Comunicado do PCPG ante as Eleiçons autonómicas de 19 de Junho

2 de Junho de 2005

O Comité Nacional do PCPG, umha das forças que, junto a NÓS-UP e FPG, participou no frustrado processo de acordo para umha lista soberanista única nas Eleiçons autonómicas, fijo público a 31 de Maio um comunicado em que refere a sua visom do acontecido e posiciona-se ante o processo eleitoral. Polo interesse e o carácter esclarecedor do seu conteúdo, reproduzimos a seguir na íntegra o comunicado, respeitando as partes destacadas e a grafia originárias:

"Comunicado do Comité Nacional do PCPG ante as eleccións autonómicas galegas do 19 de xuño de 2005

1. Ante as eleccións autonómicas adiantadas do próximo 19 de xuño de 2005, inicialmente previstas para outubro deste mesmo ano, a esquerda anticapitalista e autodeterminista galega non conta, lamentabelmente, cunha candidatura unitaria. O acordo de candidatura conxunta que xa estaba practicamente acadado entre a FPG, NÓS-UP e o PCPG, que nós concebimos como o punto de partida que atraese a outros sectores da esquerda consecuente do noso país, hoxe carentes dun referente nidiamente revolucionario, foi inesperadamente impedido por unha decisión decepcionante, tanto no fondo como nas formas, dos/as camaradas da FPG, que bota por terra todo o esforzo de aproximación realizado e todo o traballo feito durante meses polas nosas tres organizacións.

2. Nestes intres, o noso pobo, lonxe de ter superado a súa situación de dependencia, segue a ser vítima do esquilmamento causado pola súa peculiar posición no reparto imperialista, segue a sofrer a destrución do seu aparello productivo e do seu entorno natural, a depredación enerxética, a explotación turística da nosa terra, a emigración forzosa como futuro para a nosa mocidade, o desprezo e a marxinación da nosa lingua e a nosa cultura nacionais... Por outra banda, a xestión dos gobernos das grandes cidades galegas feita polo PSOE-BNG ou BNG-PSOE ao longo dos últimos oito anos espremeu con absoluta nitidez o perfil e os límites políticos sobre os que se asenta a súa chamada "alternativa ao fraguismo": xestión neoliberal, pulo á especulación inmobiliaria, sistemática privatización dos servizos públicos, españolización das festas, obsesivo respecto pola legalidade burguesa, recorte das liberdades democráticas, estrangulamento dos movementos populares... Queda patente a necesidade de articulación dunha verdadeira alternativa política e social no noso país, que inevitabelmente ten que pasar polas consignas do socialismo e da autodeterminación.

3. Certamente, para as organizacións que nos reclamamos revolucionarias, o prioritario non deben ser as eleccións, senón a construción desa alternativa plural e unitaria da esquerda anticapitalista e soberanista en Galiza, con proxección de masas, para a cal a rúa, o centro de traballo e de estudo, sexa o espazo fundamental de intervención e as institucións, un instrumento de axitación e proposta revolucionaria, unha tribuna onde elevar as protestas e as reclamacións existentes na sociedade. Porén, a ruptura do acordo de unidade entre a FPG, NÓS-UP e o PCPG supón un paso atrás nese proceso de construción da alternativa alén das eleccións, un proceso no que xa se deran avances importantes nos últimos anos coa creación das Bases Democráticas Galegas, a convocatoria unitaria do último Día da Patria e o traballo conxunto na Plataforma Galega polo Non á Constitución Europea. Dita ruptura defrauda ás nosas militancias e a eses outros sectores que dende fóra seguían con interese e aprobación a nosa iniciativa, ao tempo que nos coloca na difícil tarefa de retomarmos o camiño da unidade con menos confianza e con máis reservas.

4. Nesta situación de división, que para o PCPG é totalmente indesexábel, e ante a ausencia dunha candidatura propia da nosa organización, chamamos ao voto daquelas candidaturas finalmente presentadas dende a esquerda anticapitalista e autodeterminsta que traballen pola converxencia real das nosas forzas, coa esperanza de retomarmos no futuro máis inmediato o necesario camiño da unidade. Chamamos, con todo, a un voto autenticamente de esquerdas pola liberación social e nacional de Galiza, tanto fronte a un BNG totalmente entregado ao interclasismo e ao institucionalismo, que acepta o morno autonomismo e practica o modus operandi electoral-publicitario dos partidos burgueses, como tamén fronte a unha EU-IU inconsecuente, reformista e residual, igualmente asimilada polo sistema e incapaz de asumir o feito nacional como a forma peculiar que ten de expresarse, e de ser, a loita de clases no noso país.

5. O PCPG seguirá a traballar pola converxencia real da esquerda nacional, anticapitalista e soberanista en Galiza, pola superación do tradicional particularismo e sectarismo. Este é un compromiso que se refire non só ás nosas organizacións, para teren unha inicidencia real, senón que, tamén e por enriba de todo, son a clase traballadora e o pobo galego quen precisan da unidade, pois hoxe carecen dun referente nidiamente revolucionario, dunha ferramenta de autodefensa, plural, unitaria e con proxección de masas, que contribúa a dinamizar e coordenar as loitas, dun instrumento de resistencia aberto a todas as mulleres e os homes con firmes conviccións democráticas, republicanas, patrióticas e de esquerda. Máis ca nunca, é preciso que sigamos a traballar conxuntamente nos movementos sociais, xa que a unidade é un proceso que inevitabelmente ha de seguir adiante. Un camiño longo e difícil, pero o único posíbel para gañar o futuro.

Galiza, 31 de maio de 2005"

 

Voltar à página principal