A NOVA DESORDE INTERNACIONAL. CONSTRUZÓN EUROPEIA, INTERVENCIONISMO HUMANITÁRIO E GLOBALIZAZÓN. Carlos Taibo
5. Non é tan sinxelo refugar os nacionalismos: sobre o rexurdimento nacional na Europa do Leste
Muitas das visóns teóricas sobre o
que as nazóns e o nacionalismos son –sobre as suas grandezas e as suas
misérias– mostran grandes problemas quando se trata de trasladá-las a cenários
concretos. A Europa central e oriental dos nosos dias oferece un deses cenários
privilexiados, tanto por achegar unha moreia de dados e de tesituras
problemáticas como por tratar-se dun espazo decisivo à hora de explicar o xeral
interese que os nosos contemporáneos exiben pola qüestón nacional. Mamente pode
pensar-se hoxe “nos nacionalismos” sen ocupar-se, en lugar privilexiado, da
eclosón que estes experimentaron no espazo xeográfico que acabamos de invocar.
As avaliazóns que seguen
ordenan-se, de maneira mui sinxela, en duas partes. En primeiro lugar
tentaremos enumerar, sen pretensóns de globalidade e exaustividade, alguns dos
dados que limitan os problemas nacionais na Europa central e oriental (e en
tantos outros lugares). O noso obxectivo non é outro que pór de manifesto a
extrema complexidade do cenário –dos cenários, toda vez que é razoável duvidar
da própria entidade da “Europa central e oriental”– quando se descende ao
terreno dos feitos; fai-se preciso recorrer daquela a visóns mui distintas e
parece obrigado rebaixar a vixéncia dalgunhas das visóns, pouco menos que
sagradas, que nazóns e nacionalismos suscitan a miúdo. A esa primeira tarefa, e
co mesmo obxectivo, seguirá-lle unha segunda, mais breve, que aspira a extrair
algunhas conclusóns de modo xeral.
O “nacionalismo” ten-se convertido,
aos ollos de muitos, nunha explicazón omnicompreensiva de quase todo o que
ocorre na Europa central e oriental de agora. Como queira que o que ocorre non
parece ser mui saudável, son maioria as análises que colocan nas costas do
nacionalismo unha cheia de culpas e responsabilidades. A tarefa de apoiar con
argumentos sólidos esas análises non parece, contudo, tan sinxela. Na hora de
explicar acontecimentos mui complexos, en muitos casos o nacionalismo semella
un elemento mais entre outros. Con freqüéncia apresenta-se, por exemplo, como
un instrumento que, con escasa entidade própria, serve a intereses e procesos
que lle son alleios. Nalgunhas tesituras, e doutra banda, o nacionalismo parece
desenvolver un papel extremadamente débil. Sexan as cousas como foren, resulta
excesivo converter os nacionalismos, emerxentes ou non, en explicazón central
de situazóns complexas nas que, xunto da sua influéncia, se fan sentir as dunha
delicada conversón de elites políticas, unha significativa indefinizón no
ámbito da economia e un singularísimo contorno internacional.
Para darnos conta das limitazóns
da “explicazón nacionalista” avondará con lembrar dous feitos. Por un lado, a
independéncia do principal dos estados da Europa central e oriental
contemporánea, a Federazón Rusa, pouco ou nada tivo a ver con un modelo ben
coñecido e vinculado coa ontoloxia dos movimentos nacionalistas: o que
identifica o fortalecimento inicial destes, a posterior reivindicazón de
autogovernos, autodeterminazóns e secesóns, e a consecuzón final destes tres
obxectivos. Foi unha contenda política muito mais convencional –e se quadra
adequada ao eixo esquerda-direita– a que levou à independéncia da Federazón
Rusa. Polo outro, é mais que discutível que o proceso que gañou terreno en
Sérvia entre 1986 e 1991, e que enfin provocou unha drástica ruptura de muitas
das regras de xogo internas do Estado federal xugoslavo, poida carregar-se sen
mais na rubrica dun “estalido nacional”: a aparizón dunha modalidade agresiva,
vitimista e etnicista do nacionalismo sérvio mamente pode explicar-se sen
invocar as necesidades de reconversón da elite política dirixente no país. Tal
circunstáncia empraza-nos de novo ante problemas graves de limitazón da
natureza do proceso: non está de mais recordar, no entanto, que o nacionalismo
se manifestou neste caso como un instrumento ao servizo dun proceso político de
maior relevo, e que perdeu por tanto boa parte da sua entidade como factor
explicativo central.
Convén lembrar, en segundo lugar,
que trás de expresóns que, como as de “nacionalismo sérvio” ou “nacionalismo
eslovaco”, parecen de significado unívoco e axiña perceptível esconden-se
realidades mui complexas e, a miúdo, mui díspares. Os nacionalismos son
movimentos mui amplos que obrigan a adxectivar expresóns como as anteriores e
que, en paralelo, se mostran pouco adaptáveis à hora de vincular-se con un
corpo de ideias preciso ou con comportamentos facilmente limitáveis. Qualquer
dos nacionalismos presentes hoxe na Europa central e oriental pode ilustrar o
anterior. Mas talvez sexa o nacionalismo ruso de agora o que proporciona o
exemplo mais claro da enorme complexidade ideolóxica que intentamos glosar. Há
un nacionalismo ruso eslavófilo mas tambén há outro ocidentalizante. Enquanto
unhas modalidades do nacionalismo ruso converten ao Estado en elemento central
de vertebrazón da nazón, outras consideran que o Estado é un elemento
deturpador da pureza própria daquela. Outro tanto pode dizer-se da visón que do
“império” e da “Igrexa ortodoxa” se fai valer nunhas ou outras modulazóns do
nacionalismo ruso: se para uns son elementos centrais na configurazón da nazón,
para outros trata-se de imposizóns alleias. A própria relazón do nacionalismo
ruso co que historicamente foi a URSS é mui complexa: enquanto nunhas visóns a URSS
levou à sua máxima manifestazón as posibilidades da nazón rusa, para outras
alterou profundamente os alicerces desta. Sobre a base de semellantes
diferenzas na percepzón de elementos vitais, é fácil concluir que trás dun
conceito como o de “nacionalismo ruso” se esconden realidades mui díspares, e
que a utilidade daquel é a miúdo escasa.
A ideia que acabamos de invocar
ten unha específica materializazón, en terceiro lugar, nun problema
omnipresente na Europa central e oriental: o das mui díspares concrezóns
xeográficas que, segundo as distintas visóns, ten o discurso nacionalista.
Ainda que é difícil encontrar un nacionalismo que non exiba algun problema
–algunha demanda– de carácter territorial, os problemas son inxentes no espazo
xeográfico que nos ocupa, e as tensóns conseguintes –tanto entre uns e outros
nacionalismos como dentro destes últimos considerados por separado– mui
notórias. O exemplo ruso é, de novo, o mais claro. Há unha visón do
nacionalismo correspondente que considera que Rúsia é un “pequeno” país europeu
vertebrado en torno de Moscova e limitado ao leste polos Urais. Mas é muito
mais comun outra visón que ao espazo anterior acrescenta os territórios –en
substáncia Sibéria– que o império czarista conquistou a partir do século XVII.
Outras modulazóns do nacionalismo ruso agregan os seus singulares memoriais de
agravos, e à listaxe soman-se às vezes os nomes de Bielorrúsia e de Ucránia, ou
os das repúblicas de Ásia central, o Cáucaso e o Báltico. Versóns máis
cobizosas incorporan tambén os nomes de Polónia e Finlándia, outrora
integrantes do império czarista, e mesmo os dos estados da Europa central e
balcánica que até há pouco fixeron parte do bloco soviético. Na paroxística
visón xirinovskiana a listaxe deve completar-se con un grupo de estados
–Iraque, Irán, Afeganistán, Paquistán– que deven garantir a vixéncia dun vello
soño xeo-estratéxico ruso: a saída permanente a mares cálidos. Como é fácil
compreender, semellante grau de diferenzas quanto às concrezóns espaciais do
discurso nacional obriga a desconfiar, de novo, da idoneidade de termos
xenéricos como o de “nacionalismo ruso”.
Digamos, en quarto lugar, que até
há ben pouco a maioria dos estudos sobre a “qüestón nacional” eran tributários
dunha dramática distorzón: só aplicavan o termo “nacionalismos” para
identificar àqueles movimentos que puñan sobre a mesa uns ou outros litíxios
contra un Estado que, xa constituído, non satisfazia as suas aspirazóns.
Esquecian asi o peso inxente dos “nacionalismos centrais”, comodamente e
silenciosamente instalados en estados que davan xenérica satisfazón aos seus
obxectivos. Hoxe en dia resulta extremadamente difícil instalar-se en
semellante código de análise: parece obrigado prestar-lle unha permanente
atenzón aos nacionalismos centrais –sen esa considerazón escapan-se elementos
decisivos para a compreensón da realidade– e responder, ao mesmo tempo, a sua
omnipresente pretensón de non seren xenuínos nacionalismos. É mui
significativo, en relazón co mundo postsoviético, a mudanza operada nos últimos
anos: se un lustro atrás todos, ou quase todos, os estudos se ocupavan dos
nacionalismos periféricos e contestatários –os bálticos, os caucasianos, os
centro-asiáticos–, nos últimos anos, e por razóns fáceis de compreender,
multiplicaron-se as monografias sobre un nacionalismo, o ruso, que há ben pouco
sequer suscitava interese algun.
O acontecido nos últimos anos na
Europa central e oriental oferece numerosos exemplos, en quinto lugar, dun
fenómeno ben coñecido: unha vez no poder, muitos movimentos nacionalistas que
viron satisfeitas as suas demandas en matéria de autogoverno e autodeterminazón
mostran unha escasa propensón a recoñecer direitos a quen, nos territórios
baixo o seu controlo, brande demandas semellantes às apresentadas por eses
movimentos no pasado. As que no pasado eran demonstrazóns inequívocas de
recoñecimentos de direitos, da noite para a mañá mudan-se apostas
centralizadoras que reproduzen muitos dos elementos outrora contestados.
Exemplos do anterior son as realidades contemporáneas de Ucránia –a atitude, en
particular, en relazón co futuro de Crimeia–, as repúblicas do Báltico –coas
suas leis de cidadania, visivelmente lesivas dos direitos das minorias–,
Croácia ou Sérvia –o pulo de nacionalismos etnicistas e agresivos, con
conseqüéncias ben coñecidas–. Ante circunstáncias como as mencionadas
dificilmente é imaxinável, e se callar desexável, que as reaczóns de
determinadas minorias visivelmente marxinalizadas non adopten un talante
nacionalista. É difícil, por exemplo, que os albaneses de Kosova –a condizón
autónoma abolida, o parlamento local disolto, o ensino en albanés proibido,
unha lei marcial en permanente aplicazón– se resistan a desenvolver unha
resposta en termos nacional/nacionalistas.
Lembremos, en sexto lugar, que o
que acabamos de enunciar combina-se nun caso concreto, o de Rúsia, co
rexurdimento dunha lóxica imperial: ainda que a Unión Soviética desapareceu
como sistema político e económico, a sua substáncia imperial persiste nestas
horas no principal dos seus estados herdeiros. Os sinais deste proceso, xá
analisados no capítulo anterior, son muitos. Un deles chega da man, de novo, de
políticas manifestamente hipercentralizadoras, ben plasmadas na designazón,
desde arriba, de governadores impostos aos candidatos eleitos pola populazón en
repúblicas e rexións, ou nunha sensível reduzón dos direitos das primeiras na
Constituzón referendada en 1993. Fai-se sentir asi mesmo unha notória
indefinizón no tratamento da maioria dos problemas: as políticas
recentralizadoras coexisten co asinamento de imprecisos tratados entre o centro
federal e várias das repúblicas, con fórmulas represivas como as despregadas en
Chechénia, coa perspectiva de secesóns económicas encabezadas por rusos, ou cos
hipotéticos efeitos civilizadores, xá mencionados, do caos existente. Claro que
o sinal mais claro da resurreizón dun discurso imperial chega da man da
configurazón da Comunidade de Estados Independentes como unha xenuína esfera de
influéncia da Federazón Rusa. Esta ten-se reservado un direito de inxeréncia
que entre outras cousas lle permite privilexiar a defesa dos intereses dos
rusos presentes nos estados membros da CEI. Tal circunstáncia é un activo
elemento xerador de conflitos, como o testemuñan os produzidos en Moldávia,
Xeórxia, Arménia, Azerbaián ou Taxikistán.
Son vários os cenários na Europa
central e oriental contemporánea que demonstran, en sétimo termo, que a
autodeterminazón, apesar dos seus inxentes problemas, é a miúdo un procedimento
mais civilizado e racional para resolver problemas que outros dos horizontes, e
en particular os autoritários e violentos, que ao respeito se apresentan.
Tambén é verdade, no entanto, que vários deses cenários de agora suscitan mais
unha vez unha dupla e crucial qüestón: a dos suxeitos aos que corresponde autodeterminaren-se
e a das instáncias às que corresponde xulgar o proceso. De maneira singular, a
lei de secesón soviética de 1990 puxo de manifesto muitos destes problemas. No
caso das repúblicas do Báltico traduziu-se nunha tesitura concreta: para
abandonar a URSS, as tres repúblicas bálticas viran-se na obrigazón de levar
adiante un procedimento que implicava o placet das restantes repúblicas
soviéticas e do parlamento central da Unión Soviética. A máxima instáncia
lexislativa da poténcia que anexara, manu militari, Estónia, Letónia e Lituánia
en 1940 era a que ditava as condizóns, evidentemente draconianas, dun eventual
proceso de secesón destas.
Tampouco non faltan na Europa
central e oriental –e esta é a nosa oitava aseverazón– exemplos preclaros das
irracionalidades que caracterizan muitos discursos nacionalistas. A modalidade
dominante, nos últimos anos, do nacionalismo sérvio oferece ao respeito o mais
completo deses exemplos. Por un lado ten recorrido às explicazóns de orde mais
díspar para xustificar a conquista de territórios pola forza e, con ela, a
“limpeza étnica” deses territórios: se na Krajina o argumento era a supremacia
demográfica dos sérvios, en Kosova falava-se dunha obscura tradizón histórica,
e en Bósnia invocavan-se non menos obscuros direitos de propriedade no pasado.
Mas, por outro lado, quando os argumentos anteriores demonstravan ser
inviáveis, non se duvidava en defender obscenamente a conquista de territórios,
aduzindo ao respeito razóns vinculadas con supostas superioridades étnicas. O
conceito, xa avanzado, de “limpeza étnica” insere-se perfeitamente neste tipo
de aberrazóns discursivas, as mais das vezes vinculadas cun procedimento ben
coñecido: o da explorazón da mitoloxia nacional coa ollada posta en que a
povoazón esqueza problemas e abusos.
Mas, e en nono lugar, non todas as
perversóns teñen a sua orixe na Europa central e oriental, nas suas elites
políticas ou nos seus povos. Algunhas son produto dos nosos próprios, e ben
numerosos, preconceitos. Mencionaremos só un deles, ben que mui ilustrativo:
unha das perguntas que a miúdo se fan entre nós é a que interroga pola
perspectiva dunha futura desintegrazón da Federazón Rusa. Quen tal cousa
pergunta parece partir da ideia de que semellante horizonte é per se, e sen
necesidade de discuti-lo, unha traxédia. A muitas pesoas os estados
parecen-lles sagrados, e ante tal iluminazón preferen subtrair-se à
posibilidade de analisar criticamente quais son as suas grandezas e quais as
suas limitazóns. No exemplo que propomos, poucos son os dispostos a sopesar se
a desintegrazón do actual Estado ruso –certo tipo de desintegrazón,
naturalmente– non pode ser unha fonte de progreso. Todo o mundo aceita de bon
grau, no entanto, que Rúsia é un país grande demais e que a tradicional
resposta histórica a tal problema –unha centralizazón extrema– non fixo senón
agudizá-lo. Con tais antecedentes, seria muito mais razoável que examinasemos,
sen preconceitos, os pros e os contras dun eventual proceso de desintegrazón.
Suxiramos, enfin, que outra das
nosas perversóns é a conducente a unha permanente etnificazón, que afecta por
igual a nosa visón dos feitos e à sua plasmazón lingüística. O conflito de
Bósnia-Herzegovina oferece, no planeta de hoxe, os exemplos mais claros ao
respeito. Non parece que existan argumentos sólidos para convencermos do rigor
do que mais ben semella unha dramática simplificazón: a que sinala que en
Bósnia contenden tres grupos étnicos comunmente coñecidos cos nomes de
“musulmáns”, “sérvios” e “croatas”. O feito de que membros deses tres grupos
estivesen presentes, desde 1990 até 1995, no governo bósnio obriga a dar-lle un
crédito reduzido a semellante visón das cousas. En Bósnia o que houvo foi unha
confrontazón entre dous proxectos políticos: se un defendeu unha sociedade
multiétnica –e trás el estavan presentes, como non podia ser menos,
“musulmanos”, “sérvios” e “croatas”–, o outro reivindicava sociedades
manifestamente monoétnicas. Pensar que os “musulmanos” ou os “sérvios” son
grupos homoxéneos dos que pode predicar-se algo –bon ou mau– é, simplesmente,
esvarar cara ao terreno da aberrazón. Non menos aberrante é, por certo,
concluir que todos os nacionalismos teñen un definitório carácter “étnico”.
O termo “nacionalismo” é un termo polisémico
como poucos: cada quen pode depositar nel o que lle pareza. Asi as cousas,
baixo a sua cobertura acollen-se as fórmulas políticas mais díspares, desde
afortunados movimentos de libertazón até as mais cruas maneiras de fascismo e
xenofobia. Significativo é, tambén, que a imaxe que o noso acervo político
extrai da palavra “nacionalismo” teña experimentado alterazóns profundas ao
longo deste século. Se nos anos trinta axiña se asociava cos reximes
nacional-socialista alemán e fascista italiano, nos quatro decénios seguintes à
segunda guerra mundial o termo vinculou-se con muitos dos estados emerxentes no
Terceiro Mundo. Mais recentemente ten pasado a relacionar-se, en cámbio, con
algunhas das correntes políticas activas na Europa central e oriental. Como é
fácil compreender, estes tres supostos tipos de nacionalismo remeten a
cenários, culturas e clases de fazer política substancialmente diferentes.
Se trás do termo “nacionalismo” se
poden esconder as realidades mais díspares, o seu é que sexamos, polo que fai
agora, cautelosos à hora de enunciar princípios xerais. A chave de compreensón
de muitos problemas estriba, se quadra, na conviczón de que en todos os
movimentos nacionalistas coexisten realidades saudáveis e outras que non o son
tanto. Alén do anterior, unha maneira posível de acoutar a discusón é a que
invoca tres critérios. Segundo o primeiro, quando se convén que “en todas as
partes há nacionalismo”, e en todas as partes se fan sentir os elementos
potencialmente negativos deste último, a disposizón a recoñecer as maldades dos
nacionalismos será maior. E as cousas serán asi porque quando menos esa toma de
posizón elude discursos maniqueus e recoñece –por citar un exemplo próximo– que
entre nós tanto ou mais perigoso pode ser o influxo dun nacionalismo español
que o exercido polos “nacionalismos periféricos”.
Quando, ao revés, o que se sustén
é que “só en determinados lugares há nacionalismo” –en Catalunya, Euskal Herria
ou Galiza, por seguir co noso exemplo–, e se deixa cair a ideia de que unicamente
neles se fai sentir a dimensón negativa do fenómeno, as cousas son diferentes.
O maniqueísmo da argumentazón, que a miúdo non fai senón ocultar un
nacionalismo de perfis exclusivistas, pouco menos que obriga a defender boa
parte dos contúdos do que no noso exemplo son os nacionalismos “periféricos”, e
a fazé-lo ao menos en dous terrenos: no que teñen de lexítima e pacífica defesa
dunha identidade e no que teñen de resposta ante unha coaczón exterior.
En segundo lugar, boa parte das
polémicas presentes sobre os nacionalismos remeten ao problema dos ámbitos
territoriais –aceitados ou non– de exercício da actividade política. E ao
respeito fai-se notar, de novo, unha disxuntiva. Existen, por un lado, xentes
que lle outorgan unha clara, e respeitabilísima, preeminéncia à ideia de
cidadania, e que ao fazé-lo concluen que esa ideia, na sua universalidade, por
forza ten que acantoar, como xeradora de direitos e deveres, a ligazón dos
cidadáns cunha realidade nacional concreta. Só há unha forma coerente de sustentar
esta visón das cousas: reivindicar un “Estado universal” garante dun conceito
de cidadania non menos universal, e mostrar en conseqüéncia unha permanente
distáncia –un permanente rexeitamento– con respeito à realidade política, e aos
limites, dos estados realmente existentes (todos eles insertos, antes ou
depois, queira-se ou non, nunha “realidade nacional”).
Noutro pólo da nosa disxuntiva
están, contudo, os que, adscrevendo-se a esa respeitável ideia dunha cidadania
universal, no entanto parecen aceitar, na sua integridade, a realidade dos
estados existentes (ou, no mellor dos casos, reclaman retoricamente un Estado
universal de cidadáns iguais). Esta é a pose que adoptan agora, por desgraza,
muitos dos discursos antinacionalistas ben pensantes: os estados semellan
realidades naturais e pouco menos que imodificáveis, de tal modo que o que nun
primeiro paso é a reivindicazón dunha abstracta ideia de cidadania nun segundo
acaba por devir un dramático apoio ao statu quo. Este nada adoita ter, por
certo, de “natural” e tras el a miúdo se oculta, claro, “outro” nacionalismo.
En terceiro termo, de non ver-se
corrixida, a reivindicazón dun conceito universal de cidadania, que há unhas
poucas liñas qualificamos de coerente dadas determinadas condizóns, corre o risco
de converter-se nunha obcecada defesa da homoxeneidade frente à diferenza. E ao
respeito non está de mais que recordemos que o noso acervo político parece
aderir-se à ideia de que o “universal” e o “globalizador” sempre é saudável,
enquanto o “particular” merece mais ben reticéncias e desprezos. Semellante
maneira de ver as cousas resitua-nos na nosa caracterizazón inicial dos
nacionalismos: tambén aqui se fai preciso limitar que é o que há de bon, e que
o que há de mau, no global e no particular, na defensa dun e na postulazón
doutro. Como é saudável lembrar algo que aqueles que critican os nacionalismos
desde a defensa do conceito de cidadania esquecen a miúdo: a maior parte das
acosas que padecen os discursos nacionalistas non se realizan desde esa racional
perspectiva, senón desde a atalaia doutros nacionalismos.
Non é un grande acougo afirmar,
por outra parte, que seria preferível que os nacionalismos non existisen:
simplesmente, existen. Outra qüestón relevante é, por mencionar un debate afin,
a que se deriva dunha afirmazón incontestável: nazóns e nacionalismos son
criazóns artificiais. O que sucede é que o artificial, por ser tal, non deixa
de ser real. E devemos perguntar-nos por que a permanente propensón a recordar
o carácter non natural de nazóns e nacionalismos non ten o seu correlato nunha
reflexión paralela sobre os estados (ou sobre os próprios “nacionalismos
centrais”). Tambén parece, por certo, que aos ollos dalguns pensadores
desbocados os nacionalismos son os únicos movimentos políticos que inventan, no
seu proveito, tradizóns. Ben fixeran en lembrar, sen ir mais lonxe, a inventada
tradizón da monarquia constitucional española.
Engadamos, enfin, que ainda que
muitos parezan té-lo esquecido, o nacionalismo é, à hora de explicar os problemas
das nosas sociedades, un factor entre outros muitos. En modo nengun constitui,
noutras palavras, unha explicazón universal da tesitura pola que atravesa o
mundo contemporáneo. A parte o anterior, o nacionalismo desenvolve funzóns
unhas vezes positivas e outras negativas. Por voltar à Europa central e
oriental, parece inegável a racionalidade de muitas das demandas nacionalistas
que cobraron vixéncia en auténticos mastodontes hipercentralizados, como era a
Unión Soviética. Tambén parece saudável o papel asumido polos movimentos
nacionalistas emerxentes na configurazón de “sociedades civis” mais ou menos
independentes. Nun sentido contrário há que deixar constáncia, claro, dos
aditamentos, visivelmente negativos, de muitos dos procesos nacionalistas na Europa
central e oriental: lembremos entre eles a visível alienazón que se deriva do
seu emprego para provocar o esquecimento de problemas mais peremptórios e o
próprio fenómeno das elites que se reconverten.
Con dados como os anteriores na
man, afirmar que o nacionalismo ten substituído o “comunismo” e é hoxe a causa
de todos os males na Europa central e oriental é simplificar dramaticamente a
realidade. Acaso há que colocar nun primeiro plano outros factores, como a
heranza burocrática, o capitalismo hiper-selvaxe en promozón ou a crescente
dependéncia externa. Ao tempo, e na metade ocidental do continente europeu, non
parece que a Unión debuxada en Maastricht sexa portadora de admiráveis
progresos na via da solidariedade. De produzir-se, eses progresos estarian
chamados a ser, notanto, un xenuíno antídoto frente à “terceiro-mundizazón” que
en tantas partes brota e, xunto dela, frente a algunhas das manifestazóns,
inegavelmente perversas, do nacionalismo de agora.
6.
Atando cabos: os alicerces do intervencionismo humanitário
O debate sobre o que se ten dado
en chamar “intervencionismo humanitário” non é mui gratificante. Se por un lado
son muitas, e complexas, as qüestóns que se cruzan de por meio, polo outro rara
vez é posível alcanzar respostas plenamente satisfatórias: a maioria dos
problemas non os resolven nen as intervenzóns nen as críticas, a miúdo mui
duras, que aquelas suscitan. Ainda que o debate que nos ocupa non é, polo
demais, de agora, parece fora de dúvida que muitas das suas dimensóns actuais
carecen de antecedentes. Con un universal ponto de partida –a existéncia de
situazóns extremas nas que un grupo humano é vítima, ou quando menos
considera-se tal, dunha agresón–, son várias as circunstáncias novidosas que
operan no momento actual. Mencionaremos quatro delas.
A primeira chega da man, como non,
do final da confrontazón entre blocos: esvaeceron-se muitas das regras de xogo
que operavan antano, e en particular as vinculadas con un sistema de
contrapesos e de vetos avalado polas grandes poténcias; o vazio xerado non foi
enchido por nengun novo sistema de regras, o que non deixou de suscitar algunha
nostálxia por un pasado que nada tivera, tampouco, de saudável. En segundo
lugar, e como aparente mas leviana compensazón a ese vazio, a Organizazón das
Nazóns Unidas (ONU) ten asumido un papel de relativa preeminéncia; entre as
pegadas dese papel conta-se, en lugar privilexiado, o desígnio de lexitimar
intervenzóns humanitárias, de tal xeito que algo que no pasado gozava de escaso
predicamento parece receber hoxe unha benzón áurea. Un terceiro elemento, este
só marxinalmente novidoso, é o que remete a unha revisón dun vello princípio: o
da soberania dos estados. Ainda que a discusón ao respeito ten estado sempre no
galiñeiro, parece fora de dúvida que ao amparo dos ares globalizadores, e
dalgunhas astutas operazóns, agora proliferan leituras mais ben propícias a
asumir que non é saudável que os estados sexan tan soberanos como alguns
manuais parecen suxerir. Queda por mencionar, ao fin, un quarto factor: ainda
que podan non ser importantes no que se referir às intervenzóns en si, os meios
de comunicazón e as organizazóns non governamentais (ONG) desenvolven hoxe un
papel inédito no debate sobre aquelas; asi as cousas, mamente pode falar-se de
intervenzóns sen referir-se antes, e con prolixidade, a uns e outras.
Antes de entrar en matéria semella
obrigado fazer várias precisóns. A primeira refere-se a unha qüestón que ten
mais peso do que parece: a de quen decide quando e como deve encarar-se unha
intervenzón militar –ampliemos agora este adxectivo, toda vez que non doutra
cousa estamos a falar– humanitária. En aparéncia, e nun cenário internacional
como o presente, a resposta é sinxela: a ONU. Por trás os factos son, contudo,
mais complexos. Na sociedade internacional dos nosos dias non faltan poderosos
grupos de presón encarregados de sacar adiante unhas causas e de acantoar
outras. As mais das vezes son eses grupos os que, ao fin, conseguen que a ONU proporcione
o seu aval para unha intervenzón. Por acudir a un exemplo próximo, non foi a
ONU, senón a Unión Europeia, e se é o caso, e de maneira mais marxinal, a OSCE,
a que decidiu meio intervir en Albánia.
O que acabamos de recordar muito
ten a ver con outra qüestón importante: só os mais inxénuos, e abofé que
avondan entre nós, seguen a pensar na ONU como unha instáncia multilateral que
se comporta à maneira dunha espécie de democrático parlamento de estados tambén
democráticos. Quen goza de algo de lucidez sabe que a ONU é, mui ao revés, un
dos muitos instrumentos, se quadra non o mais fiel nen o mais eficaz, ao
servizo dos grandes do planeta. E dificilmente pode separar-se esa condizón do
camiño final que asumiron a maioria das intervenzóns humanitárias.
Temos aqui a segunda das
precisóns: por muito que pareza o revés, e sen que sexa fácil avistar se isto
operar ou non en benefício das teses que aqui se defenden, as intervenzóns
humanitárias non son mui frequentes. A “comunidade internacional” –recorramos a
este estdpido eufemismo– ten exibido ante os conflitos vários tons de resposta
que resumiremos en quatro: (a) As mais das vezes ten-se abstido de intervir:
son maioria os conflitos bélicos deixados à sua sorte, como son maioria os
casos nos que a retórica invoca a conveniéncia de non imiscuir-se nos “asuntos
internos” dos estados. Os exemplos de Timor e de Chechénia acuden prestos na
nosa axuda. (b) Non faltan tampouco as intervenzóns de tipo non militar: a
entrega de axuda humanitária non se ve acompañada daquela da presenza de
continxentes armados internacionais. Iso é o que ten sucedido nos últimos anos
en países como Afeganistán, Azerbaián ou Sudán. (c) Fixo-se valer nalguns casos
unha intervenzón militar na que os continxentes implicados non tivesen posibilidade
–ou gozavan dunha posibilidade menor– de fazer uso da forza; asi ten sucedido
durante longo tempo en Angola, Bósnia (até agosto de 1995), Xeórxia, Libéria,
Ruanda, Somália e Taxikistán. (d) Unha derradeira posibilidade é a que nos
factos suscita unha cheia de debates contemporáneos: a dunha intervenzón
militar acompañada dun emprego ostensível da forza. Exemplos ao respeito son os
de Iraque e, de novo, Libéria, Somália ou a própria Bósnia con posterioridade
ao verán de 1995.
É sinxelo enunciar a última
precisón: ainda que muito se discuta ao respeito, a eficácia das intervenzóns
humanitárias parece mui escasa. Son maioria os exemplos de fracasos manifestos,
mui discutíveis alguns dos que se aduzen como éxitos –eis, se non, o de Bósnia–
e unha selecta minoria as situazóns nas que os resultados semellan ter sido
saudáveis. Nos factos esta última condizón acostuma coincidir con un dado
prévio: as partes en conflito alcanzaran un acordo antes da intervenzón. Por
cima de tudo, sobran os exemplos de operazóns marcadas pola irracionalidade,
quando non pola mais excelsa estupidez; aquel grande invento da ONU, as “zonas
de seguridade” en Bósnia, é un exemplo preclaro de ambas.
Non pode rebaixar-se nun ápice a responsabilidade
que os “axentes locais” teñen na xestazón e o desenvolvimento de muitos
problemas. Saddam Hussein e Slobodan Milosevic son responsáveis, sen dúvida, de
muitas das misérias que padecen os seus povos e os povos viziños. Mas
semellante considerazón, iniludível, deve acompañar-se doutra que recorda quais
son os intereses, sempre túrbidos, que defenden as grandes poténcias. Boa parte
deses intereses fan-se valer hoxe através dun insuspeitado procedimento: o
intervencionismo humanitário. E para demonstrá-lo convén lembrar algunhas
cousas.
Polo pronto, as poténcias actuan
con maior urxéncia e contundéncia quando os seus intereses están en xogo. E
quando falamos de intereses non só estamos pensando nos estritamente económicos
(Franza nos Grandes Lagos, EE.UU. no golfo Pérsico) ou xeo-estratéxicos
(EE.UU., de novo, en Haiti e acaso en Somália): muitas vezes as intervenzóns
nascen en virtude de necesidades políticas internas como as derivadas das
servidóns eleitorais ou da necesidade de lavar a imaxe das forzas armadas
próprias. Quando non son mui palpáveis os intereses –eis o exemplo de Bósnia–,
as intervenzóns ou non se acometen ou rebaixan o seu pulo.
As poténcias teñen a miúdo muito a
ver, en segundo lugar, coa xestazón dos conflitos que tan prestas acoden a
resolver. Nengun dos grandes conflitos bélicos do momento seria o que é se as
poténcias non tivesen proporcionado armas aos contendentes. Rara vez esas
guerras se desenvolven à marxe, por outra parte, de relazóns económicas que
levan unha pegada: a dunha inapresentável submisón do Sul para co Norte. O
comun é que sexan as grandes poténcias, ao fin, as que impoñan regras que
contribuen a estimular as tensóns. O embargo de armas padecido polo governo
bósnio é un bon exemplo disto último: impediu-se que os bósnios se defendesen e
a continuazón ideou-se unha intervenzón redentora.
Nengun dado permite concluir, en
terceiro termo, que as poténcias teñan algun interese en defender os direitos
humanos. A proteczón destes últimos é sempre un elemento marxinal, como o
testemuña unha cheia de intervenzóns saldadas con unha lexitimazón posterior de
quen antes eran considerados criminais de guerra. Polo demais, nengunha
intervenzón lle devolveu en plenitude o poder, e o autogoverno, àqueles a quen
supostamente contribuíra a socorrer.
A intervenzón adopta un ou outro aspecto, en quarto lugar, segundo
quen é o responsável de agresóns e xenocídios. Ao respeito o exemplo do
Curdistán é ilustrativo: nada se fixo para defender os curdos frente a Iraque
quando este se encontrava en guerra con Irán e gozava do beneplácito de
Ocidente. “Defendeu-se-lles”, pola contra, quando, en 1990-1991, Iraque entrou
en confrontazón coas poténcias ocidentais. Deixou-se-lles de novo sen defesa
quando o agresor foi un Estado membro da OTAN: Turquia.
En quinto lugar, convén recordar
que a intervenzón se evita se o responsável de agresóns e xenocídios é un
Estado poderoso. Ninguén parece ter suxerido intervenzón humanitária algunha en
relazón con Chechénia, un conflito que aos ollos dos nosos chanceleres é, sen
mais, un comun “asunto interno” dunha grande poténcia. E, contudo, non há
nengunha razón de peso que xustifique por igual a intervenzón de 1991 no
Curdistán e a omisón da intervenzón en Chechénia en 1995.
As poténcias recean, en sexto
termo, dos “capacetes azuis” que non están estritamente baixo o seu controlo. E
para o efeito non duvidan en apostar por procedimentos de “rexionalizazón” dos
continxentes militares internacionais. Son capacetes azuis norte-americanos os
que interveñen en Haiti, e capacetes azuis rusos os que se despregan en Xeórxia
ou Taxikistán. Este fenómeno desenvolve-se en paralelo, claro, con un
esvaecimento da condizón neutral dos continxentes internacionais, ben visível
no caso bósnio: os capacetes azuis turcos do lado da armija, os rusos de parte
do exército servo-bósnio.
As poténcias nada fan, ao fin,
para frear o xurdimento de dramáticos efeitos colaterais entre os que se contan
o comércio clandestino e a prostituizón, exemplos ambos que poñen de manifesto
a escasa moralidade de muitos dos responsáveis e membros dos continxentes
militares internacionais. Resulta difícil dar-se por satisfeito coa ideia de
que, ao fin, os militares son reféns dunha cheia de pexas estabelecidas polos
“políticos”: tamén a eles lles acadan claras responsabilidades no
desenvolvimento dos acontecimentos.
Non pode entender-se o
intervencionismo humanitário contemporáneo sen considerar en paralelo o papel
asumido por muitas organizazóns non governamentais e polos meios de
comunicazón. Entre as primeiras, e xunto de benvidos exemplos de compromiso sen
tacha, non faltan os de instituizóns obscenamente entregues à própria
sobrevivéncia, en modo nengun comprometidas coa defesa de causas xustas e,
chegado o caso, suxeitadas a obscuros e oficiais intereses. Os especialistas
distinguen hoxe tres tipos de humanitarismo que definen outras tantas
modalidades de ONG: o “imparcial”, baseado no consentimento das autoridades
locais, às que en modo nengun se importuna, o “revolucionário”, caracterizado
por unha franca oposizón a esas autoridades, e o “internacional”, que combina
estilos cooperativos e conflituosos.
Tres son tambén, quando menos, os
grandes problemas que deven encarar as ONG. O primeiro é o do sentido dunha
aczón humanitária a miúdo impregnada por unha escasa considerazón das demandas
e as condizóns locais. O segundo non é outro que o da neutralidade, un termo
confuso como poucos: que significa ser neutral nun cenário marcado por un
xenocídio? Non implica daquela a neutralidade unha lexitimazón do agresor? O
terceiro quebra-cabezas é o da militarizazón: muitas ONG tradicionalmente
pacifistas preferen traballar agora baixo a proteczón dos fuzis e colocan asi
noutras mans, non precisamente merecedoras de confianza, a resoluzón dos
principais problemas. Estamos, noutras palavras, ante un duplo proceso de
militarizazón do humanitarismo e de humanitarizazón do militar. E neste estado
de cousas non deve refugar-se, por certo, unha inquietante posibilidade: a de
que algunhas ONG alenten intervenzóns humanitárias co obxectivo de preservar os
seus próprios negócios.
O papel dos meios de comunicazón,
que para alguns non son senón singularísimas ONG, tambén ten duas faces: se por
un lado desempeñan unha tarefa decisiva no que à sensibilizazón das nosas
sociedades respeita, polo outro o seu traballo desenvolve-se con arranxo a
chaves a miúdo equívocas. Ao privilexiaren os elementos emocionais, costuman
esquecer as causas estruturais dos conflitos e, por iso, mostran quase sempre
escasa capacidade de análise. Entre os seus vícios mais habituais están unha
omnipresente propensón a etnificar a informazón –parecen crer que se afirma
algo sério quando se di que “os sérvios son isto ou aqueloutro”–, unha
frequente solidariedade cos perdedores que esquece considerar que estes,
ademais de ser tais, están carregados de razón e de argumentos, e unha
manifesta propensón a xerarquizar a importáncia dos conflitos: preocupan menos
quanto mais ao leste e mais ao sul se desenvolvan. A todo o anterior
acrescenta-se-lle unha teimosa querenza por aparentes e máxicas soluzóns, e
entre elas as intervenzóns humanitárias. Con estes vimes non pode surpreender
que as nosas precárias sociedades civis estexan nuas. As suas reaczóns,
espasmódicas, produzen-se ao compaso do que din os meios de comunicazón e
fan-se valer, por demais, sen maiores conotazóns ideolóxicas. Excepto minorias,
non se aprecia nengun compromiso sólido, e si o repentino desexo de lavar,
tambén, a má consciéncia. Esta última necesidade parece maior quando os
protagonistas dos conflitos bélicos resultan ser “como nós” –isto pasa-lles,
segundo din, aos bósnios–, e menor quando non se nos parecen demasiado –algo
que lles sucede, polo que semella, a ruandeses e alxerianos–.
No princípio recordamos que o
debate sobre o intervencionismo humanitário non costuma ser mui gratificante. E
isto é asi ante tudo por unha razón: nengunha das nosas críticas consegue
eliminar do horizonte a realidade de que há situazóns extremas às que resulta
moralmente obrigado dar algunha soluzón.
Claro é que a resposta a esta
delicada situazón moral non pode ser a apózema máxica do doutor Mendiluce. Por
desgraza quen está en condizóns de acometer intervenzóns militares exibe
antecedentes penais que incitan à desconfianza. E esta é unha das traxédias do
momento: a inegável boa vontade de tantas iniciativas choca coa natureza dos
axentes chamados a desenvolvé-las.
Nun cenário como ese parece cada
vez mais urxente que asumamos a defesa dunha comunidade antimilitarista que, en
palavras de Xabier Agirre, “está a ponto do extermínio polos exércitos
humanitários e as ONG militarizadas”. E que aprendamos ben a lizón que, sen ir
mui lonxe, nen na xeografia nen na maldade, proporcionan as palavras, tan
cínicas como descarnadas, do ex ministro de Defesa español éulián Garcia
Vargas. Porque a sua provisória avaliazón do papel dos capacetes azuis españóis
en Bósnia non podia ser mais gráfica: “A misón da ONU ten fracasado, mas o
balanzo para España é positivo”. E é que, a miúdo, poucas palavras avondan.
7.
O Fundo Monetário, no Leste como no Sul