A
NOVA DESORDE INTERNACIONAL. CONSTRUZÓN EUROPEIA, INTERVENCIONISMO HUMANITÁRIO E
GLOBALIZAZÓN. Carlos Taibo
Limiar
1. Há outras
Europas mas non están nesta
Nada ten de estraño que os
conceitos que utilizamos amiúde sexan, tambén, os mais evanescentes.
Encontraremo-nos todos nun aperto, por citar dous exemplos, se nos vemos
obrigados a precisar que e o que entendemos por “Europa” ou en que pensamos
quando falamos de “Ocidente”. E, contudo, parece fora de discusón que, apesar
da sua indefinizón, conceitos como os que acabamos de invocar marcan
poderosamente muitas das nosas reflexóns e se quadra as reconduzen de maneira
indesexada.
Un deses conceitos, o de “Europa”,
há tempo que escapou das mans dos xeógrafos. A estes presta-se-lles hoxe pouca
ou nengunha atenzón quando se dan à tarefa, polo demais mui respeitável, de
identificar divisórias de águas nos Urais ou no Cáucaso. “Europa” ten-se
convertido nun couto privado de políticos, funcionários e xeoestrategas, que
gostan de entenderen o conceito, e de manipulá-lo, segundo as exixéncias das
suas disciplinas ou traballos. Ao abeiro da enorme pluralidade de leituras que
semellante liberdade permite, mamente poden surpreender as confusóns
intencionadas, os incertos adxectivos que se acrescentan ou as fuxidas dos
infernos que algunhas comunidades humanas decidiron protagonizar.
Entre as primeiras, as confusóns
intencionadas, a mais chamativa dos nosos dias é, sen dúvida, a que dá en
identificar “Unión Europeia” e “Europa”. O carácter visivelmente dinámico da
primeira –quando menos en comparazón co que fica afora dela– puxo-lle asas a un
discurso reduzionista que muitos se aprestarán a negar mas que brota por todas
partes. Quando se fala, por exemplo, dunha “defesa europeia”, a ninguén se lle
ocorre pensar que se está a falar doutra cousa que da “defesa da Unión
Europeia”. Quando se fala, e poñamos outro exemplo, da “europeizazón” da
República Checa, Hungria ou Polónia esquece-se expresamente a condizón europeia
–o que, se non, haverian de ser– deses tres países en proveito da sua
homologazón coa UE.
Mais rendível é, contudo, a
qüestón dos adxectivos. Poucos son os que dominan os segredos dunha
terminoloxia que distingue –sexamos xenerosos– entre “Europa do Leste”, “Europa
oriental”, “Europa central”, “Europa central e oriental” ou “Europa
central-oriental”. E que conste que non esgotamos, de modo nengun, as
posibilidades. Os estudosos que algun respeito teñen pola precisón están hoxe
obrigados a daren conta, nos prólogos dos livros, das suas sisudas opzóns
terminolóxicas, que a miúdo pasan polo rexeitamento de xeopolíticas
tresnoitadas –a que levou à xestazón dunha equívoca “Europa do Leste”–, polo
desígnio de non aceitaren tranquilamente as denominazóns que alguns grupos
humanos reservan para si –”Europa central”– ou pola vontade de non se deixar
levar en exceso polas subterráneas imposizóns de línguas mais poderosas que as
nosas. Nestas discusóns aprecian-se, de qualquer modo, visóns diferentes dunha
qüestón decisiva, a de até onde chega Europa, que nos feitos, e ao menos no último
decénio, só se manifestou en relazón cos polémicos limites orientais do
continente.
Non faltan, enfin, e como
anunciávamos, as fuxidas dos infernos. Várias son as comunidades humanas que
parecen ter chegado à conclusón de que, escapando imaxinariamente para o centro
do continente, e se é o caso para o norte, estarán escapando tambén da barbárie
e da miséria non europeias. Sabido é que son muit@s @s cidadáns polac@s,
chec@s, eslovac@s, húngar@s, ucranian@s, moldav@s, romen@s ou búlgar@s que
rexeitan con acrimónia o qualificativo de “europeus orientais” e reclaman
altivos a sua condizón de “centro-europeus”. Nunha modulazón do anterior, non
está de mais recordar que nos Balcáns se asiste, desde há bastante tempo atrás,
a un intento –o das comunidades mais setentrionais dunha península tambén preñe
de indefinizóns– de pór distáncia con respeito a unha história aparentemente
tráxica que tantos tópicos ten xerado. Aí están, se non, para testemuñá-lo, @s
esloven@s e @s croatas de arestora, que teiman en reivindicaren, tambén, o seu
pedigree centro-europeu e en abandonaren a marchas forzadas, cara ao norte, uns
Balcáns que agora lles resultan alleios.
Non é azarento, en modo nengun,
que todos os exemplos que viñeron no noso valimento procedan dunha ampla zona
xeográfica que, no que nos interesa, limita por oriente coa disputada fronteira
entre a Europa e a Ásia. E non é azarento, en primeiro lugar, porque nesa
incerta fronteira, ali onde non há mares e estreitos de por meio, brotan alguns
dos mais fundos problemas da “europeidade”; entre eles conta-se, como non, o
relativo a onde remata Europa, se nos Cárpatos, nos Urais ou nas afastadas
ribeiras do oceano Pacífico. Unha segunda razón que explica a xenerosidade na
proliferazón de exemplos oferecen-na as disputas relativas a aquelas
comunidades humanas que, aos ollos de tantos, cederon parte da sua
“europeidade” en benefício dunha ambígua condizón “euro-asiática”. Agreguemos,
ao fin, en terceiro lugar, e por se pouco fose, a heranza duns socialismos
irreais tambén pendentes de caracterizazón e submetidos a unha acre disputa
entre os que prezan neles rebentos “ocidentais” e os que preferen procurar, na
sua textura, as pegadas de mitolóxicos modos asiáticos de produzón.
Comecemos polo final: ainda se
mantén aberta unha azeda disputa sobre o sentido xeral dos procesos que gañaron
terreno, en Outubro de 1917, no que un lustro depois pasou a coñecer-se como
Unión Soviética. A disputa que eslavófilos e ocidentalistas manteñen en Rúsia
desde há vários séculos tivo o ano mencionado un novo e singular rebento.
Apesar que non falta quen, guiado por singulares cosmovisóns ideolóxicas, ve na
revoluzón de Outubro un novo xermolo eslavófilo –dito sexa de paso, e por
questionar outra imposizón terminolóxica, nengunha razón de peso obriga a negar
a condizón europeia da eslavofilia–, o comun, e neste caso o mais razoável, é
apreciar naquela un poderoso pulo ocidentalizante.
No seu desígnio de terminar dunha
vez por todas coa “anormalidade” rusa, o que ao cabo os bolcheviques impuxeron
sobre o terreno foi unha construzón importada de Ocidente. Dela fazian parte
tres mercadorias ocidentais: unha visón do mundo –o marxismo–, unha “técnica”
política –o xacobinismo– e unha teoria do desenvolvimento das forzas produtivas
caracterizada pola idealizazón do capitalismo –eis, se non, para confirmá-lo, a
admirazón de Lenine polo “capitalismo de Estado” xermano– e das suas
prestazóns. Esas tres mercadorias ideolóxicas xurdiron no miolo de Ocidente e
obrigan a suspeitar de quen, con afoita alegria, ten trazado unha clara liña de
separazón entre un proxecto ocidental, o capitalismo, e outro xenuinamente
“oriental”, o comunismo. En qualquer das suas manifestazóns, as benignas e as
miseráveis, este último é, polo contrário, un mais dos produtos de Ocidente,
algo que ben saben, por certo, muitos povos do Terceiro Mundo.
Nada do anterior impede que coa
pasaxe dos anos, e se quadra por efeito da “anormalidade” rusa, o que en orixe
era un proxecto ocidentalizante divise un desígnio doutra natureza. Nisto
exerceron tambén a sua influéncia, non sen algun paradoxo, as próprias
poténcias ocidentais do momento, entregadas a unha tarefa de presón sobre o
rexime nascente que abofé tivo poderosos efeitos. Ainda asi, parece obrigado
lembrar que boa parte da construzón estalinista posterior mantivo os seus
vínculos co proxecto ocidentalizante primitivo, algo que ten o seu reflexo
nunha dimensón significativa: a condizón inequivocamente “moderna” que aos
ollos de tantos –fascinados polo rápido crescimento económico dos anos trinta–
exibiu, durante tanto tempo, a Unión Soviética de Staline. O resultado final do
proceso non foi outro que un novo rebento no que se davan cita, nunha
orixinalísima combinazón, atavismos e modernizazóns, orientes e ocidentes.
Surxira un universo que, como sucedia no pasado, estava a cavalo de dous
mundos.
Os alicerces do que hoxe coñecemos
co nome de Unión Europeia puxeron-se –non devemos esquecé-lo– nos mesmos anos
en que adquiria todo o seu peso a confrontazón entre os dous grandes blocos que
xurdiron no remate da segunda guerra mundial. Dificilmente esta segunda
condizón podia deixar de fazer sentir os seus efeitos sobre o primeiro dos
procesos. A construzón europeia nasceu acreditada por unha dupla tensón: se por
un lado existia unha inequívoca consciéncia de que algo faltaria sempre no seu
deseño enquanto os países “do Leste” non acabasen por somar-se a ela, polo
outro eses mesmos países eran obxecto de ollares pouco afectuosos. Neles
apreciava-se unha nova barbárie que non era senón unha reaparizón de
singularidades entre as que se contavan a auséncia de xenuínas “experiéncias
democráticas”, a leviandade dos procesos de industrializazón ou a primazia de
nacionalismos de base obscenamente étnica. As cousas asi, a incorporazón dos
países “do Leste” só podia conceber-se en termos de absorzón, e nunca en
virtude dunha mútua comunicazón e influéncia.
É verdade, contudo, que a barbárie
en qüestón reclamava dun matiz: os pequenos países da Europa central que
ficaran emprazados, talvez contra a sua vontade, no bloco soviético de alianzas
podian exibir un rexisto histórico mais saudável no que non faltavan, ainda que
en doses pequenas, muitos dos parabéns presumívelmente característicos dunhas
sociedades ocidentais frequentemente idealizadas. Nun discurso no que se
apagavan as pegadas do ocorrido durante a segunda guerra mundial, e entre elas
as que podian xustificar alguns dos comportamentos da Unión de Repúblicas
Socialistas Soviéticas (URSS), esas sociedades centro-europeias apresentavan-se
como as vítimas dun suplício que as separara do seu tronco orixinal en
benefício da miséria estaliniana. E o efeito desta última sobre elas pouco tiña
xá de ambiguidade modernizante; coa sua visível condizón arcaica, as sucesivas
intervenzóns militares dirixidas ou impulsionadas pola URSS non deixavan espazo
para a dúvida.
A tensón entre os blocos era tal,
polo demais, que nas reflexóns que viron a luz en Ocidente quando Krushchov
acometeu a sua caótica experimentazón liberalizadora non havia xá lugar,
tampouco, para interpretazóns que subliñasen a presenza, naquel, de presumidas
pulsóns ocidentalizantes. En virtude das necesidades da confrontazón entre os
Estados Unidos (EE.UU.) e a Unión Soviética, a percepzón desta última –e do seu
bloco– como algo cada vez mais lonxe do tronco ocidental impuxo-se nun momento
no que a barbárie própria da era estalinista entrava, no entanto, nunha etapa
de refluxo. Semellante visón dos feitos preservou a sua influéncia, ben que con
moderadas reviravoltas, até que sobre o terreo se fixeron sentir os primeiros
indícios das reformas gorbachovianas, na segunda metade do decénio de 1980.
Demos por bon que o primeiro
intento de ocidentalizazón rexistado no oriente europeu no transcurso do século
XX foi o que se produziu, en virtude da revoluzón de Outubro de 1917, en Rúsia.
O segundo fixo-se valer, a finais do decénio de 1980 e princípios do seguinte,
no conxunto do que era o bloco soviético de alianzas (e tambén, con dimensóns
mais discutidas, en Xugoslávia e Albánia). Mamente pode separar-se o pulo desta
segunda ocidentalizazón da crise sen fundo que, desde tempo atrás, abafava os
sistemas de tipo soviético. Esa crise manifestava-se de modos mui diversos.
Fazia-se valer, por exemplo, no modo dunha reduzón do ritmo de crescimento, coa
incapacidade paralela de satisfazer as demandas que chegavan dunha indústria
tecnoloxicamente retardada, dunha agricultura de baixos rendimentos, dun sector
militar que reclamava a maior parte de recursos escasos ou dunha povoazón con
níveis de consumo mui precários. Puña-se en relevo, tambén, através dunha
notória inadaptazón às exixéncias de sociedades que, en virtude da extensón dos
procesos de industrializazón, urbanizazón e educazón, exibian un carácter cada
vez mais complexo. Revelava-se, en resumo, nun rexime político anquilosado e
burocratizado, que perdera o controlo, e o que é mais importante, o
coñecimento, sobre muitos procesos vitais.
Ante tantas desfeitas, as
“revoluzóns” que os anais comezan a identificar co ano 1989 non proporcionaron
qualquer nova cosmovisón ideolóxica: limitaron-se a reclamar a introduzón, ou
se é o caso a recuperazón, dun conxunto de instituizóns, regras e valores que,
con razón ou sen ela, se consideravan próprios do “mundo ocidental”. O que
alguns chamaron, con evidente equivocidade, “europeizazón” abria-se camiño, con
maior ou menor enerxia, en espazos tan distintos como os configurados por
Polónia, Bulgária, as repúblicas do Báltico ou a própria Rúsia.
Ainda quando parece inegável que,
apesar de todos os problemas, a segunda ocidentalizazón segue o seu curso,
tambén o é que vai recuando o optimismo que en tantos lugares se impuxo en
1989. Na maior parte dos países que recuperaron a sua independéncia ou acederon
a ela fan-se sentir os efeitos de instituizóns pouco consolidadas, de
sociedades civis mui débeis, de formas de capitalismo non caracterizadas
precisamente pola sua moralidade –quais exiben esta característica?– e de
grupos de presón poderosísimos que se moven no laboratório. Como é ben sabido,
non faltan tampouco os cenários nos que cobraron corpo sanguentos conflitos
bélicos, as mais das vezes vinculados coa manifestazón de tensóns nacionais.
A maioria dos especialistas
asinalan, de qualquer xeito, que poucas son as dúvidas con respeito ao feito de
que un grupo de países –a República Checa, Hungria e Polónia encabezan os
prognósticos– conseguirá chegar a un porto relativamente tranquilo unha vez
realizada a travesia da “segunda ocidentalizazón”. Se as avaliazóns do
ben-estar as fixan os estados da Europa comunitária, non há demasiados motivos
para o optimismo, contudo, no que atinxe à maior parte do espazo xeográfico que
outrora conformava o bloco soviético de alianzas. E ao respeito virá de avondo
con mencionar tres dados. O primeiro lembra-nos que as relazóns actuais son
quase sempre menos predizíveis que as de antaño: o soño gorbachoviano dunhas
relazóns estáveis e previsíveis non ten adquirido carta de natureza, algo que
testemuñan de maneira fidedigna as numerosas incógnitas que rodean o
comportamento do presidente ruso, Ieltsin. O segundo subliña a inequívoca
importáncia do pasado: enterramos cedo demais unha cheia de fórmulas que
reaparecen por toda a parte, através unhas vezes de procesos de reconversón das
elites cheios de dobras, e co concurso noutras de renascidas lóxicas imperiais
nas que muitos dos vellos sistemas voltan a aparecer (quando falamos do pasado
non só estamos a pensar, entenda-se ben, no legado da etapa soviética). O
terceiro e derradeiro dado chega da man dunhas opinións pdblicas cada vez mais
indiferentes con respeito a muitas das características dun Ocidente en exceso
idealizado nos anos anteriores: son muitos os cidadáns dos países que nos
ocupan que se senten desenganados con unhas políticas, as ocidentais, mais ben
mesquiñas, como son muitos os que, se quadra, comezaron a concluir que os nosos
sistemas, en política como en economia, non son os paraísos que acreditavan
perceber. Nun e noutro caso, as conseqüéncias para o futuro son qualquer cousa
menos fáceis de identificar.
Unha das dimensóns centrais da
“segunda ocidentalizazón” é un proceso, ainda incerto, de ampliazón da UE para
Leste. Até onde podemos avista-lo, ese proceso non se caracteriza polo
recoñecimento de eventuais direitos inatos nos candidatos, senón, antes ben,
por unha livre decisón que están chamados a adoptar os estados membros da UE;
este dado, por si só, obriga a reafirmar a condizón de proxecto parcial, e a
vocazón non necesariamente universal –nen sequer no ámbito “europeu”– da UE
realmente existente.
Tambén neste terreno o optimismo
desmesurado dun lustro atrás deixou o camiño aberto a opinións mais precavidas,
que entre outras cousas se apoian no que parece o adiamento dun proceso que
tantos pensaron seria mui rápido. Chegados os tempos de procurar explicazóns
para semellante adiamento non há que ir mui lonxe: absorta en planos de
converxéncia e unións monetárias, quando non dividida con respeito a qüestóns
cruciais, a UE de avondo ten con resolver os seus próprios problemas e non está
agora na mellor condizón para encarar os muitos que, sen dúvida, xeraria meia
dúzia de adesóns. Non pode esquecer-se que mesmo os candidatos que ocupan a
primeira fileira –os xá várias vezes citados: a República Checa, Hungria e
Polónia– son portadores de graves problemas económicos que unhas vezes remeten
à caducidade das suas infraestruturas industriais e outras à heranza, en todas
as ordes, da planificazón burocrática de onte. Nada asimilável, noutras
palavras, a anteriores procesos de integrazón na UE que, ainda que
conflituosos, exibian unha complexidade sensivelmente menor.
Tampouco está de mais agregar unha
circunstáncia –ocupamo-nos dela noutro dos ensaios que configuran este livro–
que de cote se elude. Despois das “terapias de choque” desenvolvidas nos
últimos anos, os novos aderentes non só terán de pasar por un proceso
semellante ao que seguiron no seu momento Áustria, España, Grécia ou Portugal:
o previsto, e aqui as dificuldades –por razóns fáceis de compreender–
multiplican-se, é que procuren satisfazer tambén os critérios estabelecidos nos
programas de converxéncia. As cousas asi, há muitas razóns para un pesimismo que
unhas vezes anuncia novos adiamentos nas adesóns, outras identifica procesos de
incorporazón puramente formais e nalguns casos agoura unha nova
desnaturalizazón da construzón “europeia” derivada da institucionalizazón dunha
cheia de velocidades, cos sócios de incorporazón mais recente nos chanzos
inferiores dunha verticalísima xerarquia. Há quen, con tons ainda máis
tétricos, suxere que as novas incorporazóns de estados à UE –temperás ou
tardias– ben poden acrescentar a miséria dos que se vexan obrigados a seguir
chamando, esterilmente, à porta daquela.
Con este panorama non pode
surpreender que no debate –sexamos xenerosos na utilizazón da palavra– sobre o
alargamento da OTAN se manifestasen opinións suxeridoras dunha interesante
explicazón: entre os propósitos dunha ampliazón da Alianza Atlántica que tantos
consideran precipitada estaria o de calar, con un caramelo, os protestos dun
grupo de países que observan como as suas candidaturas à UE son obxecto dun
imprevisto, e non en exceso razoável, adiamento.
Como veremos mais adiante, ben é
verdade que no que respeita à qüestón que acabamos de invocar, a da ampliazón
da OTAN, e xunto dunha retórica oficial carregada de boas palavras, son
numerosas as análises que identifican outras motivazóns. Aqueles que non teñen
o dever de acoller-se à retórica subliñan con claridade que o propósito do
alargamento da Alianza non é outro que o próprio fortalecimento da organizazón,
algo singularmente explicável nun cenário marcado pola debilidade de Rúsia e
pola conveniéncia –agregan– de preparar-se para tempos piores que poden chegar.
Tambén é certo, contudo, que
dentro da própria OTAN se ouven vozes que chaman a atenzón sobre unha
perspectiva que non podemos deixar no esquecimento: a de que unha ampliazón
que, conforme a estas análises, non responde à necesidade imperiosa de resolver
un problema preciso contribua a desnaturalizar unha Alianza que foi concebida e
desenvolvida para outros mesteres. Ese alargamento veria-se poderosamente
marcado, ademais, por unha circunstáncia: os países candidatos non parecen
acreditar muito nen na OTAN nen na seguridade ocidental. Limitan-se a mover os
seus peóns dando satisfazón a un conxunto de normas que, estabelecidas polos
nosos países, abren o camiño –e isto xá é outra cousa– que conduz à UE. Detrás
das posizóns que nos ocupan –ou quando menos detrás das suas versóns mais
ultramontanas– é sinxelo apreciar o eco dos que, na sua saudade de tempos
pasados, parecen fascinados por unha ideia: a de que a divisón trazada pola
confrontazón entre blocos non tiña un carácter historicamente conxuntural e
respondia, antes ben, a atávicas e iniludíveis inércias. Aos ollos destes
círculos de opinión, nen sequer a “Europa central” martirizada pola URSS se fai
merecedora dunha recepzón calorosa no quadro da principal das instáncias de
seguranza do mundo ocidental.
Claro que, como tantas vezes
sucede, as posizóns duns e doutros –as dos firmes partidários da ampliazón da
OTAN como as dos atlantistas receosos de eventuais desnaturalizazóns– poden
conduzir a un mesmo e tráxico cenário, teimosamente anunciado pola propaganda
rusa do momento: o dunha nova liña de conflito que divida a Europa e que
outorgue argumentos poderosos a quen, en Moscova, soña con rexurdimentos
imperiais e esferas de influéncia. Tambén aqui, polo que parece, o mantimento
do vello é un dos riscos que, con urxéncia, é necesário sortear.
En relazón co mundo europeu
oriental, nos últimos anos asistimos a un fenómeno inédito no que se refere ao
emprego dos nomes “xeográficos”: quando se fala de “transizóns no Leste”, o
comun é que por tais se entendan, pouco menos que en exclusiva, aquelas que se
desenvolven en tres ou quatro países entre os que se contan, mais unha vez, a
República Checa, Hungria e Polónia. Como os procesos de mudanza neses estados
decorren con relativa tranquilidade ou, no seu defeito, permiten avistar
razoáveis esperanzas, o wishful thinking omnipresente entre nós ten dado en
subentender que o sucedido neles é un bon resumo dunha condizón mais xeral. Os
feitos, desgrazadamente, non confirman semellante pretensón; mui ao revés,
obrigan a rezelar, quando menos en termos globais, das “transizóns” que se fan
valer en quase unha trintena de estados imersos no noso campo de atenzón.
Un efeito do anterior é a
determinazón –as mais das vezes non demasiado clara– de diferentes espazos nos
que, segundo a vulgata, se farian valer condizóns mui díspares. A República
Checa, Hungria e Polónia configurarian un cenário de paradisiaca tranquilidade
ao que, conforme unha mecánica visón dos feitos e en virtude dos recentes
éxitos eleitorais dos “democratas”, están chamados a somar-se Roménia e
Bulgária. Ainda que receptoras de saudáveis impulsos de atraczón procedentes do
mundo escandinavo, as repúblicas do Báltico, nun segundo degrau, serian vítimas
dos seus numerosos contenciosos con unha Federazón Rusa à que é conveniente non
amolar. O terceiro estádio corresponderia a países como Ucránia ou Moldávia, de
incerta colocazón no panorama internacional, mas emisores de sinais
esperanzadores. Un quarto degrau encherian-no, con diferentes papeis, os
estados derivados da vella Xugoslávia, ainda marcados polos pasmos da guerra.
Nun quinto estádio aparecerian Rúsia, Bielorrúsia e quizais Eslováquia, países
para os que se reserva o emprego –metade lexitimador, metade crítico– de
curiosas malformazóns intelectuais, como a que lles atribui a condizón de
“democracias autoritárias”. Alén destes cinco degraus só fican as desfeitas de
Albánia, o Cáucaso e a Ásia central, espazos todos que, conforme a un critério
mui estendido, teñen pouco ou nada de europeus.
Se non pode negar-se que há
motivos para determinar cada un deses chanzos, e que existe en paralelo a
urxéncia de “clasificar para coñecer mellor”, é difícil fechar os ollos ante
algunhas das servidumes ideolóxicas dos critérios presuntivamente empregados.
Polo que fai agora, parece lícito perguntar-se se son tan notáveis as
diferenzas que existen entre uns e outros chanzos, ou, o que é quase o mesmo,
se non há elementos comuns a todos eles. É obrigado suspeitar, por outra parte,
de procedimentos que o mais seguro é que exaxeren as virtudes dos avantaxados
–sen apreciaren problema nengun de relevo nas suas transizóns– e rebaixen, en
cámbio, os méritos dos marxinalizados. Non pode deixar de apreciar-se, ao fin,
un subterráneo intento de xustificazón de políticas, como o avalizado polos
Estados Unidos à hora de explicar por que só os tres membros indisputáveis do
primeiro chanzo foron convidados a somar-se à OTAN. O feito de que nengun dado
sólido –por citar o exemplo mais claro, que non o único– situe às transizóns
checa, hdngara e polaca por diante da eslovena obriga-nos, sen ir mais lonxe, a
analisar con acre intenzón crítica qualquer dos intentos contemporáneos
encamiñados a limitar espazos nas “outras Europas”.
Sirvan estas últimas liñas para
chamar a atenzón, de novo, sobre o carácter mais ben nebuloso da maioria dos
conceitos que empregamos à hora de descrever os vicisitudes contemporáneos do
noso continente. A estas alturas, o núcleo da oferta ideolóxica que nos últimos
anos se ten imposto no oriente europeu é qualquer cousa menos claro: cada quen
entende à sua maneira que é o que significan a “democracia” e o “mercado”, de
tal xeito que se entre os embandeirados da primeira están alguns aprendizes de
déspota –o presidente ruso Ieltsin é un deles–, entre os defensores do segundo
contan-se auténticos mestres na presón subterránea que levan camiño de
converter en benigna a palavra “mafia” aplicada a marxinais procedimentos
económicos como os despregados nos Estados Unidos a finais dos anos vinte.
Se queremos outro exemplo das
ambiguidades que rodean alguns termos de uso quotidiano, procuremos o que
proporciona a conflituosa relazón entre “democratas” e “ex comunistas”. Aos
ollos de muitos analistas, a ditosa condizón dos primeiros –muitas vezes tambén
ex comunistas– está fora de dúvida; dá-se por certo, sen ir mais lonxe, que os
novos governantes de Roménia e de Bulgária tiraron axiña aos seus países da
miséria que caracterizou o pasado, tanto afastado como próximo. O currículo e
as dobras dos ex comunistas, en cámbio, foron analisados con remirado detalle
en traballos que davan por seguro que há un xigantesco movimento freneticamente
orientado a reconstruir a orde burocrática de antano. Muitos dos estudiosos
que, amiúde con argumentos convincentes, subliñan a imoralidade dos procesos de
reconversón mercantil da nomenklatura doutrora preferen guardar siléncio no que
se refere a unhas práticas mafiosas que, omnipresentes, se benefician, polo que
semella, da sua condizón de relativa novidade, isto é, de vinculados non
excesivos cos vellos reximes e as suas aberrazóns. E postos a anotar
esquecimentos, non está de mais mencionar o que rodea a muitas das políticas
económicas que, postuladas polos nosos governos e insertas na lóxica do Fundo
Monetário Internacional, non son precisamente un prodíxio de solidariedade.
Se, no que atinxir ao oriente do
continente, muitos dos argumentos que se esgrimiron nos últimos anos eran
produto de prexulgamentos como os mencionados, os prexulgamentos –ou se é o
caso os esquecimentos– tampouco faltaron na hora de analisar o que ocorria en
ocidente. Con demasiada frequéncia se ten esquecido, por exemplo, que entre nós
as regras de xogo as seguen impondo os grandes (vexa-se, se non, o curioso
procedimento arbitrado para decidir os nomes dos países que havian de ser os
beneficiários da ampliazón da OTAN, cos Estados Unidos pouco dispostos a
admitiren contestazón algunha). Por petuláncia no exercício da retórica –os
defensores acríticos da Unión– ou por idealizazón dun inimigo que se rexeita
–os seus detractores acérrimos–, son muitos os que preferen ignorar, tambén,
que a UE non está para muitos voos, imersa nunha competizón por recursos
escasos na que cada Estado defende obscenamente o que considera seu.
Ante a precariedade dos nosos
coñecimentos con respeito ao presente, ante a incerteza no que atinxe ao futuro
e ante a condizón nebulosa de muitos conceitos que pouco mais fixeron que
outorgar unha falsa confianza, quando chegue o momento de tomar decisóns sobre
unha qüestón tan vital como é a de que deve fazer-se cos estados que se
consolidaron, ou que xurdiron, en virtude da desaparizón da URSS e do seu
bloco, se quadra é preferível procurar o horizonte dunha fusón mutuamente
enriquecedora que dar por descontadas as virtudes dunha absorzón
uniformizadora. As cousas como están, semella obrigado recordar, de qualquer
maneira, que a aposta pola primeira non será en modo nengun o produto da
inércia ou de movimentos espontáneos: ten que ser, dunha maneira mui oposta, a
conseqüéncia dun proxecto específico que agora non se aprecia, con forza, no
noso continente. Ainda que, claro, tambén estamos no noso direito de perguntar
se tanta énfase en Europa non priva dos benefícios dunha cosmovisón que invite
a transcender as suas fronteiras, sexan quais sexan estas últimas. Non vaia ser
que esquezamos que Europa, como todas as construzóns políticas, é tambén unha
invenzón, e non precisamente dos xeógrafos.
2.
Democracia, mercado e xeoestratéxia
O obxectivo deste texto é enunciar
os elementos non estritamente económicos que configuran hoxe en dia as políticas
da Unión Europeia na Europa central e oriental. Antes de encetar esa tarefa
convén realizar, contudo, duas precisóns. A primeira afecta ao contúdo expreso
do termo xeográfico que acabamos de empregar. Por “Europa central e oriental”
entenderemos o conxunto conformado polo que era a Unión Soviética europeia,
polo território do vello Estado federal xugoslavo e polo que corresponde a sete
estados hoxe independentes: Albánia, Bulgária, a República Checa, Eslováquia,
Hungria, Polónia e Roménia. A segunda obriga-nos a recordar que o espazo
xeográfico mencionado mostra agora inxentes diferenzas que fan duvidosa e
conflituosas a sua considerazón como entidade homoxénea. Parece evidente que
nen a situazón real nen o tipo de vínculos exteriores son os mesmos na
República Checa que en Ucránia ou en Roménia que na Federazón Rusa. Evidente é
tambén que a UE xera atitudes e critérios distintos segundo às situazóns que se
manifestan en cada un dos estados.
Ainda sabedores das diferenzas que
acabamos de invocar, non é difícil debuxar un panorama xeral da actual situazón
na Europa central e oriental. Tal situazón pode caracterizar-se, nas suas
características mais atraentes, da seguinte maneira. En primeiro lugar, en
muitos destes estados ten-se verificado, ben que con intensidades diferentes,
un pulo de fórmulas autoritárias, con un irracional fortalecimento de poderes
executivos e figuras pesoais, un paralelo recorte das atribuizóns dos
parlamentos e un escaso asentamento dos partidos e das organizazóns sociais. En
segundo termo, a maioria dos estados, novos e vellos, parece ter optado por
políticas visivelmente centralizadoras, nun quadro de xeral subida do racismo e
da xenofobia. No ámbito económico, en terceiro lugar, un capitalismo selvaxe en
aberto progreso, asentado amiúde en complexos circuitos mafiosos, está a
gañar-lle o xogo, ben que non sen resisténcias, aos restos da economia
burocrática de antaño. Un quarto aspecto é a preservazón, apesar dos cámbios
operados nas fórmulas económicas, dun modelo produtivista e depredador,
perfeitamente adequado à tráxica e dupla realidade ecolóxica –agresóns
meio-ambientais, esgotamento de recursos– dos sistemas de tipo soviético. En
quinto e derradeiro lugar, conven dar conta da debilidade que en todos os
lugares exiben unhas sociedades civis que mamente semellan en condizóns de
contestar as arbitrariedades e imposizóns que chegan dos poderes emerxentes.
Sobrepostas à situazón anterior, e
como xá anunciamos, as políticas da UE mostran, de qualquer maneira, modulazóns
diferentes que acaso poden limitar-se segundo tres áreas xeográficas
específicas: a Federazón Rusa, o vello Estado federal xugoslavo e a Europa
central.
O perfil das políticas da UE no
que a Rúsia respeita ten-se visto claramente marcado pola perspectiva –a
realidade– dun rexurdimento imperial naquel país. Ante semellante horizonte, a
visón da UE fica ben reflectida nunha política de duplo critério: as concesóns,
sen conto, no que se refere aos “asuntos internos” rusos ven-se acompañadas por
atitudes mais ben severas no que atinxe à política de Moscova lonxe da sua
suposta “zona de influéncia” de hoxe. O mellor signo do primeiro –da vontade de
fechar os ollos ante muitas das medidas, impresentáveis, urdidas polo governo
ruso– chama-se, claro, Chechénia. A mais lograda ilustrazón do segundo –do
desígnio de encarar con dureza as políticas que poñen en qüestón, sequer sexa
marxinalmente, a eventual supremacia do mundo ocidental– é a decisón de
estender a OTAN pola Europa central. Deve lembrar-se, ainda asi, que a UE
parece ter aceitado en plenitude que a Comunidade de Estados Independentes
(CEI) configura unha xenuína “zona de influéncia” da Federazón Rusa, de tal
maneira que os movimentos desta no espazo da Comunidade se analisan con arranxo
ao esquema, tolerante, que corresponde aos “asuntos internos”.
As xentes que se pronuncian por un
continente livre e solidário teñen muitos estímulos para alimentar atitudes que
son exactamente as contrárias das avaliadas pola UE: é obrigado denunciar de
forma expresa e contundente as conseqüéncias do pulo militarista e autoritário
dentro –Chechénia– e fora –Moldávia, Transcaucásia, Taxikistán– da Federazón
Rusa, ao tempo que é necesário repeler o que de provocazón ten o proxecto ocidental
de ampliar unha organizazón, a OTAN, marcada polos estigmas magoantes dunha
política de blocos en proceso de enxeñoso relanzamento.
Neste mesmo quadro é necesário
subliñar un dos elementos das políticas da UE: o propósito, que se manifesta a
miúdo, de exonerar o presidente da Federazón Rusa, Ieltsin, de
responsabilidades expresas ante muitas das desfeitas que ocorren no seu país.
Nestes momentos non faltan xentes que seguen a suster, sen rubor, que Ieltsin é
unha garantia da estabilidade e da democracia en Rúsia. Por certo que alguns
dos que recentemente deixaron de afirmar o anterior non o fixeron por ter
chegado à conclusón de que sobran os argumentos para afirmar o contrário:
simplesmente comezaron a suspeitar do compromiso de Ieltsin coa defesa dos
intereses ocidentais.
Polo que se refere ao vello Estado
federal xugoslavo, e apesar de algunhas análises mui estendidas, mamente pode
considerar-se que a UE é un responsável significado da sua desintegrazón. Non
por iso deixan de seren muitos, ben é certo, os dados que se acumulan para
concluir que a maior parte das políticas da UE ten sido qualquer cousa menos
afortunada.
Asi, e nunha rápida avaliazón,
estamos obrigados a recordar, en primeiro lugar, que a UE –daquela tratava-se,
falando en propriedade, da Comunidade Europeia– ofereceu unha indirecta
lexitimazón do proceso de ruptura de muitas das regras de xogo internas do
Estado federal protagonizada polas autoridades sérvias; o siléncio no que se
refere ao acontecido en Kosova en 1989-1990 é ilustrativo avondo ao respeito.
Mais adiante, e xá plenamente activada a desintegrazón, con perfis bélicos, do
Estado federal, a UE voltou operar como instáncia lexitimadora, neste caso da
conquista de territórios pola forza e da paralela “limpeza étnica” deses territórios.
Na negociazón de todos os planos de paz sobre Bósnia –ocupemo-nos do exemplo
central–, a UE esqueceu de forma metódica a existéncia dun governo, o bósnio,
multiétnico na sua configurazón, democraticamente eleito e internacionalmente
recoñecido; aceitou que participasen, en fictícia representazón da povoazón
sérvia, e se é o caso da croata, presumíveis criminais de guerra; deu o seu
placet à maioria dos resultados das aczóns militares servo-bósnias dirixidas
desde Belgrado, Pale e Knin, e fixo o próprio coas organizadas por Croácia na
Krajina e en Bósnia central; pouco mais asumiu que unha defensa retórica da
integridade de Bósnia; amparou unha organizazón territorial e unhas estruturas
políticas que incorporavan en lugar central o princípio étnico; mostrou un
desprezo real dun proxecto multicultural visivelmente molesto, e exibiu, enfin,
unha dramática divisón de opinións entre os seus membros.
No que atinxe a esta última
circunstáncia, non está de mais recordar que os mesmos estados que se dispoñen
a introduzir unha moeda única son capazes de desenvolver políticas e atitudes
tan díspares como as que fixeron valer Alemaña e Grécia en relazón co proceso
de desintegrazón do Estado federal xugoslavo. Entretanto Alemaña fixo tudo o
que estava na sua man para recobrar a sua vella “zona de influéncia” en
Eslovénia e Croácia, Grécia dedicou todas as suas enerxias a obstruir o
recoñecimento internacional de Macedónia; unha e outra exibiron, por demais,
atitudes ben distintas ante o proxecto encamiñado a criar unha “grande Sérvia”.
Agreguemos, ao fin, na mesma orde de cousas, que na maioria dos membros da UE
se fixeron sentir, na análise das crises iugoslavas, os efeitos mesquiños dos
seus próprios problemas internos.
É preciso que lembremos, por
demais, que os estados membros da UE, desexosos de avir-se con opinións
pdblicas xenericamente descontentas coas políticas governamentais en relazón
coa vella Xugoslávia, fixeron valer enfin unha imperdoável armadilla: a
derivada dun esforzo, van, por homologar –en particular en relazón co conflito
de Bósnia– as responsabilidades de agresores e agredidos. Apesar dos intentos
dos nosos governos, ninguén que coñeza minimamente o conflito mencionado pode
ignorar que é ben distinta a responsabilidade de quen fixo uso sistemático da
forza en proveito dun discurso monoétnico e de práticas eventualmente próximas
ao xenocídio, dunha banda, e de quen sofreu os efeitos de semellante aberrazón,
doutra.
Várias son as razóns, enfin, que
explican por que a posizón da UE en relazón cos pequenos países da Europa
central ten sido muito menos conflituoso. A primeira é a auséncia, ou a
leviandade, de dinámicas militares autónomas –e dos correspondentes intereses
estratéxicos– neses estados. Ao anterior é necesário agregar o tamaño
relativamente reduzido de todos os países afectados, a visível aquiescéncia dos
seus governos con respeito às políticas da Unión e, en particular, o franco
progreso que na maioria dos casos experimentaron os intereses económicos das
grandes poténcias ocidentais ao abeiro das vantaxes derivadas de várias
condizóns. Citemos entre estas últimas a proximidade xeográfica, unha man de
obra barata, a abertura de mercados potencialmente interesantes e un visível
horizonte de dependéncia.
Os dados até agora mencionados
poden-se reordenar en benefício de meia dúzia de grandes ideias que resumen a
política desenvolvida pola UE en relazón co conxunto da Europa central e
oriental.
Un compromiso retórico coa
democracia. A defesa da “democracia” ocupa un lugar marxinal, e mais ben inzado
de retórica, nas políticas reais da UE. Parece fora de discusón que o obxecto
fundamental destas é alisar o camiño a fórmulas de controlo económico na Europa
central e oriental, de tal xeito que todos os demais compromisos contraídos –e
entre eles o da democratizazón– pasan a un segundo plano. A democratizazón
interesa só quando non provoca problemas no que atinxe à satisfazón do grande
obxectivo xeral; deixa-se rapidamente no esquecimento, en cámbio, quando se
intui que a sua defesa pode pór en qüestón a satisfazón dese obxectivo.
O exemplo mais concluente das
dobras da política da UE neste ámbito oferece-o o indistinto sustento
dispensado, durante tanto tempo, ao presidente ruso Ieltsin. Avonde con lembrar
ao respeito que a Unión non apresentou queixa nengunha no relativo à disoluzón,
manu militari, do parlamento ruso no Outono de 1993, que apoiou sen cautela
unha Constituizón duvidosamente democrática, que fechou os ollos ante evidentes
fraudes no cómputo dos votos con ocasión do referéndo constitucional de
dezembro de 1993, que guardou prudentes e significativos siléncios en relazón
coas operazóns militares en Chechénia, que nada dixo ante a visível toma de
partido, en benefício de Ieltsin, de todos os meios de comunicazón con ocasión
das eleizóns presidenciais de 1996, que non parece decidida a qüestionar nengun
dos termos dunha organizazón territorial mui centralizada como é a despregada
polo próprio Ieltsin e que, finalmente, ten preferido esquecer a extensón dunha
espécie de “política subterránea” na que os circuítos mafiosos, dun lado, e os
grupos de presón “legais”, doutro, desenvolven un papel muito mais decisivo que
os partidos e outras instáncias próprias dunha democracia representativa.
Ao exemplo ruso poden somar-se
tambén, na mesma orde de cousas, o da Croácia de Tudjman, exonerada dos seus
deveres para con normativas básicas de direitos humanos, e o da Sérvia de
Milosevic, reconvertida da noite para a mañá, a finais de 1995, en firme
garantia da estabilidade nos Balcáns ocidentais. Que dous reximes que en muito
recordan os fascismos de entreguerras sexan agora alicerces fundamentais das
políticas da UE nunha área singularmente conflituosos é ilustrazón evidente da
focaxe xeral que inspira esas políticas.
Unha política militar na que as
inércias pesan muito. Apesar da aparente moderazón de muitos dos termos da
política militar dos estados membros, a UE ten operado quase sempre como o que
obxectivamente é: unha das instáncias gañadoras na “guerra fria”. Semellante
atitude ten conduzido, non sen paradoxo, a unha preservazón de muitos dos
elementos próprios da etapa que supostamente se tiña fechado. Os mellores
signos disto son, dunha banda, o desígnio de preservar e ampliar a OTAN, e,
doutra, a paralela asignazón a esta de posíveis “aczóns fora de área”: o
desaparecimento do bloco rival e o refluxo nas fronteiras xeo-estratéxicas do
seu principal Estado herdeiro –a Federazón Rusa– non se traduziron en políticas
de adaptazón. No mellor dos casos parece ter-se verificado unha reconversón
xeográfica dos obxectivos, agora focados en rexións mais meridionais, ainda que
sen excluir, en modo algun, un eventual rexurdimento das tensóns no tradicional
cenário centroeuropeu.
E inegável que a política militar
da UE ten sido sempre xenericamente dependente dos intereses norte-americanos.
Convén que precisemos agora, contudo, algo importante: a permanente enunciazón
de que a UE deve independizar-se, na determinazón dos seus obxectivos e
políticas, dos EE.UU. non oferece garantias suficientes. É facilmente
imaxinável unha política independente da norte-americana e, contudo, tan
mesquiña como a derivada da actual posizón subalterna con respeito aos EE.UU.
Na mesma orde conceitual, son muitas as limitazóns que brotan noutro dos
tópicos omnipresentes no “discurso europeu” de certa esquerda: a ideia de que a
UE deve dotar-se, de maneira urxente, de políticas comuns a todos os seus
membros e en todos os ámbitos. As cousas como están, parece obrigado rezelar
das eventuais conseqüéncias de semellante “progreso”; nada induz a pensar, por
exemplo, que a configurazón, enfin, dunha política de seguridade comun está
chamada a permitir a consolidazón paralela dun proxecto europeu caracterizado
pola defesa da xustiza, a igualdade, a solidariedade e a liberdade. Noutras
palavras, é necesário subliñar que os cámbios que se reclaman nas políticas da
UE parecen viver dunha superstizón cheia de euro-optimismo: a de que a Unión,
liberada das misérias do momento e comprometida na determinazón de políticas
comuns, non responderá aos obxectivos e aos métodos que é lícito supor próprios
dun dos grandes núcleos de poder –o europeu ocidental– do sistema capitalista
internacional.
Unha atitude de apoio aos dous
grandes poderes económicos “autóctones” presentes na Europa central e oriental.
Non parece necesário demonstrar que o principal “apoio social” que as políticas
postuladas polo mundo capitalista desenvolvido na Europa central e oriental soerguen
é o que oferecen o que chamaremos as novas camadas de empresários. Convén,
contudo, que non esquezamos que na configurazón das novas elites económicas –e
na determinazón dos proxectos macroeconómicos correspondentes– participa
tambén, e de maneira relevante, outro grupo humano: o que se nutre dos sectores
máis tecnocratizados e profisionalizados da vella nomenklatura dirixente nos
reximes burocráticos de outrora. Este grupo humano, que nos últimos anos asumiu
unha xenuína reciclaxe no seio dos novos “mercados”, non ten sido obxecto
precisamente de desdén nas políticas que fixo valer a UE. Ao fin e ao cabo, son
sectores vinculados coa nomenklatura reconvertida os que dirixen hoxe a maioria
dos estados existentes na Europa central e oriental.
A diversificazón dos apoios –novos
e vellos xestores– que ten asumido o mundo capitalista desenvolvido implica o
que asemella unha paralela vontade de adaptazón a cenários díspares. Se nuns
casos a aposta se concretiza ante tudo nos estratos xestores emerxentes, noutros
parece que se estimula a aceitazón de fórmulas que, como as dos
“industrialistas” na Federazón Rusa, reflecten unha vontade de moderar o
sentido dalgunhas reformas e, se é o caso, de adiar a sua aplicazón.
Nun terreno só parcialmente
diferente, a UE mantén tambén critérios mui flexíveis no que se refere à
aceitazón de –e às relazóns con– diferentes “grupos de presón”. Ainda que
aqueles de entre estes que se benefician dunha condizón legal foron claramente
privilexiados, non faltan os dados que remeten a vínculos, asi mesmo, con
circuítos non precisamente caracterizados polo seu respeito das normas legais.
Semellante circunstáncia obriga a tomar seriamente en considerazón a
perspectiva de que a UE remate por asumir a inevitabilidade, e a non necesária indesexabilidade,
de reximes que, nen democráticos nen decididos a preservaren unha “economia de
mercado” como a que se demanda desde o mundo ocidental, den satisfazón, no
entanto, aos intereses dos capitais estraños. Unha imaxe procedente do pasado,
a de Nicolae Ceausescu –meticuloso cumpridor dos acordos subscritos co Fundo
Monetário Internacional– convertido quinze anos atrás en modelo de dirixente
político respeitado no mundo ocidental é suficientemente gráfica.
Un escaso apoio às sociedades
civis e à sua independéncia. O apoio a sociedades civis independentes dos
diferentes centros de poder é, no mellor dos casos, un desígnio carregado de
retórica nas políticas da UE. Nestas a lóxica do mercado ocupa un atraente
primeiro plano, de tal modo que só os mais supersticiosos poden pensar que a
sua defesa conduz à configurazón de sociedades civis independentes. O mellor
dos exemplos que ilustran o esquecimento con que a UE ten obsequiado àqueles
que de maneira efectiva, e en condizóns difíceis, estavan a defender princípios
e atitudes morais frente aos abusos –de mui diferente índole– dos estados
oferece-o o sucedido nos últimos anos en Sérvia e en Croácia. No caso do
primeiro destes dous países é obrigado salientar a resisténcia demonstrada por
milleiros de mozos que se negaron a servir en unidades militares; esas xentes
non mereceron, porén, considerazón algunha por parte da UE. Os estados membros
desta desatenderon, en particular, o contúdo dunha resoluzón do próprio
parlamento europeu que exortava a recoñecer como refuxiados políticos àqueles
que en Sérvia, e en Montenegro, rexeitavan o emprego das armas. Polo que a
Croácia respeita, os nosos países seguen a ignorar a existéncia de muitos
cidadáns obrigados a abandonar o país por razóns estritamente políticas.
As cousas asi, e en relazón cos
dous estados que acabamos de mencionar, parece servida a conclusón: a UE non
parece prestar-lle a atenzón devida à ideia de que mamente mudarán os
horizontes nos cenários postxugoslavos se non se abren camiño outras xentes, e
outros proxectos, nas duas grandes poténcias da rexión. Semellante desinterese
polas sociedades civis e os seus problemas nada ten de surpreendente nunha UE
que, como xá afirmamos no seu momento, non parece rexeitar en modo nengun as
vantaxes que, para os seus intereses, poden proporcionar eventuais fórmulas
autoritárias de organizazón política. Dificilmente quen pouco fai para
acrescentar a participazón política na própria Europa ocidental estaria chamado
a comportar-se dun modo diferente no oriente do continente.
Un proxecto global de criazón de
dependéncia. É difícil separar as políticas da UE do contorno en que se fan
valer: o deseñado, entre outras circunstáncias, por unha instáncia, o Fundo
Monetário Internacional, mui conotada. Tal qual aconteceu no Terceiro Mundo, na
Europa central e oriental están a abrir-se camiño planos de axuste que se
propoñen, entre os seus obxectivos prioritários, “sanear” as economias para
permitir a afluéncia de capitais alleios. O desígnio destes non parece ser,
entre tanto, o que enúncia a sua propaganda; esta, sempre benigna, fala da
necesidade de reactivar economias ou da exixéncia de promover reformas
estruturais. O que há por trás, de maneira ben material, é un intento de
reintegrar à economia capitalista internacional un conxunto de fórmulas
económicas “anómalas” como as vinculadas co irreal socialismo doutrora.
Naturalmente que o proceso de
reintegrazón o que acabamos de referir-nos non pretende garantir en modo nengun
unha “homologazón”, en pé de igualdade, entre os estados membros da UE e os
países da Europa central e oriental. Xá suxerimos que o horizonte que se
reserva para estes é outro: unha relazón de dependéncia na que non faltan a
explorazón dunha man de obra barata, un rápido controlo externo dos mercados e,
quando menos no caso da Federazón Rusa, unha incipiente mas contundente aposta
polo controlo sobre as suas matérias primas enerxéticas.
Noutras palavras, há sinais vários
que permiten avistar unha repetizón de muitos dos procesos que tiveron por
cenário diferentes lugares do Terceiro Mundo: nos últimos anos nada asimilável
a un segundo plano Marshall, e si unha activa terceiromundizazón dunha cheia de
relazóns, abrollou na Europa central e oriental. Os países que nos ocupan
amostran-se incapazes de concorrer nos mercados internacionais, ven como se
acrescenta a sua déveda externa, achegan un inxente caudal de emigrantes cara
as economias mais desenvolvidas e, acima de tudo, exiben no seu interior
xigantescas cisóns sociais: uns poucos sectores emprestan-se a sair adiante, e
a permitir unha orxia de consumo para unha minoria da povoazón, enquanto a
maior parte desta fica condenada a unha situazón de penúria. Como en tantos
lugares do Terceiro Mundo, as nascentes “democracias” do Leste tampouco están a
proporcionar sociedades civis capazes de responder de maneira crítica e livre a
unhas políticas oficiais subordinadas a intereses externos e delinquentes
económicos.
Si convén subliñar, nesta orde de
cousas, tres dos termos das políticas da UE, o primeiro é o relativo à
manifesta mesquiñaria das axudas económicas proporcionadas. Estas están mui
lonxe do que algunhas imaxes superficiais suxiren e muito mais lonxe ainda das
necesidades dos países receptores. O segundo proporciona-o o várias vezes
mencionado apoio que, de facto, están a receber uns ou outros circuítos
mafiosos. O terceiro é, enfin, unha política de xeral fechamento de fronteiras
que aspira a impor un freio a unha onda migratória para muitos inevitável.
A todos os dados anteriores convén
somar, de qualquer xeito, outro: no ámbito das políticas ecolóxicas a atitude
dos estados membros da UE semella visivelmente egoísta. Polo que parece, vários
deses estados só están interesados polo porvir meio-ambiental da Europa central
e oriental na medida en que aquel pode afectar-lles directamente; asi o
suxerir, por exemplo, o acordo asinado anos atrás por Franza e Ucránia,
encamiñado a mellorar a seguranza das centrais nucleares ucranianas. Outra
dimensón, por certo, das políticas “meio-ambientais” dalguns dos estados
comunitários é a vinculada coa eventual criazón, como sucede no Terceiro Mundo,
de vertedoiros de resíduos na Europa central e oriental.
Hoxe en dia, e con un panorama
tétrico como este –na sua orixe non só están, claro, os países capitalistas
desenvolvidos: son evidentes as responsabilidades, sen dúvida maiores, dos
xestores burocráticos de antano–, deve enunciar-se un paradoxo final: en muitos
países da Europa central e oriental o único freio, ben que poderoso, à irrupzón
de capitais alleios e à ratificazón dunha crescente dependéncia é o caos que se
rexista nas suas economias. Semellante paradoxo fai-se sentir con singular
fortaleza no caso da Federazón Rusa.
Un incerto proceso de alargamento.
O desexo, polo que semella imparável, de somar-se à UE que exiben vários
governos da Europa central ben pode devir nunha atraczón fatal. Polo de hoxe,
ao respeito nos países en qüestón non se fixo valer até agora debate nengun, e
é mui fácil que, as cousas asi, se mostren inocentemente ignorantes do que se
lles ven en cima. Como xá subliñamos no capítulo anterior, enfin de seis ou
sete anos de “terapias de choque”, con efeitos indeléveis, aos/às polac@s,
aos/às chec@s e aos/às húngar@s se lles van demandar novos sacrifícios que lles
permitan satisfazer os requisitos de entrada na UE. Mas os problemas non van
terminar aí: outras privazóns terán de chegar no seu momento, quando devan
cumprir –é o seu– as exixéncias dos planos de converxéncia.
Convén perguntar-se se semellante
acumulazón de sacrifícios –terapias, adesóns, converxéncias– non está chamada a
xerar graves problemas de lexitimazón e, por utilizar a terminoloxia ao uso, de
governabilidade nos países en qüestón. Surpreende, contudo, que estas cousas
non parezan preocupar nen às elites políticas nen às opinións pdblicas.
Claro que non é este o único
problema que se deixa no esquecimento. Os candidatos à ampliazón da UE son
vítimas dunha superstizón que tambén ten adquirido carta de natureza entre nós:
a de que aceder à Unión outorga, por arte de maxia, un nível de vida e de
desenvolvimento afin ao que exiben alemáns, franceses/as, holandeses/as ou
suec@s. Os nosos governantes engaiolan a unha parte dos seus concidadáns coa
ideia de que a satisfazón dos critérios de converxéncia –défice, inflazón,
xuros– nos coloca de sócato na primeira velocidade comunitária e situa as nosas
prestazóns sociais nun nível semellante ao de alemáns ou escandinavos. Esta
deturpazón da realidade pesa hoxe sobre muitos centroeuropeus que non repararon
no que, polo demais, parece evidente: o lugar que lles corresponde na
construzón europeia realmente existente non é outro que o demarcado por unha
periferia con níveis de desenvolvimento menores e recortadas capacidades de
influéncia.
A última superstizón à que é
obrigado referir-se suxire que a UE se expande por xenerosidade, de tal xeito
que non se empresta a tirar-lle partido nengun à medida. Nada mais lonxe da
realidade. Se por un lado, e como sempre, os poderosos acabarán por
beneficiar-se, polo outro semella inevitável que os máis débeis dos actuais
estados membros da UE poñan pexamentos sen conta para non perder a sua condizón
de derradeiro furgón que se aproveita, sequer sexa magramente e con
contraprestazóns, da axuda das economias mais opulentas.
En situazóns extremas, a
marxinalizazón de todos os princípios. O rosto final das políticas e visóns da
UE ten-se revelado con claridade nun caso extremo como é o de Bósnia. O
tratamento que os estados membros da UE dispensaron o conflito que ten
estragado esa república contribuiu poderosamente a desmontar, polo demais, a
retórica sobre a seguridade e a estabilidade na Europa.
Os estados integrantes do que
daquela era a Comunidade Europeia mostraron, na área xugoslava, unha nula
capacidade de prevenzón dos conflitos: esqueceron –xá o salientamos– os efeitos
da rotura de todas as regras de xogo do Estado federal iugoslavo protagonizada,
a partir da segunda metade dos anos oitenta, polas autoridades sérvias, e
tampouco lle prestaron atenzón à subida dun nacionalismo agresivo e autoritário
no caso de Croácia. Ao respeito foi decisiva en todo momento a marxinalizazón,
no proceso de tratamento da crise, de estruturas multilaterais de resoluzón,
como podia té-lo sido a Conferéncia (depois Organizazón) de Seguranza e
Cooperazón na Europa (CSCE-OSCE). A opzón dominante nas políticas comunitárias
foi a tradicional aposta por axentes militarizados suxeitos aos intereses das
grandes poténcias. Isto à parte, quase todos os estados membros da UE venderon
armas aos contendentes nos conflitos iugoslavos.
Tal qual tambén antecipávamos, no cenário concreto de Bósnia a UE ten acabado por lexitimar a conquista de territórios pola forza: o plano de partizón do chamado “grupo de contacto” e o seu posterior arremedo de Dayton, lonxe de garantir a integridade territorial dun Estado independente, soberano e internacionalmente recoñecido, outorga a metade da sua superfície a un exército agresor e permite que os máximos dirixentes deste tomen asento, en pé de igualdade cos agredidos, na mesa de negociazóns. Todos os planos avalados pola UE dán asas, sequer sexa indirectamente, ao que nos feitos parecen “estados etnicamente homoxéneos”. Alén diso, a UE ten desenvolvido un inapresentável discurso político que lexitima semellante fórmula estatal, sobre a base da non distinzón entre vítimas e agresores ou, o que é o mesmo, da identificazón de “tribos condenadas a confrontazón”. A UE ten esquecido, de maneira mais precisa, aos milleiros de cidadáns sérvios e croatas que manteñen a sua opzón por unha Bósnia multiétnica e multicultural.
A modo de conclusón pode
afirmar-se que as políticas desenvolvidas pola UE asentan un pésimo antecedente
no relativo à prevenzón e à resoluzón de conflitos, ao tempo que lle diminuen
credibilidade ao horizonte, tantas vezes enunciado, dun continente estruturado
en torno do princípio da mestizaxe.
3.
Acumulando despropósitos: a OTAN e o seu alargamento