moscovo e Vladimir), outra nos
litorais do Mar Negro e do Mar Azov, etc, a indústria polaca está concentrada
nunha extensón relativamente pequena e goza de todas as vantaxes e atrancos de
tal concentrazón. As vantaxes son recoñecidas polos fabricantes rusos, os seus
competidores, ao reclamaren arancéis protectores contra Polónia, apesar do seu
fervente desexo de voltar rusos aos polacos. Os atrancos, para os fabricantes
polacos e para o governo ruso, residen na rápida difusón das ideias socialistas
entre os obreiros polacos e na progresiva demanda do Manifesto.
Mas o rápido desenvolvimento da
indústria polaca, que sobrepasa à indústria rusa, constitui ao mesmo tempo unha
vitalidade inesgotável do povo polaco e unha nova garantia do seu futuro
renascimento nacional. O rexurdir dunha Polónia independente e forte é unha
questón que non só interesa aos polacos, mas a todos nós. A sincera colaborazón
internacional das nazóns europeias só será posível quando cada unha delas sexa
completamente dona da sua própria casa. A revoluzón de 1848, que, ao fin e ao cabo,
non levou aos combatentes proletários que luitavan baixo a bandeira do
proletariado mais que a sacar-lle as castañas do lume à burguesia, levou a
cabo, por obra dos seus albaceias testamentários —Luís Bonaparte e Bismarck—[6],
a independéncia da Itália, da Alemaña e da Hungria. Non obstante Polónia, que
desde 1792 fixera pola revoluzón mais que estes tres países xuntos, foi
abandonada a sua própria sorte en 1863, quando sucumbia baixo a presón das
forzas rusas[7] dez vezes
superiores. A nobreza polaca non foi quen de defender nen de reconquistar a sua
independéncia; hoxe por hoxe, a independéncia de Polónia é para a burguesia,
quando menos, indiferente. Sen embargo, para a colaborazón harmónica das nazóns
europeias, esta independéncia é unha necesidade. E só poderá acadar-se polo
novo proletariado polaco. Nas suas maos, o seu destino está seguro, pois para
os obreiros do resto da Europa a independéncia de Polonia é tan necesária como
para os próprios obreiros polacos.
F. Engels
Londres, 10 de Fevereiro de 1892
Aos leitores italianos
A publicazón do Manifesto do
Partido Comunista coincidiu, por dizé-lo asi, coa xornada do 18 de Marzo de
1848, coas revoluzóns de Milán e de Berlin, que fóron insurreizóns armadas de duas
nazóns que ocupan zonas centrais: unha no continente europeu, e outra no
Mediterráneo; duas nazóns que até entón estavan debilitadas polo fraccionamento
do seu território e por disputas intestinas que fixéron que cairan baixo
dominazón estranxeira. Mentres Itália estava baixo o mandato do imperador
austríaco, o xugo que pesava sobre Alemaña, o do czar de todas as Rúsias, non
era menos real, se ben mais indirecto. As consequéncias do 18 de Marzo de 1848
libertáron a Itália e a Alemaña desa dominazón. Entre 1848 e 1871 as duas
grandes nazóns ficáron reestabelecidas e, dunha maneira ou doutra, recobráron a
sua independéncia, e de feito, como dizia Karl Marx, deveu-se a que as mesmas
personaxes que esmagáron a revoluzón de 1848 foron, ao seu pesar, os seus albaceias
testamentários.
A revoluzón de 1848 fora, en toda
a parte, obra da clase obreira: ela levantou barricadas e ela pagou co seu
sangue. Mas fóron só os obreiros de Paris os que, ao derrubaren o governo,
tiñan a intenzón ben precisa de acabar à vez con todo o rexime burgués. E ainda
que tiñan xá consciéncia do irredutível antagonismo que existe entre a sua
própria clase e a burguesia, nen o progreso económico do país nen o
desenvolvimento intelectual das masas obreiras francesas alcanzaran ainda un nível
que permitise levar a cabo unha reconstruzón social. Esta é a razón pola qual
os frutos da revoluzón fóron, ao final, a parar às maos da clase capitalista.
Noutros países, na Itália, na Alemaña, na Austria, os obreiros, desde un
primeiro momento, non fixeron mais que axudar à burguesia a conseguir o poder.
Mas en nengun país a dominazón da burguesia é posível sen a independéncia
nacional. Por iso, a revoluzón de 1848 devia conduzir à unidade e à
independéncia das nazóns que até entón non o conseguiran: Itália, Alemaña,
Hungria. Seguirá-lles Polónia.
Ainda que a revoluzón de 1848 non
foi unha revoluzón socialista, abriu o camiño e preparou o terreno para a
mesma. O rexime burgués, en virtude do vigoroso impulso que deu en todos os
países ao desenvolvimento da grande indústria, criou no curso dos últimos
quarenta e cinco anos un proletariado numeroso, forte e unido e produziu asi
—para empregar a expresón do
Manifesto— os seus próprios coveiros. Sen restituir a independéncia e a unidade
de cada nazón, non é posível realizar a unión internacional do proletariado nen
a cooperazón pacífica e intelixente desas nazóns para o logro de obxectivos
comuns. Ou é posível conceber a aczón mancomunada e internacional dos obreiros
italianos, húngaros, alemáns, polacos e rusos nas condizóns políticas que
existíron até 1848?
Isto quer dizer que os combates de
1848 non fóron en balde, tampouco fóron en balde os 45 anos que nos separan
desa época revolucionária. Os frutos comezan a madurar e todo o que eu desexo é
que a publicazón desta traduzón italiana sexa un bon agoiro para a vitória do
proletariado italiano, igual que a publicazón do orixinal o foi para a
revoluzón internacional.
O Manifesto rende plena xustiza aos servizos revolucionários prestados polo capitalismo no pasado. A primeira nazón capitalista foi Itália. Marca o fin do medievo feudal e o alvorecer da era capitalista contemporánea a figura xigantesca dun italiano, o Dante, que é à vez o último poeta da Idade Média e o primeiro dos tempos modernos. Agora, como en 1300, comeza a alvorexar unha nova era histórica. Dará-nos Itália o novo Dante que marque a era do novo nascimento desta nova era proletária?
F. Engels
Londres, 1 de Fevereiro de 1893
[2] Este
orixinal do Prefácio de Marx e Engels à edizón rusa do Manifesto atopou-se no
antigo Instituto de Marxismo-Leninismo adxunto ao Comité Central do PCUS de
Moscovo, quando existia a URSS.
[3] Trata-se
do proceso (4 de Outubro-12 de Novembro de 1852) tramado polo Governo de
Prúsia, no que fóron procesados 11 membros da organizazón internacional “Liga
dos Comunistas” (1847-1852), acusados de “complot con carácter de alta
traizón”. Coa axuda de falsos documentos e testemuñas sete procesados foron
condenados a presídio entre tres a seis anos.
[4] Vexa-se C.
Marx. “Estatutos Xerais da Asociazón Internacional dos Traballadores”.
[5] A Polónia
do Congreso: denominava-se asi a parte de Polónia que baixo o nome oficial de
Reino de Polónia, pasou a Rúsia segundo os acordos do Congreso de Viena,
celebrado en 1814-1815.
[6] Napoleón
III (Luís Bonaparte) (1808-1873): sobriño de Napoleón I, presidente da Segunda
República (1848-1851) e imperador da Franza (1852-1870).
Bismarck,
Otón Eduardo Leopoldo (1815-1898): estadista e diplomata de Prúsia e Alemaña.
Na sua política exterior guiava-se polos intereses dos junkers e a grande
burguesia. Mediante guerras de rapina e afortunados actos diplomáticos logrou
en 1871 reunificar Alemaña baixo a hexemonia de Prúsia. Chanceler do Império Alemán
de 1871 a 1890. “A revoluzón de 1848, ao igual que outras muitas anteriores a
ela, tivo un destino ben estraño. Os mesmos que as esmagáron convertéron-se,
como habituava dizer Marx nos seus albaceias testamentários. Luis Napoleón
viu-se obrigado a criar unha Itália unida e independente. Bismarck tivo que
revolucionar Alemaña à sua maneira e devolver a Hungria certa independéncia…”
(Engels, Prefácio à edizón inglesa de “A situazón da clase obreira en
Inglaterra”).
[7] Alude-se à
insurreizón nacional-libertadora, iniciada en Xaneiro de 1863 nas províncias
polacas que formavan parte do Império Ruso. As tropas do Czar reprimiron-na con
crueldade. Os dirixentes da insurreizón, de tendéncias conservadoristas,
cifravan as suas esperanzas na intervenzón dos governos ocidentais. Mas estos
nunca fóron mais alá de xestóns diplomáticas atraizoando de facto aos
sublevados.
MANIFESTO COMUNISTA. Um
espectro ronda a Europa...