A NOVA DESORDE INTERNACIONAL. CONSTRUZÓN EUROPEIA, INTERVENCIONISMO HUMANITÁRIO E GLOBALIZAZÓN. Carlos Taibo

 

7. O Fundo Monetário, no Leste como no Sul

 

De maneira xeral pode afirmar-se que a história do Fundo Monetário Internacional ten atravesado tres grandes fases. Na primeira, entre 1944 e o decénio de 1970, a Europa ocidental foi cenário privilexiado das aczóns do Fundo. Na segunda, nas décadas de 1970 e 1980, a órbita de aczón do FMI alcanzou ao Terceiro Mundo cos chamados programas de axuste. Na terceira, e en condizóns diferentes, novos programas foron deseñados e aplicados nos estados que outrora formavan parte do bloco soviético.

Terminada a segunda guerra mundial fixeron-se notar duas posizóns no relativo à configurazón dun novo sistema monetário internacional. A norte-americana concedia-lle menor importáncia ao controlo sobre a criazón de diñeiro que à promozón dos intercámbios. Os eventuais desequilíbrios nas balanzas de pagamentos devian tratar-se con instrumentos mui flexíveis asentados na cooperazón e no estabelecimento de paridades fixas. Devia proceder-se asi mesmo à criazón dun fundo de estabilizazón encarregado de permitir unha auténtica cooperazón entre os estados no relativo ao equilíbrio das suas balanzas de pagamentos. A outra posizón, defendida por Keynes, invocava critérios intervencionistas. Para Keynes o mellor era criar un banco central mundial con unha cheia de atribuizóns, e unha moeda internacional desvinculada das diferentes moedas “nacionais”. Os países que dispuxesen de excedentes –e en lugar singular os EE.UU.– estarian obrigados a conceder créditos àqueles que se encontrasen nunha situazón menos vantaxosa.

Nos factos, os acordos de Bretton Woods, que déron orixe ao FMI e ao Banco Mundial, ocuparon-se ante tudo da convertibilidade e a estabilidade das moedas. Se a primeira implicava un compromiso de readquisizón das moedas próprias en poder doutro Estado, a segunda carrexava o estabelecimento dun sistema de cámbios fixos. Ainda que o ouro conservava a sua condizón de base do sistema, o dólar adquiria atribuizóns semellantes. En paralelo fazia-se notar a exixéncia de que os EE.UU. asumisen un maior controlo sobre a sua moeda, de tal xeito que garantisen a convertibilidade e unha relazón equilibrada entre as reservas de ouro e o volume de dólares.

As condizóns mencionadas non se fixeron valer de maneira plena. Na segunda metade do decénio de 1960 os dólares en mans de non norte-americanos acabaron por exceder às reservas de ouro estadounidenses, de tal xeito que as posibilidades de converter aqueles en ouro se reduziron de maneira sensível. A crise estalou quando, en 1971, os EE.UU., sen consultar co FMI, decidiron suspender a convertibilidade do dólar e estabeleceron unha taxa do 10% sobre as suas importazóns. A ruptura das regras do Fundo era evidente e abria-se camiño un novo rexime de cámbios flutuantes. En 1976 foi o próprio FMI quen recebeu o encarrego de deseñar ese novo rexime, sobre a base de certo grau de liberdade nos cámbios, a “desmonetizazón” do ouro, un incremento nas chamadas quotas-parte dos estados membros e a criazón dunha reserva da que, sobre o papel, devian beneficiar-se os países mais pobres. Antes o Fundo asumira tarefas na dixestón doutra crise, a do petróleo, que se traduzira nun espectacular crescimento no défice da balanza de pagamentos dos países membros da Organizazón para a Cooperazón e o Desenvolvimento Económico. O Fundo conseguira recursos dos produtores de petróleo e procedera à concesón de empréstimos a países, desenvolvidos ou non, con problemas na sua balanza de pagamentos.

O rexime de cámbios flutuantes non estava isento de controles. Alguns deles manifestavan-se na criazón de blocos de moedas que configuravan un sistema próprio –asi, o sistema monetário europeu– e que flutuavan uns en relazón cos outros, ainda quando no seu interior preservasen a non flutuazón dunha “moeda eixo”. O dólar, polo demais, seguia conservando a sua condizón de moeda central, e isto apesar un facto: a sua percentaxe no ámbito das reservas mundiais de divisas estava abocada a descer (de 70 a 56% entre 1982 e 1991, en boa medida en proveito do marco alemán). Neste cenário as funzóns do FMI aparecian recortadas, toda vez que se limitavan a un controlo sobre as políticas de cámbio. O anterior vira-se contrapesado, é certo, por unha ampliazón das comisóns do Fundo no relativo à supervisón das políticas económicas dos estados. Asi, en boa medida, e paradoxalmente, a crise do decénio de 1970 acabou por traduzir-se nun alargamento dos cometidos e influéncias do FMI. Hoxe en dia este desenvolve un papel mui activo, por exemplo, nas reunións do “grupo dos sete”, nas que se ocupa de reforzar a coordenazón entre as políticas económicas dos países mais industrializados do planeta.

 

Voltar ao índice

 

As funzóns

As principais funzóns asignadas ao FMI son a vixiláncia do funcionamento do sistema monetário internacional e a concesón de axuda financeira e técnica aos estados membros que exiben défices na sua balanza exterior. Mas o dado fundamental das políticas do FMI non é o que se deriva da sua capacidade para decidir quen merece créditos e axudas. É o que nasce do chamado “princípio de condicionalidade”: un Estado que recebe a axuda do Fundo fica obrigado a satisfazer determinados obxectivos en matéria de reduzón do défice público, inflazón, crescimento dos salários… Este princípio outorga o FMI un auténtico direito de inxeréncia –da man de exixéncias comunmente draconianas– nas políticas internas de cada Estado.

O direito mencionado plasma-se en tres factos. O primeiro non é outro que unha clara aposta polo mercado e as demais instituizóns “liberais”, asentada nunha cheia de superstizóns: competéncia perfeita, axentes que reaxen de maneira lineal aos cámbios nos prezos, economias homoxéneas… O segundo é un manifesto esquecimento das tensóns sociais que se provocan. Asi, un maior controlo no gasto público traduze-se axiña en políticas que rebaixan a cobertura social da povoazón. Este é o caso da reduzón do gasto en educazón ou saúde, ou da supresón de subvenzóns aos prezos dos produtos de primeira necesidade. O terceiro e derradeiro feito é a defesa de medidas como, por exemplo, as depreciazóns nas moedas, que teñen o teórico propósito de enfrear as importazóns, relanzar as exportazóns e propiciar a entrada de capitais. Na realidade, contudo, quando a demanda dun produto é ríxida, o usual é que as suas importazóns non se reduzan apesar da depreciazón. Do mesmo xeito, as exportazóns só crescerán se a demanda dos produtos en qüestón é bastante elástica. Nengunha destas duas condizóns se da no caso da maioria dos produtos importados e exportados polos países mais pobres, de tal xeito que unha medida teoricamente beneficiosa, como a depreciazón da moeda, pode ter efeitos nefastos.

Digamos tambén que o FMI é unha organizazón de estados, de tal maneira que se entende que os princípios defendidos polo Fundo son postulados tambén por eses estados. Como quer, por outra parte, que o número de votos a disposizón de cada un destes é proporcional aos recursos que achegan, há unha evidente desigualdade na sua capacidade de decisón e influéncia; este esquema, diferente en princípio do aplicado en Nazóns Unidas, asenta-se na idea de que, ao ser o FMI unha instáncia de carácter financeiro, àqueles que mais arriscan deven corresponder-lles maiores capacidades de decisón.

No centro do sistema están as chamadas quotas-parte, nas que se concretizan os recursos que, en virtude da capacidade económica respeitante, os diferentes estados depositan ao servizo do Fundo. O facto de que –como agora veremos– os EE.UU. dispoñan de perto de 20% dos votos no “consello de governadores” outorga a ese país unha posizón preeminente, e isto ainda quando a concesón dun crédito ou a asunzón dun programa de axuste só requeren unha maioria simples, co que poden sair adiante sen o beneplácito norteamericano. En substáncia, os Estados Unidos, apesar de poder adiar a entrada en vixéncia das medidas, para impedir estas deven buscar o consenso con outros países: os seus votos, en solitário, non son suficientes. Dado o panorama internacional, contudo, non é difícil que os EE.UU. consigan vetar, nos factos, todos os proxectos que consideren lesivos para os seus intereses.

Da magnitude das quotas-parte –que guardan relazón coa renda nacional, o nível de comércio exterior e as reservas– non só se derivan os votos de cada un dos estados: tambén as suas posibilidades de aceder a créditos. Quando o FMI necesita mais fundos dos que lle fornecen as quotas-parte, recorre aos chamados “direitos especiais de xiro”, que foron criados en 1967.

 

Voltar ao índice

 

A dívida

A crise da dívida de princípios do decénio de 1980 marcou un profundo xiro nas políticas do FMI en relazón cos países do Terceiro Mundo. En virtude desa viraxe, que permitiu que o Fundo substituí-se ao Banco Mundial en muitas das tarefas antes desempeñadas por este, o FMI acabou por asumir un papel decisivo nas relazóns do Norte desenvolvido co Sul mais pobre.

A luz do que xá asinalamos, parece claro por que os países mais pobres teñen escaso peso nas decisóns do FMI: as suas quotas-parte son mui inferiores às dos estados mais ricos do planeta, que poden exercer sen problemas un auténtico direito de veto. Isto à parte, e como queira que as opinións dos países do Terceiro Mundo con respeito às matérias mais díspares son mui diferentes, eses estados até agora non foron capazes de configurar un bloco homoxéneo. De maneira xeral si é certo, contudo, que se manifestaron en favor dun maior peso dos “direitos especiais de xiro”, e que qüestionaron muitos dos efeitos, tanto en termos de deveres como de direitos, do rexime de quotas-parte. Na realidade foron quase sempre os países do Terceiro Mundo os que, para beneficiar-se de créditos e axudas, deveron axustar-se aos programas de austeridade e estabilizazón impostos polo FMI.

Tal qual xá afirmamos, foi a crise da dívida a que alterou a relazón do FMI cos países mais pobres. Os estados membros da Organizazón de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) acederon a unha posizón que lles permitia emprestar grandes somas nos mercados internacionais, ao tempo que os estados mais pobres experimentavan un rápido endividamento. No caso dos membros da OPEP non se fixo notar proxecto nengun que alentase a sua conversón en axentes de relazón directa cos países mais pobres. O principal nexo entre uns e outros foron os grandes bancos internacionais que, oferecendo condizóns muito menos ríxidas que as do FMI, e xuros mui baixos, centraron as suas relazóns nuns poucos estados (alguns latino-americanos e os “novos países industrializados” do sueste asiático). Os bancos pasaron a controlar a maior parte da dívida dos estados mais pobres (a sua percentaxe de participazón na mesma ascendeu, entre 1973 e 1983, desde 32 até 53%), enquanto o endividamento destes, quando menos en termos absolutos, se concentrava nuns poucos países: en 1983 nada menos que 45% da dívida do Terceiro Mundo correspondia a Arxentina, México e Brasil.

A situazón acabou por estalar quando chegou o “segundo choque petroleiro”. Ao imediato incremento no défice da balanza de pagamentos dos países máis pobres –e dalguns dos próprios estados produtores de petróleo, que, como México, se endividaron para desenvolver a sua maltreita indústria petrolífera– uniron-se os efeitos dos défices orzamentais e das políticas monetárias, mui restritivas, da maioria dos países mais ricos. A conseqüéncia final foi un rápido crescimento dos xuros, que subiron desde 4,3% en 1973 até 11,3% en 1982.

A todo o anterior acrescentou-se outro elemento: a queda dos prezos da maioria das matérias primas exportadas polos países mais pobres, en boa medida conseqüéncia da reduzón operada na demanda dos estados mais ricos. As próprias políticas dos países do Terceiro Mundo, con unha pésima xestón, contribuíron a afundar a crise. A principal manifestazón desta foi o xá citado crescimento da dívida externa, que axiña levou a declarazóns pdblicas de insolvéncia –este foi o caso de México– ou a solicitudes de renegociazón e adiamento dos pagamentos –como as realizadas por Arxentina, Brasil e, depois, outros muitos estados–. Ainda asi, cumpre resituar as dimensóns da dívida. Esta, que era extremadamente onerosa para os países mais pobres, non supuña sequer, contudo, un térzo do volume de vendas anual das duascentas empresas transnacionais mais importantes.

No cenário xerado pola crise da dívida fixo-se notar un crescente papel do FMI, que comezou a asumir muitas das tarefas que realizavan os bancos comerciais. Estes, en grande medida responsáveis da crise, víron como os seus intereses eran defendidos polas novas políticas. Isto aconteceu, en particular, nos EE.UU., onde, segundo un estudo apresentado ante o Congreso, as políticas reaganianas “superaron con muito o que era necesário para protexer os bancos da insolvéncia. Ademais de preservar a sua seguridade e a sua estabilidade, o governo garantiu e de feito promoveu a sua rentabilidade… O seu tratamento da crise ten recompensado às instituizóns que desenvolveron un papel importante na precipitazón da própria crise”.

O FMI houvo de ampliar en 1983 o peso das quotas-parte. O ano seguinte criou-se un fundo especial. Ainda co anterior, o volume da dívida dos estados mais pobres excedia con muito ao dos recursos a disposizón do FMI. Por citar un dado, os novos créditos concedidos por este último en 1992 supuñan algo menos de 2,5% do volume total da dívida externa. Claro que a importáncia do Fundo non devia medir-se por informazóns como as anteriores: o seu relevo tiña muito mais que ver coa sua influéncia, manifesta, por exemplo, no feito de que os países que satisfazian as exixéncias do Fundo estavan en muita mellor posizón para renegociar o pagamento da sua dívida.

 

Voltar ao índice

 

Os planos de axuste

A observazón anterior remete directamente, mais unha vez, às exixéncias do FMI, plasmadas ante tudo nos planos de axuste. Ainda que sobre o papel o obxectivo destes non é senón garantir a solvéncia exterior dos países en qüestón, nos factos reivindican a introduzón, por qualquer meio, da economia de mercado.

Na eséncia dos planos de axuste há tres elementos. O primeiro é o configurado por políticas de comércio exterior nas que quase sempre están presentes depreciazóns das moedas e liberalizazóns dos cámbios. En segundo lugar fai-se sentir un claro esforzo encamiñado a reduzir os défices públicos que pudesen apresentar-se; ao respeito os efeitos revelan-se, de maneira inevitável, en forma de despedimentos de empregados públicos e de descensos dramáticos nos níveis de gasto en saúde, educazón e proteczón social. En terceiro termo, ao fin, reclaman-se dos estados políticas monetárias claramente restritivas. Xunto estes critérios despregan-se polo comun outros que reivindican, se é o caso, reformas no sistema bancário ou a privatizazón de segmentos importantes do sector público.

Muitos especialistas susteñen que é difícil realizar análises globais das políticas de axuste, toda vez que os seus resultados son mui díspares segundo os países. Poden adiantar-se, contudo, duas conclusóns xerais. Conforme à primeira, alguns estados submetidos a planos de axuste, e beneficiários tambén de certo desenvolvimento industrial, comercial e financeiro prévio, parecen ter deixado atrás a sua crítica situazón. Este é, en aparéncia, o caso de Arxentina, de México e de Chile. Un estudo máis detido obriga a tomar en considerazón, contudo, os custos inxentes do procedimento: ampliazón das distáncias sociais, desequilíbrios económicos, visível dependéncia exterior…

En virtude da segunda conclusón, convén recordar que há un grande número de países nos que é imposível apreciar efeitos saudáveis das políticas de axuste. Este é o caso, en particular, da imensa maioria dos estados africanos, onde é evidente a persisténcia de enormes rixidezes, ratificadas polas políticas que nos ocupan. Nos factos, parece que nestes países as depreciazóns operadas nas moedas quase non tiveron efeito algun de acrescentamento dunhas exportazóns nada flexíveis; a paralela reduzón das importazóns, lonxe de ter conseqüéncias beneficiosas, traduziu-se nunha míngua de crescimento e investimentos, toda vez que aquelas se concentravan en bens de equipa indispensáveis.

Ao reduziren visivelmente a demanda interior, os efeitos sociais dos planos son dramáticos. Nalguns casos a situazón ten conduzido a “revoltas do pan” como as rexistadas na Tunísia e en Venezuela en 1989. Os efeitos sociais fixeron-se sentir mesmo nos estados que parecen ter resistido con algun éxito as políticas de axuste. Asi, México viu como a percentaxe de pobres entre a sua povoazón ascendeu desde 48,5 até 59% entre 1981 e 1989. Regra xeral foi, tambén, que os sectores mais ricos aumentasen a sua distáncia con respeito aos mais pobres, e isto apesar de, nalguns casos, se rexistasen aumentos na renda nacional dos países correspondentes.

Os próprios indicadores xerais reflecten os efeitos nocivos da dívida e dos planos de axuste. Un estudo que se centra no ocorrido entre 1970 e 1982 en mais de setenta estados africanos, asiáticos e latino-americanos sinala que os níveis mais altos de dívida coincidian coas taxas mais altas de mortalidade infantil e coas mais baixas de esperanza de vida ao nascer. Vítimas constantes das políticas do FMI foron, tambén, as mulleres, que se viron afectadas directamente por procesos como o endurecimento de todas as condizóns de vida ou o recorte dos gastos sociais. A conseqüéncia ten sido unha desmedida incorporazón de mulleres à economia subterránea, acompañada en muitos casos dunha dramática extensón da prostituizón. Os planos non fixeron senón ratificar vellas tendéncias como as que fan que as mulleres ocupen os estratos mais baixos da pirámide produtiva, estexan obrigadas a desenvolver xornadas laborais mais prolongadas, cobren salários inferiores e realicen un traballo doméstico non remunerado que, de ser contabilizado, incrementaria nunha terceira parte o produto económico mundial. Asi, non é difícil explicar por que no Terceiro Mundo as duas terceiras partes das mulleres de mais de 25 anos non acudiron nunca à escola.

Os planos de axuste supuxeron, ao fin, unha clara ratificazón da presenza de agudas necesidades sociais. Os níveis de vida e ben-estar no planeta seguen sendo mui distintos: 20% mais rico da povoazón dispón do 78% da riqueza, enquanto 20% mais pobre deve contentar-se con 2%. O gasto público per cápita en saúde no primeiro grupo era, anos atrás, de 573 dólares, por 2 no segundo; no primeiro grupo inxeria-se 60% mais de calorias, vivia-se unha média de 18 anos mais, estava garantida a alfabetizazón e o risco de morte nos anos iniciais da vida era, ao fin, sensivelmente inferior.

Non foron mellores os efeitos dos planos de axuste no que se refere às agresóns meio-ambientais. Estas, ignoradas, non deixaron de afundar-se e acabaron por revelar unha debilidade mais duns programas que xeraron dous tipos de tensóns. A primeira é a provocada polo apoio a proxectos visivelmente lesivos para o meio ambiente. A segunda é a que se deriva da decisón de intercambiar recursos naturais por diñeiro. Ao respeito non é casual que unha boa parte das selvas tropicais do planeta, en constante deteriorazón, se encontre en cinco países mui endividados: Brasil, Indonésia, Zaire, Perú e Colómbia. As políticas aplicadas ven-se acompañadas, nos dous tipos de tensóns, dun acoso aos direitos das minorias étnicas e dunha erradicazón de formas autóctones de vida xenericamente respeituosas co meio. As economias locais de subsisténcia foron trocadas en muitos casos por fórmulas de monocultivo para a exportazón, coa inevitável seqüela da traslazón de millóns de pesoas (segundo unha estimativa, o conxunto das obras financiadas polo Banco Mundial ten provocado o traslado forzoso de perto de 25 millóns de homes e mulleres). Como é fácil compreender, os orzamentos destinados a conservazón do meio ambiente, polo xeral magros no Terceiro Mundo, viron-se sensivelmente diminuídos en virtude das reduzóns nos níveis de gasto público exixidas polos planos de axuste.

O resultado desta cheia de despropósitos resume-se en 1.250 millóns de pesoas que viven en condizóns mui precárias nos arrabaldes de cidades en constante crescimento, unha alta percentaxe de rios contaminados, a deflorestazón en franco progreso, a superfície utilizável en agricultura e gadaria en constante reduzón, e os fertilizantes e os pesticidas tóxicos utilizados de forma desmedida. Entretanto, as enfermidades xenéticas gañan terreno ao amparo do desenvolvimento da indústria produtora de enerxia nuclear, a temperatura do planeta experimenta un significativo incremento e, ao fin, o buraco da camada de ozono fai sentir os seus efeitos en meios físicos e tecidos intelectuais.

A dívida, de maneira mais xeral, parece guardar unha estreita relazón coas dimensóns do gasto militar de muitos países do Terceiro Mundo. Segundo unha estimativa, o gasto en defesa é responsável de 20% da dívida dos países máis pobres. Contudo, os planos de axuste non contemplan previsóns de reduzón do gasto militar, e iso que este último é unha rubrica fundamental do gasto público. A explicazón parece sinxela: às poténcias do Norte non lles interesa estabelecer recortes nun gasto, o de defesa, que repercute positivamente na actividade das grandes empresas produtoras de armamento. Por iso poden acoller-se neste caso a un princípio que non invocan en todos os mais –o de non inxeréncia nos asuntos internos dos estados– e estimular asi a consolidazón de forzas armadas evidentemente relacionadas coa represón interna. Son manifestas, contudo, as pésimas relazóns que manteñen o gasto militar e o ben-estar da povoazón. O primeiro reclama recursos –técnicos, matérias primas, dotazóns de investimento– polo xeral escasos, non toma en considerazón obxectivos a longo prazo, cria muitos menos postos de traballo que os xerados na economia civil e produz “bens”, ao fin, que nen permiten satisfazer necesidades nen crian riqueza.

 

Voltar ao índice

 

FMI e Terceiro Mundo: unha avaliazón global

Son muitos os países do Terceiro Mundo que se ven obrigados a dedicar o total dos novos empréstimos que receben ao pagamento dos intereses da dívida contraída. Como é fácil compreender, neste como en tantos casos, o conceito de “país” é equívoco: os que, co seu traballo, pagan de maneira efectiva a dívida non son os governantes e as elites económicas, senón xentes que nada teñen a ver coa negociazón dos empréstimos e menos co seu gozo. Un comportamento comun entre os privilexiados, que contribui poderosamente a piorar a situazón, é a fuga de capitais.

Nos factos as políticas de axuste avaladas polo FMI tiveron por conseqüéncia final un incrível e inapresentável paradoxo: trás a sua aplicazón, e quando menos desde 1982, foron os países mais pobres os que acabaron por financiar aos mais ricos. O peso dos primeiros na economia mundial ten-se reduzido, polo demais, de forma visível. Por citar un dado, se en 1980 representavan 28% do comércio planetário, seis anos depois a percentaxe correspondente era de 19%. Se no primeiro deses anos 29% das importazóns dos estados mais ricos procedia do Terceiro Mundo, en 1986 a percentaxe descera a 19%. Algo teñen que ver eses factos coa absoluta falta de controlo dos países mais pobres sobre factores decisivos para o seu futuro: a inflazón mundial, os xuros, os prezos de importazóns e exportazóns… O aparente perdón dunha parte da dívida do Terceiro Mundo coincide, polo demais, con unha compensatória reduzón nos níveis de axuda do Norte desenvolvido.

Provavelmente non é preciso dizer que nengun critério político ten conduzido a adoptar precauzóns especiais ante reximes que eran sangentas ditaduras. As elites políticas e económicas que apoiaron abertamente Pinochet en Chile, Botha en Sudáfrica, Ceausescu en Roménia ou Videla na Arxentina tiraron-lle claro partido às exixéncias do FMI. Dados como estes revelan a condizón profunda desas exixéncias. O FMI non se propón un acrescentamento nos gastos de educazón dos estados encamiñado a mellorar a formazón dos cidadáns. Nada fai por conseguir que a asisténcia sanitária primária e a medicina preventiva melloren. Apenas apresenta obstáculos à despregadura de proxectos faraónicos que nengunha relazón guardan coas necesidades da povoazón. Nunca aposta, enfin, por reduzóns nun gasto militar improdutivo e por controles democráticos do destino conferido aos recursos públicos.

Nas palavras de “Lula”, o líder sindical brasileiro, “a terceira guerra mundial xá ten comenzado. Trata-se dunha guerra silenciosa, mas non por iso menos sinistra. Está rompendo Brasil, América Latina e praticamente todo o Terceiro Mundo. En lugar de soldados, son os rapaziños os que morren; en lugar de millóns de feridos, há millóns de desempregados; en lugar de destruir pontes, destruen-se fábricas, escolas, hospitais e economias inteiras… É unha guerra librada polos Estados Unidos contra o continente latino-americano e contra o Terceiro Mundo. A sua causa é a dívida externa, e utiliza como principal arma os xuros, un arma mais mortífera que a bomba atómica, mais destrutiva que o raio láser”.

 

Voltar ao índice

 

O FMI chega à Europa central e oriental

Ainda que a URSS participou na conferéncia de Bretton Woods, optou por non subscrever os seus acordos. Polo que a outros países da Europa central e oriental respeita, Checoslováquia, que se contava entre os membros iniciais do FMI, abandonou este en 1954. Roménia incorporou-se ao Fundo en 1972, e Hungria e Polónia fixeron-no, respectivamente, en 1982 e 1986. Fora do bloco soviético, Xugoslávia mantivo unha longa traxectória de pertenza ao FMI. O fundamental era, contudo, que os reximes do Leste desenvolveran as suas próprias estruturas de relazón. Asentadas na reivindicazón dunha divisón internacional do traballo acompañada do adxectivo “socialista”, concretizaron-se no Consello de Axuda Económica Mútua (CAEM). O rublo era a moeda directora, e por iso falava-se dunha “zona do rublo”.

 Da man de relazóns como as estabelecidas con Hungria e Polónia, só a partir de meados do decénio de 1980 se abriron camiño lazos sólidos entre o FMI e alguns reximes de “socialismo irreal”. A desintegrazón do bloco soviético provocou a rápida solicitude de incorporazón ao Fundo dos estados do Leste que ainda non pertencian a aquel. Esa incorporazón verificou-se en duas fases: se na primeira os protagonistas foron países da Europa central e balcánica antes submetidos ao ditado da URSS, na segunda os aderentes foron as próprias repúblicas soviéticas que acederon à independéncia a finais de 1991. Ben é verdade que nos últimos meses de existéncia da URSS, en outubro de 1991, esta subscrebeu un acordo de asociazón especial co FMI; ainda que o acordo non outorgava à Unión Soviética a condizón de membro do Fundo, permitia que se beneficia-se da asisténcia técnica e do asesoramento económico correspondentes. A incorporazón de todos estes países ao FMI supuxo, nos factos, a universalizazón dos contúdos deste e, con ela, a universalizazón das fórmulas económicas liberais defendidas polos países capitalistas desenvolvidos. O “mercado”, en particular, sobreviña conceito central de todas as concepzóns.

Na teoria, e en relazón coa Europa central e oriental, o FMI ten un único obxectivo: apoiar os “programas de estabilizazón”. A concesón de créditos e axudas, e a posta en andamento conseguinte de reformas estruturais, corresponden ao Banco Mundial e ao Banco Europeu de Reconstruzón e Desenvolvimento (BERD). Existen, contudo, outros dous canais de relazón. A primeira é a que se verifica através de procedimentos de axuda bilateral. A segunda abriu-se camiño en 1989, quando se lle encomendou à Comunidade Europeia a tarefa de coordenar a axuda financeira proporcionada polos países mais ricos. Para o efeito procedeu-se a criar o programa PHARE. Ben é certo que unha parte das axudas outorgadas no ámbito do próprio programa PHARE correspondia, apesar diso, ao FMI e ao Banco Mundial.

Ainda tendo en conta a relativa diversidade dos modos de relazón, o FMI e o Banco Mundial desenvolven os papéis fundamentais. Isto algo ten que ver con un feito: as suas posibilidades creditícias son maiores que as a están ao alcance dos estados. Por outra parte, e como ten sucedido en muitos lugares do Terceiro Mundo, os critérios avalados polo FMI son decisivos para que unha cheia de instáncias privadas –bancos, empresas– adopten as suas decisóns en relazón cos estados da Europa central e oriental.

 

Voltar ao índice

 

As “terapias de choque” e os seus efeitos

Os planos de axuste tiveron na Europa central e oriental unha reaparizón no que se ten dado en chamar “terapias de choque”. As mais significativas destas foron as aplicadas por Balcerowicz en Polónia e, quando menos nun primeiro momento, por Gaidar en Rúsia. Cinco son as características fundamentais destas “terapias”. A primeira é a supresón dos critérios de planificazón central, da man dun dupla proceso: desaparizón de subvenzóns estatais às empresas e imposizón paralela da lóxica do mercado. Provisoriamente as medidas adoptadas conduziron, en particular na Europa central, ao fechamento de numerosas empresas. Unha segunda característica é a liberalizazón dos prezos, que se traduziu axiña nunha inflazón disparada; no caso de Rúsia, e ainda que con anterioridade xá se verificara unha relativa liberalizazón, as medidas mais rotundas despregaron-se a partir de xaneiro de 1992. Un terceiro elemento é a progresiva convertibilidade das moedas e a supresón das instáncias de relazón económica –o CAEM– existentes na Europa central e oriental; as duas medidas propuñan-se facilitar a abertura exterior das economias, nun proceso que muito recorda ao que se desenvolveu nos países do Terceiro Mundo. A quarta característica é un manifesto apoio às privatizazóns, con éxitos mais ben escasos: as privatizazóns quase non alcanzaron às grandes empresas industriais, que en muitos dos países que nos ocupan son o núcleo principal de actividade económica. Alén diso, non contibuiron cos recursos esperados cara à recuperación das economias. O último elemento foi a reforma dos sistemas bancários, sobre a base da criazón dun banco central que devia controlar a criazón de diñeiro e supervisionar unha rede de bancos comerciais.

Ainda que nalguns casos a situazón é mais benigna, parece evidente que os resultados das “terapias de choque” son maus. En muitos estados rexistaron-se reduzóns dramáticas da produzón e dos investimentos, inflazóns disparadas e crescimentos incontroláveis do défice público. Algunhas das políticas aplicadas foron, polo demais, un fracaso. Tal é o caso de muitos dos programas de privatizazón ou do desígnio de reduzir drasticamente as subvenzóns estatais às empresas deficitárias. A presenza de capitais exteriores é as mais das vezes escasa, por outra parte, na maioria dos países que nos ocupan. Nengun progreso se ten realizado, ao fin, no ámbito tecnolóxico, de tal xeito que o desfasamento dos estados da Europa central e oriental non ten deixado de acrescentar-se nos últimos anos.

Parece fora de dúvida, contudo, que os piores efeitos das “terapias de choque” se manifestaron no ámbito social. Ainda que o panorama social dos sistemas burocráticos de antano non era precisamente saudável, a crise ten-se afundado nos últimos anos, ao amparo dunha singular combinazón entre os restos deses sistemas e o capitalismo selvaxe en promozón. Asi, a percentaxe de povoazón por baixo do limite da pobreza ten crescido en todos os países da Europa central e oriental. En vários estados ratificaron-se tambén as tendéncias que, a partir do decénio de 1970, agoiravan un incremento na mortalidade infantil e un descenso na esperanza de vida ao nascer. Nuns casos na realidade xá presente, e noutros no horizonte imediato, o desemprego comeza a converter-se nun dado ineludível. As vítimas fundamentais deste estado de cousas son tres: os vell@s –cos seus aforros desaparecidos da noite para a mañá, o poder adquisitivo das suas pensóns dramaticamente deteriorado e o sistema sanitário en absoluta desintegrazón–, as mulleres –as primeiras en perderen os seus postos de traballo en virtude de operazóns de “reconversón” industrial– e as minorias forasteiras residentes nas grandes cidades. Enquanto, os beneficiários son claros: as novas fornadas de empresários e as camadas mais despertas da nomenklatura de outrora, dispostas a reciclar-se no seio de hiperprotexidos mercados.

Todo o anterior, à parte de xerar graves problemas de apoio social aos governos, parece conduzir a unha interesante asimilazón: ainda que as razóns do fenómeno sexan muitas e mui complexas, os programas de axuste implícitos nas “terapias de choque” están a exercer efeitos semellantes aos que se fixeron sentir no Terceiro Mundo. E é que a “terceiromundizazón” de muitas relazóns parece un dado consistente na Europa central e oriental. O seu sinal mais claro é, sen dúvida, a manifestazón de xigantescas divisóns sociais, que permiten que uns poucos sectores saian adiante, imersos nunha auténtica orxia de consumo, enquanto a maior parte da populazón se ve abocada a unha situazón de penúria extrema.

Xá adiantamos no segundo capítulo deste livro que, como en tantos lugares do Terceiro Mundo, nas “democracias” emerxentes non surxiron sociedades civis capazes de dar resposta a unhas políticas manifestamente subordinadas a intereses externos e, se é o caso, pregadas às ambizóns de auténticos delinqüentes económicos. De por meio revela-se unha omnipresente aposta polo mercado, ao que se lle atribuen capacidades pouco menos que sobrenaturais. Mas encontra-se tambén un claro desígnio do mundo capitalista desenvolvido: o de proceder, como nos decénios anteriores no Terceiro Mundo, a un “saneamento” das economias que facilite a entrada, en condizóns, dos capitais exteriores.

 

Voltar ao índice

 

8. Unha nota, brevísima, sobre a globalizazón

Parece difícil negar que algo há que provavelmente merece o nome de globalizazón. E unha das provas que poden adiantar-se ao respeito é a que lembra a proliferazón de termos que, mal que ben, se moven en torno da mesma ideia; eis, para demonstrá-lo, os de “sistema mundial”, “internacionalismo”, “universalismo” ou “interdependéncia”. Claro que semellante proliferazón mamente poderia explicar-se se ao tempo non se fixesen valer, en terrenos tan díspares como os do comércio, as finanzas, a informazón, o meio ambiente ou o narcotráfico, fenómenos de rotunda materialidade. Lembremos, por citar só un exemplo, que en menos de dez anos, entre 1986 e 1995, multiplicaron-se por mais de seis as transaczóns nos mercados internacionais de cámbio, enquanto o fazian por cinco os investimentos externos acometidos polos países capitalistas desenvolvidos.

Mesmo con todo o anterior, é necesário convir que o conceito de globalizazón segue a exibir perfis mais ben vagos, e que ainda se encontran en estado incipiente as discusóns –asi, e entre outras, as que dán conta dos seus presumíveis efeitos sobre a territorialidade e o Estado– relativas a muitas das suas eventuais conseqüéncias. Nas breves observazóns que seguen tentaremos acometer duas liñas argumentais de entre as muitas posíveis: en primeiro lugar procuraremos identificar o que non é estritamente preciso que sexa un efeito da globalizazón. Depois dedicaremos algun esforzo a subliñar as que inexoravelmente semellan conseqüéncias negativas do proceso que nos ocupa.

 

Voltar ao índice

 

Que é o que non supón necesariamente a globalizazón

No noso rápido, e anunciado, repaso do que a globalizazón non está necesariamente abocada a produzir, o primeiro que devemos lembrar é que non parece de todo ponto evidente que ao seu amparo deva abrir-se camiño a desaparizón dos estados como axentes de relevo e a cancelazón, con ela, dun longo período histórico no que aqueles foron as instáncias principais nos terrenos mais diversos. Son muitos os estudiosos que suxeren que os estados sobreviverán na medida en que é preciso que exista unha instáncia que impoña algunha disciplina, permita xerar certa confianza e opere como corrector dos desequilíbrios mais agudos nos momentos de crise. Outros especialistas dedican o seu esforzo a subliñar a funzón mitigadora, que deve corresponder ao Estado, das agresóns meio-ambientais produto da globalizazón. Non faltan, ao fin, os analistas que salientan que o esquema desta última apenas debuxa instáncias às que podan reclamar-se responsabilidades, algo que, amais de acrescentar un défice democrático que xá era de avondo notório –por si só– antes da própria globalizazón, deve operar como estímulo para impedir unha plena crise do Estado e das suas funzóns. Sexan as cousas como sexan, parece fora de dúvida que o esquema de disoluzón, aparente ou real, do Estado que postulan a maioria dos partidários da globalizazón nada ten a ver, por unha cheia de motivos, coa teorizazón marxiana relativa a un proceso nominalmente semellante.

Ben é verdade que todas as afirmazóns anteriores, carregadas de saudáveis intenzóns, dan por suposta a racionalidade de indivíduos e sociedades, ao tempo que preferen esquecer que o “desarmamento” dos estados ten sido quase sempre a conseqüéncia dun desígnio consciente asumido por muitas das elites que os dirixen. Non vaia ser agora que alguén, inxénuo, pense que o pulo neoliberal e a eliminazón de muitas barreiras son espontáneos xermolos. Para fazer as cousas mais complexas, tambén é certo, contudo, que alguns dos modelos que se aduzen como exemplo das presuntas bondades da globalizazón –os dos “dragóns asiáticos”– son de estados que optaron, non pola eliminazón das barreiras, e si por políticas francamente intervencionistas (en cenários, non o esquezamos, nos que ao tempo se fai valer unha formidável expansón da represón política e da corrupzón). Alguns estados que en aparéncia están chamados a liderar a oposizón aos elementos mais negativos da globalizazón –asi, os membros da Unión Europeia– demonstraron ser, en cámbio, decididos partidários de políticas desregularizadoras, como o revela de xeito significado, sen ir mais lonxe, o feito de que no seu momento se opuxesen ao estabelecimento de fórmulas de castigo para aqueles países nos que as condizóns laborais non satisfixesen as regras mínimas estatuídas pola Organizazón Internacional do Traballo.

Tampouco resulta evidente que a globalizazón carrexe unha xenuína integrazón dos distintos modelos “nacionais” de inovazón ou de comércio. Mui ao revés, os procesos mais chamativos de quantos se desenvolven no quadro das compañias transnacionais seguen a verificar-se, e con notória claridade, no ámbito preciso de estados concretos e con significativas diferenzas entre uns e outros. Sobre esta base non é difícil enunciar un paradoxo: o que nunha primeira ollada é o núcleo da globalizazón –o seu despregue xeral e uniforme– contrasta cunha realidade na que o proceso que nos interesa ten enormes problemas para manifestar-se. No mellor dos casos poden recoñecer-se avances no que respeita à integrazón rexional dos diferentes modelos de inovazón e de comércio. Mas esa condizón rexional da integrazón antes desdi que confirma o fluxo xeral que comunmente se asócia coa globalizazón.

Non parece que a globalizazón leve consigo, ao fin, unha uniformizazón no que atinxe aos níveis de desenvolvimento e, con ela, unha disoluzón de muitas das regras próprias da relazón histórica entre o Norte e o Sul. Ao respeito, e nun sentido contrário a semellante pretensón, son tres as observazóns que poden adiantar-se. En virtude da primeira, muitos dos países “beneficiados” pola globalizazón seguen a exibir, e con contundéncia, os estigmas clásicos da dependéncia; as suas actividades económicas, que xeran un escasísimo valor acrescentado, asentan-se por cima de tudo na extraczón de recursos naturais e en modo nengun serven de alicerce para circuitos complexos como os que se perfilaron no seu momento en muitas das economias do Norte. Estas últimas seguen a levar, como pode imaxinar-se, a maior parte dos benefícios.

Conforme ao segundo aprezamento, non pode esquecer-se que a globalizazón só parece ter xerado efeitos nunhas poucas áreas xeográficas do Terceiro Mundo, de tal xeito que son muitos os espazos que fican completamente na marxe do proceso; avondará con lembrar que entre 1989 e 1993 nada menos que 90% dos fluxos de investimento destinados aos “países en vias de desenvolvimento” correspondia a só dez de entre eles (Arxentina, Brasil, China, Coreia do Sul, Hungria, Malaísia, México, Tailándia, Turquia e Venezuela). Enquanto, a situazón dos restantes, ao menos en termos comparativos, parecia emprazar-se na longa senda da degradazón.

Con arranxo à terceira observazón, ao fin, qualquer análise que esqueza considerar os mui distintos efeitos que a globalizazón ten sobre as elites, dunha banda, e sobre o resto da povoazón, doutra, terá asumido o camiño de dramáticas e elusivas simplificazóns que, de novo, invitarán a concluir de maneira en exceso precipitada que o cenário está a mudar escarpadamente con respeito ao pasado. Segundo unha das estimativas ao uso, desde o decénio de 1980 a pobreza ten crescido en termos absolutos en todo o Terceiro Mundo, enquanto os níveis de desigualdade se acrescentavan nas próprias economias dos “dragóns asiáticos”. Muitos dos prognósticos agoiran para un futuro próximo o que se ten dado en chamar unha sociedade do 20:80, na que unha quinta parte da povoazón terá traballo e vivirá na opuléncia, en tanto as quatro quintas partes restantes se verán condenadas a situazóns mais ou menos críticas.

Asi as cousas, a imaxe de que a globalizazón está a levantar o nível de vida de todo o planeta non é senón unha induzida superstizón da que nasceu outra: a de que só quen consegue subir ao carro do desígnio globalizador está en disposizón de fuxir da miséria. Hoxe nen sequer o que parecia o exemplo mais consistente desta presunzón –o dos várias vezes mencionados “dragóns”– ten a forza do pasado e mais ben semella que comezan aparecer pretas nuves sobre paraísos precipitadamente construídos.

 

Voltar ao índice

 

As conseqüéncias negativas: mais do que xá tiñamos

A globalizazón que se aviziña, e que en boa medida é xá unha realidade, implica un novo proceso de concentrazón de capacidades de decisón nunhas poucas macrocompañias, e non –como suxeren tantas xentes carregadas de inxenuidade– a disoluzón do poder no quadro dun sistema mundial no que cada unha das suas partes disporá de parecida posibilidade de aczón. E isto ao fin non será senón un paso mais nunha longa história de concentrazón de capacidades en determinados espazos: ainda que a miúdo se esqueza, a globalizazón non é un proceso de xerazón espontánea, descentralizada e universal, senón unha dinámica que ten as suas raízes nos núcleos do poder capitalista mundial.

Apesar do dito antes sobre o Estado, e sobre as suas muitas posibilidades de preservazón, parece fora de dúvida que a globalizazón reclama a disoluzón das fórmulas de democracia representativa en proveito de macroestruturas definidas pola sua condizón económico-financeira-tecnolóxica. Neste sentido os efeitos do dramático retroceso operado nas capacidades autónomas de movimento de tantos estados son particularmente visíveis nun feixe de países do Terceiro Mundo vítimas da debilidade das suas instituizóns, da sua nula capacidade de regulazón e da auséncia de defesas frente às crises bancárias e financeiras. A globalizazón non parece chamada a provocar, polo demais, a irrupzón de novos e saudáveis valores: implica, antes ben, a xeneralizazón do que semella un reducionismo económico e tecnolóxico ao que só importan os efeitos, presuntivamente saudáveis, do mercado e da acumulazón capitalista.

Mas é que, e por demais, a globalizazón non garante en modo nengun a remisón dos conflitos entre grandes núcleos de poder que se disputan os priviléxios derivados da condizón de quen domina o proceso. E parece mui importante ter presente esta última circunstáncia, tanto mais quanto que un dos mitos asociados coa ideia de globalizazón é precisamente o da sua enorme potencialidade no que atinxe à cancelazón de conflitos. Se non pode descartar-se a manifestazón destes no seu sentido mais convencional –resulta difícil non relacionar procesos afins à globalizazón coa recente extensón dos conflitos na África subsaariana–, tampouco pode fazer-se no que se refere às tensóns, aparentemente mais contidas, vinculadas con crises financeiras como as que comezan a manifestar-se por todas as partes.

Acrescentemos duas observazóns mais sobre intuíveis conseqüéncias negativas da globalizazón: a primeira, localizada xeograficamente mas non por iso menos importante, conduz a considerar as muitas posibilidades de que, ao amparo da globalizazón en curso, se lle dé un pulo mais à quebra –en virtude, entre outras cousas, dunha progresiva substituizón do traballo por novas tecnoloxias, da paralela fuxida de capitais na procurazón de custos de produzón mais baixos, dunha ampliazón dos mercados que lle resta importáncia à posesón dun interno e dunha xenérica satanizazón dos “estranxeiros” como presumíveis culpáveis de todos os males– dos estados do ben-estar realmente existentes, e à conseguinte ruptura, neles, de precários equilíbrios. Provavelmente non é preciso lembrar que nen a quebra nen a ruptura teñen nada a ver con un desígnio de alimentar unha repartizón xusta e solidária dos recursos entre os países mais ricos e os mais pobres. A segunda observazón convida a subliñar as nulas respostas que a globalizazón está en condizóns de achegar à resoluzón das crises meio-ambientais que a sua despregadura inequivocamente xera. E, por certo, esta última incapacidade algo ten tambén de paradoxo, toda vez que nos últimos quinze anos se repete ad nauseam que os problemas meio-ambientais reclaman de respostas globais.

Digamos, enfin, que a maioria dos especialistas ao uso –incluídos muitos dos que senten poucas simpatias pola globalizazón que se abre camiño– toman partido, e con rotundidade, por un proceso que tende à eliminazón das fronteiras. De resultas, rexeitan as tendéncias “localistas”, que propenden a reforzar obstáculos e separazóns. A parte de subliñar o que é evidente –que a globalizazón non supón un definitivo acantoamento das tensóns localistas-isolacionistas, que como reaczón poden, mui ao revés, reaparecer con fortaleza–, se quadra o mais urxente é recordar que a desaparizón das fronteiras que se perfila no horizonte interesa aos poderosos, non en virtude de respeitabilísimos impulsos universalistas, senón, antes ben, por efeito da defesa dos intereses mais particulares e mesquiños.

A disoluzón de muitos dos valores locais parece abocada a produzir-se, noutras palavras, en proveito dunha cultura uniforme na que se impoñen homes de negócios, tecnocratas e ciberempresários. Asi as cousas, a conclusón é ben sinxela: a globalizazón apresenta-se como un procedimento mais, un paso adicional que nada ten de espontáneo e de imprevisto, no cenário dunha formidável e intelixente estratéxia de preservazón dos poderes e os priviléxios tradicionais. E isto até o ponto de que nalgunha das suas dimensóns pode retrotrair-nos a crenzas e usos que, con visível precipitazón, demos por enterrados co pensamento ilustrado. Tambén enterramos prematuramente, por certo, unhas palavras de Marx que, no século XIX como hoxe, e trás un breve interregno no que outras ilusóns se fixeron valer, parecen unha meticulosa descrizón da realidade: “A tendéncia xeral da produzón capitalista non estriba en elevar o nível meio dos salários, senón en rebaixá-lo e en presionar o valor do traballo até o seu limite mínimo”.

 

Voltar ao índice