A NOVA DESORDE INTERNACIONAL. CONSTRUZÓN EUROPEIA, INTERVENCIONISMO HUMANITÁRIO E GLOBALIZAZÓN. Carlos Taibo

 

“Se é comun que os gostos muden, resulta extraordinário que muden as inclinazóns”, La Rochefoucauld

 

 

Notas de resisténcia en tempos de confusón. Domigos Antón Garcia

 

1. Das árvores que impeden ver o bosque

 

Vaia por diante o meu agradecimento a Abrente Editora por dar-me a oportunidade de prefaciar este livro. O que se espera dun introdutor? Talvez que fale do autor e da sua obra, que resuma as teses mais salientáveis, até mesmo que polemice con algunha delas, que sirva de aperitivo… Embora non vou fazer nada diso, pois seria ousado e pedante. Para que apresentar o autor, ben coñecido polos seus traballos no campo do nacionalismo e dos Novos Movimentos Sociais Alternativos (outrosi Alteractivos, como gosta de dizer Tomás Rodríguez Villasante)? Polo demais a mellor apresentazón é a leitura do próprio livro, este prólogo inclusive pode ser unha barreira (convido, logo, @s impacientes a saltá-la). Para que resumir as suas teses sexa teñen un adianto no limiar do próprio autor? Estaria ben travar polémica con algunha delas, mais non coñezo muitos dos temas en profundidade, nen ao nível do que escreve (e non se trata dunha simples qüestón retórica). Abrir o apetite? Ben que desexaria que asi fose, mas pode servir igualmente para o contrário ao modo das árvores que impeden ver o bosque ou dos farragallos que obstaculizan a chegada às quinta-eséncias. Contodo mencionarei alguns dos asuntos que analisa: as outras Europas, o défice democrático da UE, as periferias no proceso de ampliazón da UE, a OTAN, a problemática rusa, os nacionalismos da Europa do Leste, as ONGs, a militarizazón do intervencionismo humanitário, a aposta do FMI pola expansón capitalista, a globalizazón, e un longo etc. Deixa-se ver doadamentea sua actualidade e oportunidade.

 

2. Un prólogo que deveria ser epílogo

Se a filosofia é unha espécie de “regressus” platónico que, partindo do coñecimento sensorial, e logo de romper coas hipóteses

científicas, chega a un saber an-hipotético, a unha urdidura de ideias sobre o real, a unha cosmovisón, se a filosofia é un saber de segundo grau que se apoia nos saberes de primeiro grau, especialmente os científicos, compreende-se doadamente como este prefácio teria de mudar-se en posfácio. E, pois que falamos de filosofia e esta semella estar en horas baixas, vou-me permitir a licenza de reproduzir un artigo, que publiquei há uns cantos meses, sobre tal problema, sob o título Da Filosofia e do seu futuro (de considerá-lo unha digresón inútil poden ir directamente para o ponto 3). Rezava asi:

É un estereótipo dizer que a filosofia está en crise. E algo de culpa ten o desenvolvimento da Física, ao modo de teoria omnicompreensiva da realidade, ademais das razóns aduzidas con excesiva freqüéncia de que nunha sociedade dominada pola inovazón tecnolóxica non há lugar para un saber catalogado de especulativo e sen utilidade social. Mas a Física non é a Teoria Verdadeira Única, ficando fora das suas categorias problemas como o da xustiza e o da inxustiza, e a utilidade, critério quase exclusivo nun mundo comandado polo feiticismo das mercadorias, non está rifada con o verdadeiro papel da Filosofia.

Pode falar-se de inutilidade da Filosofia de limitar-se esta a ser un discurso oco, incerto, ambíguo, afastado da prática e de mudar-se o filósofo nun predicador de sincretismos doutrinais ou nun promovedor de relativismos, amiúde oportunistas, con exceso de emotividade e de subxectivismo. Embora se se foxe de enunciados declarativos, pura fraseoloxia endexamais testemuñada ou validada, para praticar o que Ricoeur chama «o ascetismo do argumento»; se as conceptualizazóns afastadas da praxe humana, esquecendo a lizón kantiana de suxeitar-se à experiéncia, transforman-se nun matinar exemplificativo, ligado à vida e à cultura; se unha mera história das ideias, en modo algun se nega a sua importáncia como arqueoloxia e xenealoxia das mesmas (Nietzsche-Foucault), un relatar doxográfico, dá pasaxe a unha disciplina actual, rica e entusiástica; se un estilo dogmático, simplificador, redutor e triturador dos conflitos se transmutar noutro motivador e problematizador;… entón vira-se en nodo central de reflexón e instrumento de luita contra a irracionalidade.

Talvez sexa preciso ocupar mais tempo en fazer ver alguns dos seus múltiplos usos:

Amostrar a futur@s médic@s, biólog@s, advogad@s… a releváncia moral das manipulazóns xenéticas, dos controlos electroquímicos do cérebro, etc. Acaso os profisionais destas matérias están en mellores condizóns que o filósofo para alertar dos riscos de tais técnicas e dos preconceitos que pairan sobre esas práticas?

Expor o papel da arte na configurazón do mundo actual. A música, o cinema, a poesia, a pintura, a fotografia… guardan relación con a criatividade, porén asi mesmo están supeditadas o imperialismo do consumo e do mercado.

Reflectir sobre a identidade pesoal tan aderida às relazóns comunitárias, à responsabilidade con a natureza da que fazemos parte, aos conceitos xurídico-políticos e ao sentimento de culpabilidade.

Manifestar o valor dos saberes lóxicos de cara a argumentar sen falácias, saber da coeréncia dos discursos e descobrir os semanticamente valeiros… E mesmo nas ciéncias da computazón para a construzón das linguaxes da programazón e a arquitectura dos circuítos de placas, onde se precisan coñecimentos respeito das conectivas proposicionais. E principalmente para meditar en torno ao carácter instrumental destes artefactos, pois que a natureza antecede às máquinas que xurden dela.

Interesar-se polo aspecto ideolóxico do problema mente-cérebro e indagar na arqueoloxia e na xenealoxia das respostas monistas edualistas.

E muitos outros asuntos. A filosofia, na vez de ser unha actividade crepuscular ao redor dun pasado xa atinxido, mudará-se nunha disciplina heurística, aferrada às ciéncias, às artes, às humanidades…, pois non se esqueza que non posui obxecto próprio, sendo unha reflexón de segundo grau sobre saberes prévios (que non teña obxecto específico non quer dizer, xa o estamos vendo, que non teña obxecto). Tamén se ocupará de modelos e experiéncias mentais pouco conformados e de conceitos deficientemente delimitados por non haver na base dos mesmos nengunha categoria ben definida.

A filosofia axudará a pensar no problema dos recursos vitais que escasean por estrago e dilapidazón, na biodiversidade que se malogra, nos concebimentos que xubxacen nas crenzas, nas instituizóns políticas que se transforman en fontes de lucro…

A filosofia oferecerá maleabilidade intelectual e conceptual à simbolizón dun mundo que muda a ritmo de vertixe. Semella mais urxente de cotio unha formazón xeral que permita adaptar-se aos cámbios produtivos, às novas especializazóns, aos novos traballos, às novas maneiras de traballar. Un xeneralista, que poda especializar-se repetidas vezes ao longo da sua vida, parece ser o operário do futuro (haveria que examinar se os novos planos educativos van por ese camiño!). E algo terá que dizer disto o filósofo-xeneralista.

A filosofia non pode estar ausente da construzón dos cadros categoriais de índole xurídica, política, artística ou científica. E cooperaá na explicazón das cosmovisóns que están detrás de cada cámbio social.

O anterior obrigará seguramente a modificar as nosas condutas, achegando-nos mais aos saberes científicos para escapar das poutas de espiritualismos falazes que debuxan mundos que non existen. E nas Faculdades de Filosofia terán de substituir-se certas matérias e programas, recoñecendo os profesores, en certos casos, que a sua preparazón de corte clerical-franquista (non se vai entrar no papel dos seminários franquistas nen das Faculdades de Filosofia en tempos de anormalidade política e penúria ideolóxica) non é a mais axeitada para traduzir en ideias o mundo actual. Non se trata de sentir-se culpáveis, mais tampouco de defender como óptimo o que son limitazóns de formazón. Estarán dispostos a reciclar-se e abrir a Filosofia noutras direczóns que non sexan un simples verniz de Ciéncias Sociais sen dominar a fundo matérias como a economia; ou Filosofia da Ciéncia sen coñecimento sério de nengunha delas; ou cavilazón respeito das artes sen entendimento da sua linguaxe; ou matinazón humanística sen fundar-se nos estudos clásicos1.

Aguarda-lle futuro à Filosofia se os ensinantes e outros se deciden a conservar o bon da tradizón, romper con hábitos perniciosos e abrir-se às novas realidades. E se o poder está en disposizón de tolerar unha disciplina crítica.

Non está de mais recordar para concluir algunhas características, e non con ánimo esencialista, do exercício filosófico: saber de segundo grau (xa se explicitou), dialéctico (traballando concontradizóns e incomensurabilidades), mundano (de tod@s e non exclusivo das Academias), non doxográfico (xa se indicou), totalizador (globalizador, holístico, interdisciplinar frente ao parcelado, mais sen pretensóns de omniabranxente), teórico e prático (traia-se à memória a vella tese de Marx: “Os filósofos teñen apenas interpretado o mundo de maneiras diferentes, a qüestón é transformá-lo”), desmascaradora de ídolos (quebradora de mitos e ideoloxias) e, en modo algun legalizadora do caos (en contra do discurso pós-moderno de que «todo vale»). En poucas palavras: un saber integral e non contemporizador con o estabelecido (2).

 

3. Unha Europa espoliadora do meio

Apesar do expresado anteriormente vou optar por seguir con o prólogo, non obstante cinxindo-me somente a catro asuntos e tentando que este texto sexa un complemento, en modo algun interferéncia ou suplantazón, do de Carlos Taibo. Serian estes: o do encabezamento do ponto 3; a relazón entre nacionalismo e ecoloxia; a micropolítica, a descentralizazón e o horizontalismo; e unha lembranza a O home unidimensional de Marcuse. Voltemos ao primeiro.

Un dos ensaístas que mais estudada ten a incidéncia negativa da UE é Ramón Fernández Durán. Del son as seguintes palavras:

“Un espectro percorre Europa: a crescente rexeizón da «Europa» definida en Maastrich. A imaxe idílica que se nos tentou vender do «proxecto europeu» está a desmoronar-se progresivamente. Cada vez fica mais claro que a «construzón europeia» é un proxecto das elites económicas e financeiras do vello continente, que está a levar-se a cabo de costas às sociedades dos distintos países da UE, que supón unha crescente desigualdade na distribuizón da riqueza, que impulsiona o crescimento do desemprego, a precarizazón e a exclusón, que está a significar un retroceso nas conquistas laborais e sociais da populazón traballadora, que afunde na contradizón Centro-Periferia, e que implica uns impactos ecolóxicos en ascenso, o que certifica o seu carácter insustentável”.

Da contra-capa de Contra la Europa del capital y la globalización económica, Talasa Ediciones, Madrid, 1996.

E nesa Europa do Capital un dos maiores e mais impactantes absurdos é a mobilidade motorizada de mercadorias e pesoas, que analisa con grande rigor o mesmo Fernández Durán en Ecología Política, 14, Barcelona, 1997. Dele son estas palavras:

“As TEN implicarán que mais de 1300 novos kilómetros quadrados de superfície ficarán cobertos directamente por cimento e alcatrán (…), sen contar o crescimento e dispersón urbana induzida (…). O que diminuirá o solo fértil disponível e tronzará ainda mais o território, especialmente os ecosistemas fráxeis, acentuando a xá de por si muito grave perda de biodiversidade (…), afectarán (están a fazé-lo xá) a áreas directamente protexidas polas directivas comunitárias (…), incrementarán substancialmente as emisóns de CO2 (…), e outra série de desastres meioambientais (…) con importantes efeitos sobre a saúde e a vida das pesoas (…), elevada sinistralidade de tránsito viário, que ademais do drama humano que significa, supón un elevadísimo custo económico para o sistema sanitário público.”

Ainda que a UE non fose a da transnacionalizazón do Capital, se se amostrase solidária e non produzise o embaratecimento enerxético, o dispéndio ecolóxico, …, seguiria existindo o problema humano de milleiros de condutores, sulcando as estradas ao modo das formigas nun traballar diário fadigante, monótono e sen sentido, na vez de optar por outros meios de transporte, como o comboio e, principalmente, reduzir o intercámbio de produtos aos indispensáveis. Mais todo isto comprometeria a unha mutazón económica radical de cara à satisfazón de necesidades básicas e à eliminazón das supérfluas e artificiais nun mundo de recursos finitos. Non se entenda o anterior como defesa do isolamento, do etnocentrismo cultural e da incomunicazón… Algo mais disto vai explicitar-se no seguinte epígrafe.

 

4. De ecoloxia e nacionalismo de esquerdas (3)

Tenta-se, sen negar a estrutura poliédrica da problemática nacional, estabelecer só a relazón entre Nazón e Ecoloxia, procedendo a separar a qüestón da Nazón do binómio no que figura ligada ao Estado e pronunciando-se en pro de que a variável ecolóxica se mude nunha constante vertebradora dun nacionalismo non sucursalista, emancipatório ou alternativo, que non sexa mero apéndice, ou mesmo un disfarce, do imperialismo económico, da centralizazón política ou da uniformidade cultural. Trata-se de apostar, logo, pola semiautarquia económica en perspectiva mundial e solidária, pola efectiva democratizazón política e polo pluralismo e a diverxéncia no cultural.

 

4.1. En contra do reducionismo ao abordar a problemática nacional.

Para o liberalismo en xeral o ascenso do nacionalismo vai parello coa modernizazón social e permite explicar o tránsito da antiga “comunidade” medieval (rural, artesanal, corporativa, hierárquica e relixiosa) à unha organizazón de tipo societário (urbana, industrial, capitalista, burocrática, “democrática” e científica, ou mellor, tecnolóxica). Unha liña que non se detén na nazón, propiciando o supra-nacional e advogando pola supresón das etnias. Un camiñar progresivo de cara à acumulazón do capital e à sua concentrazón en poucas maos, unha construzón político-militar favorecedora dese expansionismo económico e unha cultura a cotio mais homoxénea e disimulada con o apelativo de “universalista”. Embora o próprio liberalismo produzise críticas, como a de Kedouri, que acusa ao nacionalismo de actuar imperialisticamente.

Voltando às orixes, no final de XVIII, achamos un modelo de nazón liberal, construída pola vontade dunha colectividade (a ficzón dun “contrato social”) e apoiando-se en princípios constitucionais livremente aceitados e non en puras condizóns xeográficas ou antropolóxicas. Mas no alvorecer do XIX xurdirá unha focaxe alternativa: a esencialista, impregnada do romantismo e do historicismo epocal, que entende a nazón como un ser natural e vivo, herdeiro duns ancestros, con cultura, idioma, raza e relixión próprios. Tal diferencialismo mesmo semella un retroceso, unha re-feudalizazón, frente ao voluntarismo político do modelo precedente.

Para muitos marxistas o fenómeno nacional seria unha das formas da política de masas, interclasista, con unha boa dose de ideoloxia, para que o Estado, instrumento das clases dominantes, poda mascarar a sua funzón e aunar clases que non representa. Claro que nesta corrente estarian asi mesmo os seguidores de Estaline, con unha visón concordante, espera-se que unicamente na expresón literária, en bastantes pontos con o vello esencialismo, que conceden direito a autodeterminaren-se às nazóns constituídas por un território, unha língua, unha história, unhas características psicolóxicas, etc. Ben é certo que no amplo saco do marxismo tamén teñen cabida posizóns etnonacionalistas defrontadas con os nacionalismos de Estado por mor de fenómenos de colonialismo exterior, produzidos nos mal chamados países sub-desenvolvidos (como se o proceso seguido nos “desenvolvidos” fose o espello no que ollar-se), ou de colonialismo interno con luitas plurinacionais nun mesmo Estado-Nazón… Asi pois: países dependentes, periferias, periferias de periferias… O asunto complica-se. Mesmo há visóns “globalizadoras”, economicistas, que están à espera de que veña A REVOLUZÓN desde o Terceiro Mundo e que non saben muito ben qual é o papel das clases traballadoras do Primeiro.

Será o nacionalismo unha relixión, como asinala Rocker, empregada pola minoria dominante de cara a manter a sua hexemonia? Somente cobrará sentido en urdidura con a clase e con o xénero, como queria Rosa Luxemburgo? Non existe o perigo, apontado por E. Balibar, de converter as xerazóns, que se suceden nun “território”, en herdeiras dunha clase de eséncia invariável e de pensar nun fado que marca unha traxectória inamovível cara a unha meta inevitável?… Poderian multiplicar-se infinatamente as perguntas e tamén os pontos controversos.

 

4.2. Tres tendéncias no ecoloxismo (naturalismo selvaxe, desenvolvimento sustentável e ecoloxismo popular) e tres modos de entender a cultura (oficial, de masas e popular)

E con os conceitos de Ecoloxia e Ecoloxismo acontece algo semellante, a pesar de ser unha preocupazón ben mais recente. Embora, seguindo a Martínez Alier, podemos referir-nos à ecoloxia profunda ou culto à natureza silvestre; ao desenvolvimento sustentável ou modernizazón ecolóxica, que nos vende por un lado as eco-taxas e por outro a ideia de “des-materializazón” da economia; e ao ecoloxismo popular que insiste na co-evoluzón humana con outras espécies e afirma a imposibilidade da devandita “des-materializazón”.

Se relacionar Nacionalismo e Ecoloxia non parece tarefa doada, ainda o é menos ao introduzir outro elemento indispensável en tal encrucillada: o de cultura. E seguindo con os resumos haveria como mínimo que distinguir, tomando a clasificazón de Dolores Juliano, unha cultura oficial de carácter normativo, presente nas estandardizazóns económicas, políticas, estéticas… e nos sistemas científicos e filosóficos ao uso; unha cultura de masas, que busca unha produzón e un consumo uniformes (por mais que aparenten vários) a escala planetária e converte as pesoas en clientes pasivos; e unha cultura popular, local, participativa, cara a cara, indagadora…, própria das clases subalternas, sempre correndo o risco de vampirizazón por parte da cultura oficial (disposta à construzón de “miniculturas de masas”) e de desestruturazón pola lóxica mercantilista (do turismo, das políticas estatais…) quebradora da unidade entre produzón, circulazón e consumo, e que separa ao “indivíduo” da comunidade, sendo esta ocupada, mudada en lugar de espallamento, na vez de construída entre todos.

Tendo por pano de fundo a intrincada panorámica, escasamente bosquexada nas liñas anteriores, vai-se retornar ao miolo da qüestón.

 

4.3. Nacionalismo e Ecoloxia. A substituizón da lóxica imperialista da transnacionalizazón por unha lóxica espazo-temporal etnoecolóxica

Algunhas espécies vexetais e a prática totalidade dos animais teñen un comportamento territorialista ou de reparto do espazo físico como estratéxia de subsisténcia ou de conseguimento da suficiente enerxia endosomática e exosomática. Situar-se pode traduzir-se en comensalismo, cooperazón ou mutualismo, mas asi mesmo en parasitismo e depredazón. E no caso das comunidades humanas cambiar a coexisténcia por exclusón ten os ares de dever-se mormente ao sistema socio-económico e político e non a presón demográfica (como pretendia a Escola de Ecoloxia Humana de Chicago). A luita polo controlo de recursos enerxéticos, faga-se memória da guerra do Golfo ou de tantas outras, é un bon exemplo de imperialismo en aczón. A capacidade de carga dun ou vários ecosistemas non é, logo, determinante da expansividade territorial, sendo o modo de produzón o responsável principal da maior ou menor amplitude de fluxos de matéria e enerxia requeridos. É o domínio de clase condicionante en boa medida das relazóns home-natureza e pode suster-se en xeral que unha maior entropia dun sistema social está en relazón bixectiva con unha maior extensón de território a controlar, sendo de toda evidéncia a existéncia dun intercámbio ecolóxico desigual, outra maneira de dar nome ao desenvolvimento non equitativo provocado por transferéncias asimétricas e con expoliazón da natureza. Território non necesariamente contínuo, como deixa patente o capitalismo monopolista. As clases poderosas, hoxe diria-se a clase capitalista auxiliada por un Estado de carácter predominantemente instrumental, marcan en boa medida o funcionamento e o grau de apropriazón dos factores produtivos. As economias non cíclicas rompen coas semantizazóns espazo-temporais restrinxidas, coas culturas e coas étnias locais, disociando o natural do cultural e aniquilando o pluralismo ecosistémico e a polisemancia ou pluralismo simbólico, introduzindo o planeta por un camiño de acelerazón exponencial da entropia física e civilizatória. As forzas produtivas trocan-se, en expresón de Manuel Sacristán, en destrutivas.

Embora a nazón asociada desde a modernidade ao capitalismo pode disociar-se para transformar-se en oposizón do mesmo, especialmente na actual fase imperialista de destruizón da potencialidade dos países empobrecidos. O nacionalismo pode pasar de instrumento de expansón a meio de defensa para frear a sobre explorazón e favorecer a redistribuizón, negando aquelas fronteiras que lexitiman as desigualdades na satisfazón das necesidades e encarando-se coa nova divisón internacional do traballo (NDIT), externalizadora dos custos, extraídora de maisvalia a nível mundial, que emprega as novas tecnoloxias en contra da clase proletária, propugnadora dunha libertazón planetária do comércio e xeradora dun desbaratamento ecolóxico sen precedentes. Frente a un Estado reduzido cada vez mais a orde pública, defensa e fiscalidade, con tendéncia a ser mínimo no social, no educativo, no sanitário… e máximo no subsídio do privado, do especulativo e do militar, pode amostrar-se como movimento de espécie de cara a preservar as culturas tradicionais e a etnodiversidade, sen cair no “integrismo ou fundamentalismo” por mais que se compreenda doadamente como unha sublimazón de seguranza ontolóxica diante da miséria.

Un nacionalismo que terá de encarar o paradoxo das xerazóns vindeiras, entendendo a terra como usufruto, xunguindo o direito coa ética, fazendo unha aposta de democracia real a favor da vida, unha política que xunga o presente co futuro. E asi mesmo verá de resolver outro paradoxo: o da descentralizazón, ou como coordenar o local con o global, o etnonacionalismo con o internacionalismo.

O econacionalismo pulará polas eco-rexións, mas percebendo que non son as do capitalismo transnacional que procura matérias primas, mercados, mao de obra barata, vertedoiros industriais, etc., etc. Está en pugna coa diversofobia do integrismo por un lado e do imperialismo polo outro, ese imperialismo encobrido sob o eufemismo eufónico de globalizazón. Pula por un etnodesenvolvimento endóxeno, por unha ecoloxia social, política e mental, como desexava Guattari. O seu concebemento do espazo é harmónico, estruturador, en contra do esbanxamento, da invasón, da supradita ocupazón que nega a construzón dunha comunidade no marco dunha economia, unha política e unha cultura autocentradas, mas non pechadas e insolidárias, con consciéncia planetária, ecolóxicas. E dun tempo en espiral, subxectivo, en oposizón ao tempo unidireccional, unidimensional e obxectivado do Capital (un bon exemplo dese tempo obxectivado, normativizado, son os espectáculos para o povo que están a suplantar às festas populares). Combate por un horizontalismo e unha lóxica espazo-temporal imposível de conciliar coa lóxica depredadora do capitalismo transnacional. Ve de re-ontoloxizar a dimensón simbólica en ligame co meio natural, a pesar da dificuldade que supón hoxe falar de “natureza” nunha terra transformada arriscadamente pola aczón humana. É unha clase de “contrato natural e local” sen que implique substancialismo, reificazón, imobilismo, egoísmo e incomunicazón. Trata-se dunha reivindicazón da fraternidade difusa frente ao dualismo proprietário, dunha feminizazón que advogue polas mátrias face às pátrias. Un movimento pluriétnico, con funcionamento democrático, soberano e vencellado con outros confederalmente.

 

4.4. Conclusóns: Que nacionalismo?

Hoxe que está à orde do dia meter todos os nacionalismos no mesmo saco cumpre matinar outra vez sobre a dialéctica indivíduo-comunidade e pensar se os intelectuais, que se declaran maioritariamente anti-nacionalistas, non serán nacionalistas inconscientes, pois que nos seus discursos dificilmente poderán refugar temas como os seus (a família), a qüestón da sua sociedade, un Estado que funcione, un Direito (que se traduz no patriotismo da Constituizón, unha língua, etc, etc). Isto é: o problema da identidade. Ou mesmamente acontece que asumen o eu como pátria, caindo no narcisismo e na petuláncia. E non sobra perguntar-se:

Na crise do Estado-Nazón a crise é do Estado, da Nazón ou de ambos os dous?

Ao falarmos de nacionalismos agresivos radica o perigo no nacionalismo ou na agresividade?

Está o nacionalismo rifado coa ética universalista? Non será o momento de que a tan cacarexada “toleráncia” (por mais que tolerar signifique “agüentar”) se traduza en respeito pola diferenza para emprender un diálogo intercultural?

Non cabe un nacionalismo democrático, mais de democracia real, participativa, non nominalista, revalorizadora dos povos e das culturas, crítica, non puramente retórica ou de xustificazón ideolóxica…?

Ainda que os maniqueísmos sempre son redutores, ainda que non se negue a sua potencialidade pedagóxica, pode-se por desgraza falar de dous tipos de nacionalismo: o sucursalista e o emancipatório, alternativo ou alter-activo. Un nacionalismo, que se reduza a prestar o seu nome e os seus signos identitórios aos poderes económicos, políticos e ideolóxicos do imperialismo-monopolista, será un nacionalismo subordinado, sucursalista. Pola contra un nacionalismo que combata a depredazón capitalista, pulando por economias de semiautoabastecimento, ecolóxicas, que afunde na democratizazón das decisóns políticas e no desmantelamento do aparello industrial-militar e que veña de esforzar-se de cotio na defensa da expresón plural será un nacionalismo alternativo, defensor portanto das microeconomias polivalentes, das micropolíticas (achegar a política ao quotidiano, desprivatizar a política) e das microculturas (convivendo osmáticamente nun mesmo espazo e abrindo-se à viziñanza) frente aos macropoderes e aos macromercados. Un nacionalismo que non se adique a administrar e amainar as crises do capitalismo.

 

5. De micropolítica, descentralizazón e horizontalismo (4)

“Ainda que a maior parte das ONG son cada vez mais instrumentos do neoliberalismo, há unha pequena minoria que tenta desenvolver estratéxias alternativas que apoien a política de clases e o antiimperialismo. Nengunha delas recebe fundos do BM ou de dependéncias governamentais estadounidenses ou europeias. Apoian os esforzos para ligar o poder local co poder estatal. Relacionan os proxectos locais cos movimentos nacionais que ocupan, defenden a propriedade pública e nacional contra as multinacionais…

Nunha palavra, non son pos-marxistas.”

PETRAS, James: “O pos-marxismo rampante. Unha crítica aos intelectuales e às ONG”, Abrente, 5, Compostela, xullo 1997.

Os novos movimentos sociais alternativos ou alter-activos, que están na crista da onda do pólo emancipatório, incluen un amplo abano que vai desde os movimentos de protesta xuvenil até os movimentos pacifistas, pasando polos feministas, anti-nucleares, urbanos, ecoloxistas, etc. Son antimodernistas, no sentido de anticapitalistas, fazendo qüestón da ideia de progreso indefinido e sendo o ecoloxismo o seu elemento vertebrador e aglutinador. Ven de revitalizar a utopia, unha ciéncia autocrítica e unha economia moral como resisténcia ao crescimento cego e luita contra o que Manuel Sacristán chamava forzas produtivo-destrutivas. Unha oposizón ao taylorismo que conduz ao suicídio planetário. Pulan pola desprivatizazón do cidadán de cara a recuperar o animal político, comunitário, que quer resolver e organizar a vida pública, que se resiste à burocratizazón da vida política, que non tolera que o introduzan no lar e o arrodeen de enxeños mecánicos para ocupá-lo e distrair a sua capacidade cívica. Afundan na democracia, nas decisóns asembleares, na conquista de autonomia, identidade e autodeterminazón frente às megalotécnias, à pseudociéncia tecnocrática e a despersonalizazón. Protestan contra o círculo vicioso da violéncia estrutural, peculiar dun sistema do non-paritário, provocadora de violéncias insurreccionais, que son desbaratadas polos mecanismos da violéncia institucionalizada (faga-se memória de muitas páxinas de Helder Cámara ou de Roger Garaudy)… Un novo estilo de vida oposto ao verticalismo… Mas, como indica o texto de Petras, existe un grave perigo de vampirizazón institucional, de funcionarizazón, de marxinalidade e de guetizazón, que fai urxenteunha coordenazón e vencellar todos eles cos vellos movimentos de luita de masas. Nen uns son tan vellos, nen outros tan novos… O problema está, para uns e para outros, en non deixar-se tragar polo sistema5.

 

6. Unha lembranza de “o home unidimensional” de Marcuse

Hoxe que está tan de moda, particularmente en meios franceses, falar de pensamento único, en correspondéncia coa mais que discutível globalizazón, non sobraria retrocedermos para o ano 64 e fazer memória do luminoso ensaio de Marcuse no que denunciava que sob un aparente pluralismo de partidos, poderes, mass media, etc. se agochava unha organizazón totalitária, pois a tecnoeconomia está ao servizo dos monopólios e manipula as necesidades, mercantiliza a cultura e obstaculiza a criatividade. Denuncia ali as falsas necesidades fortificadas pola sociedade da opuléncia: produtivismo, consumismo, traballo estupefaciente inecesário, ócio asi mesmo estupefaciente, livre competéncia a prezos políticos, imprensa livre con auto-censura, livre eleizón de marcas… Avisa de que escoller mercadorias e servizos non significa liberdade, quando se trata de necesidades impostas, somentes indica eficácia de controlos, que son menos óbvios que en etapas precedentes, están mais mascarados, o que apresenta como impraticável a reaczón en contra dos mesmos. Ademais están a desaparecer as forzas históricas que simbolizavan novos tipos de vida (os partidos, sindicatos, etc., están en crise). Alén diso, os indivíduos identifican-se coa sua sociedade e coa sociedade en xeral: o imperialismo económico estende-se à política e à ideoloxia. Asiste-se a unha reificazón: a lei das cousas, do mercado, do consumo… muda-se en lei das persoas… E o operacionalismo nas Ciéncias Físicas e o condutismo nas Ciéncias Humanas, o tratamento empirista e positivista dos conceitos, son tamén sintomáticos desta unidimensionalidade. Pratica-se un reducionismo que confunde os conceitos co conxunto de operazóns, eliminando o intraduzível das mesmas. Suprime-se a dimensón transcendente da razón, caindo nun puro instrumentalismo. Iso si: os espiritualismos de todo tipo son compatíveis co status quo. Manipulan-se os conceitos. Asi: livre é o que se considera livre no chamado “mundo livre” (recorde-se que nestas datas funcionava a política de blocos); o anarquismo e o comunismo posuen conotazóns negativas; o socialismo significa atentar contra a liberdade de empresa… Mesmo haveria duas liberdades: a capitalista e a comunista… E a filosofia traballa a favor dos poderes existentes. A transcendéncia histórica ou superazón da situazón actual considera-se unha qüestón metafísica. A sociedade avanzada pon a ciéncia e a técnica ao servizo da dominazón. En suma: a criazón dun universo totalitário pola racionalidade tecnolóxica en favor da represón…

Algun dia, non mui lonxiquo, penso voltar sobre estes temas con menos precipitazón e mais tempo e sen que, cousa ben difícil, queden fora ideias esenciais, o que conduz a que te laies pouco despois do que puderas ter escrito6. Contodo o importante é ler o livro de Carlos Taibo. E aos que non saltaron o prólogo xá non os entreteño por mais tempo.

 

Domingos Antón Garcia Fernández

 

Notas

 

1. Nun tempo no que está na moda falar de “Humanidades”, querendo introduzir en tal fardo à Filosofia, cumpre lembrar que estas foron no alvorecer da Modernidade unha recuperazón da Cultura Clásica greco-latina para fornecer de materiais o antropocentrismo en combate co teocentrismo ideolóxico medieval. No XIX fazia-se unha divisón maniqueia en Ciéncias da Natureza e Ciéncias do Espírito, mas hoxe deve superar-se ese dualismo empobrecedor (Natureza/Espírito, Artes Mecánicas/Artes Liberais, Ciéncias/Letras) e abrir as Humanidades e as Ciéncias Sociais a un labor interdisciplinar coas Ciéncias Naturais. E mesmo comezar por discutir os nomes. Acaso é mais humana unha Literatura que unha Xenética Humana? É mais social unha Economia que unha Ecoloxia? É mais moralizadora unha Filosofia Moral que a Termodinámica dos procesos irreversíveis?

Claro que a discusón non vai por tais roteiros. A reforma educativa non procura un ensino mais xeral, mais globalizador, menos especializado, mais humanístico (no sentido de integral). A polémica centra-se nos contidos da História, da Literatura, e pouco mais, entrando en liza os nacionalismos periféricos, e mesmo certos rexionalismos, e o centralismo español. Uns buscan explicar o diferencial (sempre haverá que enquadrá-lo no quadro español, europeu, mundial…) e outros pensan que periga a unidade de España, ainda que terian de decatar-se da recente história de tal conceito. Asi pois, a pugna, como quase sempre, é política e está carregada de ideoloxia.

2. Quero recoñecer a déveda destas liñas co artigo de Carlos João Nunes Correia en Philosophica, 6, Lisboa, 1995. Ali indican-se as fontes que el emprega. E asi mesmo muitas páxinas de Gustavo Bueno e de colaboradores del como Alberto Hidalgo, Carlos Iglesias, David Alvargonzález, etc.

O artigo reproduzido foi publicado en A Nosa Terra o 8 de abril deste ano e rectificado, nalgunha liña, no mesmo meio, o dia 23 do mesmo mes. Tamén se aproveitava a rectificazón para introduzir explicazóns complementares.

3. Este apartado reproduz o artigo publicado en Análise empresarial. Revista Galega de Economia e Ciencias Sociais, 27, Noia, 1998, salvo o aparello bibliográfico no que se recoñecia, citando expresamente vários livros ou revistas, a déveda contraida con Roberto Bermejo, Fernández Buey, Ramón Fernández Durán, Martínez Alier, José Manuel Naredo, Jorge Riechmann, Manuel Sacristán, Jorge Stratós, Iñaki Bárcena, Víctor M. Toledo, Isidro Sepúlveda, Dolores Juliano, Garrido Peña, González Molina, Javier Encina, Juan Carlos Mejías, Boris Frankel e Ramom López-Suevos. Para o problema central, especialmente, Garrido Peña e González Molina. Quanto à ideia de «nacionalismo inconsciente» está inspirada en Jorge Stratós.

4. Este epígrafe corresponde-se coa alínea 3 do artigo “Notas para unha crítica do liberalismo” en Terra e Tempo, 4 (II Xeira), Santiago de Compostela, 1997. Produzen-se algunhas reiterazóns en relazón co epígrafe anterior que son fruto da reproduzón literal.

5. En Abrente, 5, Compostela, 1997, pode-se ler o artigo de James Petras sobre “O posmarxismo rampante. Unha crítica dos intelectuais e das ONGs”

Hoxe que está na moda, dentro da “esquerda”, o fazer crítica do Estado frente à sociedade civil, cumpre transcrever estas palavras de José Manuel Bermudo:

“O estado é a forma moderna, capitalista, de organizar-se o poder político e a política nas nosas sociedades; é portanto unha organizazón do poder nunha sociedade de indivíduos con direitos. A soberania e o contrato teñen de ser pensados dentro destas coordenadas, sen ceder diante da tentazón constante no pensamento liberal de usá-los en contra do Estado. En definitiva, o estado moderno actual é a outra cara dunha sociedade de indivíduos; reivindicar a sociedade civil contra o estado, quando non é saudade da comunidade própria da cidade-estado ou da sociedade estamentária e corporativista medioeval, é simples inxenuidade, simples ignoráncia de que un estado con mais expansón social vai de consun cunha sociedade mais individualizada”.

Tomado de Filosofia política, Edicions Universitat de Barcelona, 1997. Páx. 227.

O texto de Petras e o de Bermudo deven servir de adverténcia, respectivamente, de que as ONGs son con demasiada freqüéncia sucedáneos dun Estado capitalista que renunciou a ser Estado de Benestar e de que os conceitos teñen de ser empregados con propriedade.

6. Sobre algun destes temas vexa-se “Algunhas anotazóns a respeito do Neoliberalismo” en Abrente, 8, Compostela, maio 1998. E “Qüestóns desputadas a respeito de cosmopolitismo, eurocentrismo de esquerdas, democracia, nacionalismo español e estatalismo” en Abrente, 10, Compostela, outubro 1998.

 

Limiar

 

Voltar ao índice